O panorama postelectoral en Chile tralos comicios presidenciais realizados o pasado 17 de novembro implica considerar diversos aspectos relativos aos cambios e as transicións que están ocorrendo neste país, particularmente trala consolidación democrática desde 1990, do seu prolongado crecemento e dos consecuentes desaxustes socioeconómicos. Neste sentido, o panorama postelectoral invita a reflexionar sobre o auxe de movementos sociais, principalmente no sector educativo, que están impulsando novos perfís e liderados e un cambio na cultura política chilena.
O panorama postelectoral invita a reflexionar sobre o auxe de movementos sociais, principalmente no sector educativo, que están impulsando novos perfís e liderados e un cambio na cultura política chilena
No electoral, as expectativas previas practicamente quedaron cadradas. A única incógnita estribaba na eventualidade de que a candidatura da socialista e ex presidenta Michelle Bachelet (coalición Nova Maioría, NM) alcanzara o triunfo na primeira volta. Bachelet obtivo o 46,68% dos votos, rozando o 50% requirido pola lei electoral para evitar unha segunda volta que, finalmente, se realizará o próximo 15 de decembro. Con todo, a contundencia do seu triunfo sobre a súa rival Evelyn Matthei (25,01% dos votos), candidata da plataforma de centrodereita Renovación Nacional (RN), veuse obstaculizada pola elevada abstención (50,7%), moi probablemente determinada pola non obrigatoriedade do voto, e que afectou ás expectativas de Bachelet de gañar en primeira volta.
En clave política, as respectivas candidaturas de Bachelet e Matthei reflectían a polarización existente dentro do bipartidismo establecido trala transición post-Pinochet iniciada en 1990, e identificada no preponderancia política en mans da Concertación (centroesquerda) e da Alianza (centrodereita). Neste sentido, a correlación de forzas políticas tanto no Congreso como no Senado explica esta tendencia: a NM de Bachelet, na que se inclúe unha heteroxénea coalición liderada polo Partido Socialista, a PPD, o Partido Comunista, demócrata cristiáns, radicais e ecoloxistas, ampliou a súa vantaxe no Senado (21 escanos dun total de 38) e Congreso (68 escanos dun total de 120), por riba da RN de Matthei (16 escanos no Senado e 48 no Congreso).
Este novo mapa político dificulta a grandes trazos as expectativas de Bachelet e da NM de impulsar a reforma integral dunha Carta Magna elaborada en 1980, en plena ditadura de Augusto Pinochet
Non obstante, e a falta de posibles pactos parlamentarios, este novo mapa político dificulta a grandes trazos as expectativas de Bachelet e da NM de impulsar a reforma integral dunha Carta Magna elaborada en 1980, en plena ditadura de Augusto Pinochet.
Non menos salientable deste proceso electoral en Chile é o ascenso dunha serie de movementos sociais, así como de formacións como o Partido Comunista, á hora de erixirse como referencias no cometido de acentuar novas pautas da cultura política. O caso máis significativo foi o triunfo de Camilla Vallejo (25 anos), ao alzarse como deputada polo Partido Comunista dentro da coalición de Bachelet. Vallejo é a líder do movemento “Por unha educación pública, gratuíta e de calidade” que desde 2011 sacudiu o escenario público, exercendo unha forte presión contra o goberno de centrodereita do actual presidente Sebastián Piñera.
Non menos salientable deste proceso electoral en Chile é o ascenso dunha serie de movementos sociais, así como de formacións como o Partido Comunista, á hora de erixirse como referencias no cometido de acentuar novas pautas da cultura política
Ademais do ascenso dunha nova xeración política, o escenario chileno da conta do impulso de diversos movementos sociais e civís de carácter contestatario, cunha ampla diversidade (estudantil, rexionalista, ecoloxista, etc), cun impacto ata agora inédito pero que está transformando a cultura política chilena e contrastando coa visión excesivamente compracente do seu “milagre económico”.
O ascenso da contestación social
Alén das expectativas de cara á segunda volta electoral a mediados de decembro entre Bachelet e Matthei, así como da correlación de forzas parlamentarias acaecidas trala primeira volta do pasado 17 de novembro, o máis significativo do escenario postelectoral en Chile é a perspectiva da asunción dunha nova xeración de liderados políticos, principalmente provenientes da esquerda e dos movementos sociais, cun impacto que eventualmente determinará importantes cambios na cultura e no escenario político nacional.
Vallejo, con 25 anos, constituíuse na deputada mais nova na historia parlamentaria, alcanzando un contundente 43,7% dos votos no seu distrito
Desde que en 2011 se impulsara a presión estudantil por unha “educación pública, gratuíta e de calidade”, os seus principais líderes enrolados na Federación de Estudantes da Universidade de Chile (FECH), Camilla Vallejo, Gabriel Boric, Giorgio Jackson e Karol Cariola, foron electos como deputados ao Congreso Nacional nas eleccións do pasado 17 de novembro, inseridos dentro da coalición Nova Maioría de Bachelet a través de candidaturas do Partido Comunista, das Xuventudes Comunistas e nas listas independentes. De todos eles, Vallejo, con 25 anos, constituíuse na deputada mais nova na historia parlamentaria, alcanzando un contundente 43,7% dos votos no seu distrito.
Este feito pode resultar sintomático das perspectivas de cambio tanxencialmente existentes na política chilena. O avance dos movementos sociais nos últimos anos suxire a identificación dunha posición contestataria contra o establishment político e a necesidade de premer por unha maior amplitude da participación e representación cidadá nos asuntos públicos, o que moi probablemente acabe revertindo no signo da reforma constitucional.
Esta perspectiva de ascenso dos movementos sociais e das súas potencialidades á hora de alcanzar logros políticos, revela igualmente cambios na cultura política dun país tradicionalmente “clasista” e con dificultades de mobilidade social. Ao mesmo tempo, esta realidade, que se ben consolida a consistencia da transición democrática iniciada a partir de 1990, determinando a institucionalización dun establishment político de carácter bipartidista entre a Concertación (centroesquerda) e a Alianza (centrodereita), contrasta e cuestiona fortemente a imaxe tradicionalmente ofrecida dende o exterior, sobre a aparentemente incontestable estabilidade chilena.
Esta realidade, que se ben consolida a consistencia da transición democrática iniciada a partir de 1990, determinando a institucionalización dun establishment político de carácter bipartidista
Este ascenso da contestación cidadá a través da potenciación de movementos sociais cobra forza nos últimos tempos e tivo igualmente a súa repercusión en determinadas candidaturas electorais o pasado 17/N. Cómpre aquí sinalar a candidatura de Roxana Miranda, candidata presidencial do Partido Igualdade (obtivo o 1,27% dos votos), movemento creado en 2009 coa intención de servir como instrumento político ao servizo de diversas organizacións sociais (entre elas, Andha Chile a Loitar Democrático, Movemento de Poboadores en Loita, Movemento pola Dignidade, Movemento do Pobo sen Teito), na perspectiva de ofrecer un espazo para novos dirixentes sociais que loitan por alcanzar cotas de representación popular.
Aínda que sen representación electoral, outro caso significativo é a recente creación do movemento político Forza Pública, orientado a exercer unha forte posición cidadá nos asuntos públicos chilenos. Nesta perspectiva, os últimos anos foron prolíficos no espertar do asociacionismo cidadá e dos movementos sociais en Chile, cunha diversidade tal que implica a movementos de carácter rexionalista (provincias de Magallanes, Aysén, Chiloé, entre outros), estudantís, indixenista (etnia mapuche), ecoloxistas, etc.
Estas expectativas de cambio, aínda probablemente embrionarias, gravitan e exercen notable influencia no programa electoral de Bachelet
Estas expectativas de cambio, aínda probablemente embrionarias, gravitan e exercen notable influencia no programa electoral de Bachelet, en particular na súa perspectiva de reforma constitucional, notoriamente obstaculizada tras non obter a maioría absoluta parlamentaria.
De cara á segunda volta, a celebrarse a mediados de decembro, onde as expectativas sinalan unha eventual vitoria definitiva de Bachelet, o seu reto así como da coalición NM consiste en activar e vertebrar unha serie de consensos entre os diversos partidos e movementos sociais que demandan cambios e reformas estruturais, particularmente no cometido de evitar a dispersión destas demandas así como eventuais loitas intestinas.
Os contrastes do “milagre chileno”
Desde finais da década de 1980, Chile ven presentando unha notable tendencia de crecemento económico e de diminución da pobreza
Segundo estatísticas do Banco Central de Chile de mediados de novembro, o PIB chileno medrou un 4,7% no terceiro trimestre de 2013, cifra superior ás expectativas ante a previsión de desaceleración do crecemento económico. Desde finais da década de 1980, Chile ven presentando unha notable tendencia de crecemento económico e de diminución da pobreza, factores que ilustran a evolución deste país, presentado no exterior como unha “estrela” e referencia de desenvolvemento a nivel latinoamericano.
Esta tendencia, que coincide coa transición democrática e os seus procesos de masiva privatización económica, desprazamento do papel público estatal e decidida diversificación do sector produtivo (especialmente orientado cara o sector comercial exportador nunha economía aínda fortemente dependente do sector mineiro), implicou a consideración de Chile como unha “economía emerxente” nos mercados internacionais.
Un caso particularmente significativo ten que ver co énfase de Chile por ingresar nos marcos de cooperación co Sueste Asiático e Asia-Pacífico, á vista da súa presenza en organismos como o Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico, APEC (desde 1994) e da Alianza do Pacífico (2012), xunto a Perú, Colombia e México.
O énfase de Bachelet e dos movementos sociais nunha inevitable reforma constitucional e nunha mellor distribución dos ingresos sinala problemas de cobertura social por parte do Estado
Non obstante, pódense inferir determinadas matizacións a esta perspectiva “positivista”, en particular ante as tendencias políticas postelectorais tralos comicios do 17/N. O énfase de Bachelet e dos movementos sociais nunha inevitable reforma constitucional e nunha mellor distribución dos ingresos sinala problemas de cobertura social por parte do Estado, que deixa ás claras un aumento no nivel de desigualdade socioeconómica, paralelamente derivado do prolongado crecemento económico e da forte concentración da riqueza en determinadas elites.
Estas deficiencias determinan unha demanda de políticas sociais, principalmente por parte da coalición NM e dos movementos sociais e de esquerda, que implican igualmente unha forte polarización política ante o proxecto electoral de Matthei e da Alianza
Estas deficiencias determinan unha demanda de políticas sociais, principalmente por parte da coalición NM e dos movementos sociais e de esquerda, que implican igualmente unha forte polarización política ante o proxecto electoral de Matthei e da Alianza, centrado na preservación da liberdade individual e na diminución da visión “paternalista” do Estado. Esta polarización non está exenta de riscos de presumible inestabilidade social e política na medida en que estas demandas mobilicen a sectores cidadáns, tal e como se ven rexistrando nos últimos anos. Unha realidade que, en perspectiva, ditaminará os alcances do asumido “milagre chileno” e as potencialidades do seu proxecto de desenvolvemento.