Na súa primeira comparecencia ante a Cámara que o nomeou hai ano e medio tras anunciar que deixará a Xunta o presidente seguiu realizando anuncios de medidas para finais deste ano
O 3 de setembro de 2020 o Parlamento de Galicia investiu presidente da Xunta a Alberto Núñez Feijóo. Ano e medio máis tarde, xusto unha semana despois de que o propio Feijóo anunciase que vai deixar a presidencia do Goberno galego tras ser elixido presidente do PP estatal pero sen concretar prazos, a portavoz do BNG, principal grupo da oposición, Ana Pontón, preguntoulle “cando vai dimitir como presidente da Xunta”. A resposta de Feijóo foi insinuar que deberan dimitir dos seus cargos tanto Pontón como o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, ao tempo que seguiu realizando anuncios de medidas da Xunta que prevé para finais deste ano, como a aprobación nese horizonte dunha nova lei de igualdade.
Foi nunha sesión de control da oposición ao Goberno galego que Feijóo volveu mudar nunha sesión de críticas á oposición, na que considerou insuficiente a condena expresa do BNG á invasión de Ucraína por Rusia e acusou a Pontón de non ter “humanidade” ante o bombardeo de “hospitais e ambulancias” pola súa negativa a secundar unha declaración de PP e PSdeG que incluía apoio á OTAN. [A unanimidade no eido local sobre a invasión da Ucraína racha no Parlamento].
Pontón comezou a súa pregunta a Feijóo lembrando que hai ano e medio dicía que era maior o seu compromiso con Galicia que co seu partido. “Hai quen cre que vostede é Feijoo o moderado, pero realmente é Feijóo o subordinado”, dixo, para preguntarlle tamén se vai “gobernar Galicia por teléfono móbil” e “cando vai dimitir como presidente da Xunta”.
Feijóo iniciou a súa resposta pedindo ao presidente do Parlamento “que quede constancia de que estou en presenza física e non estou facendo unha sesión de control por teléfono”. E ante a pregunta de cando pensa dimitir, respondeu reformulándolla a Pontón e asegurando por dúas veces que leva “22 anos na Cámara”, malia que son 18. Pero foi máis alá e meteu no debate co BNG ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. “Cre que Formoso debera dimitir? Ten dous cargos de goberno, alcalde dun concello [As Pontes] e presidente de todos os concellos [Deputación da Coruña]”.
Unha semana despois de criticar pero xustificar o bipartito que o PP mantén en Ourense con Jácome, Feijóo acusou ao BNG de "gobernar con calquera con tal de gobernar"
O presidente do Goberno galego insistiu varias veces en que el ten un cargo no PP e outro na Xunta mentres que Formoso ten un no PSdeG e dous de goberno, malia no seu caso é unha obriga legal xa que para ser presidente de Deputación hai que ser alcalde ou edil nun concello, ao igual que para ser presidente da Xunta tamén hai que ser deputado no Parlamento de Galicia.
Feijóo nada aclarou do seu futuro máis alá de asegurar que cumprirá coas súas obrigas de presidente “ata o último instante”, e cargou contra quen lle preguntaba acusando a Pontón de que “con tal de gobernar, é quen de gobernar con calquera”, afirmación que lanzou menos dunha semana despois de criticar pero xustificar o bipartito que o PP mantén en Ourense con Gonzalo Pérez Jácome.
Boa parte das réplicas ás preguntas de Pontón sobre o seu futuro como presidente centrounas en insinuar que o BNG apoia as agresións de Rusia contra poboación civil, entre citas a bombardeos a "hospitais e ambulancias"
As súas críticas ao BNG tamén se dirixiron contra a negativa da formación nacionalista a aprobar unha declaración institucional no Parlamento de rexeitamento do ataque ruso a Ucraína na que PP e PSdeG introduciron, a diferenza doutras previas impulsadas de xeito unánime noutras administracións, un apoio expreso á OTAN. “Vostede non é quen de ter sequera un xesto de humanidade nun momento crítico ás portas de Europa”, chegou a dicirlle Feijóo a Pontón mentres citaba bombardeos a “hospitais e ambulancias”. Porén, ao tempo o presidente atribuíu a negativa do BNG a secundar a declaración a que Pontón “non lidera o BNG” e non é quen de impoñer o seu criterio sobre outras visións dentro da formación nacionalista.
De nada serviu que Pontón previamente apelase a Feijóo, lembrando a condición de ambos de nai e pai dunha filla e un fillo, para que non empregase a guerra en Ucraína para atacar o BNG. Boa parte das dúas réplicas que Feijóo deu ás preguntas do BNG sobre o seu futuro como presidente da Xunta centrounas en insinuar que os nacionalistas apoian a agresión de Rusia contra a poboación civil.
Porén, só uns minutos despois das súas acusacións o presidente compartiu co resto de deputados e deputadas, incluído o BNG, o que o Parlamento cualificou como “concentración e minuto de silencio no Parlamento de Galicia en memoria das vítimas da guerra e como sinal de repulsa contra a invasión de Ucraína”.