O pasado 24 de febreiro comezou a invasión da Ucraína por parte de Rusia. Naquela mesma xornada o Concello de Santiago celebraba o seu pleno ordinario e a coincidencia propiciou que fose unha das primeiras institucións en condenala e solidarizarse oficialmente coas vítimas da guerra. Fíxoo mediante unha declaración institucional -figura que require da unanimidade dos grupos políticos- consensuada pola vía de urxencia.
Ao día seguinte, o 25 de febreiro, a Deputación da Coruña tamén celebraba sesión plenaria e, na mesma liña, aprobou unha declaración institucional de condena da invasión, de solidariedade coas vítimas e de petición dun alto ao fogo na procura dunha saída diplomática, entre outros aspectos. Este 8 de marzo, no pleno ordinario da Deputación de Lugo, a unanimidade dos grupos tamén abeirou unha declaración institucional de condena da invasión, na que tamén se sumou á apelación á paz e ao respecto dos dereitos humanos, ademais de brindarse a axudar ás persoas refuxiadas no ámbito das súas competencias.
Este mesmo martes principiaba tamén o pleno ordinario do Parlamento e os tres grupos da Cámara galega tiñan pendente pechar a declaración institucional sobre a guerra da Ucraína. Pero a unanimidade do eido local, como mostras como as devanditas, rachou no lexislativo galego.
PP e PSdeG formulan unha declaración de condena á invasión e solidariedade co pobo ucraíno que inclúe apoio explícito a accións da UE e da OTAN das que se desmarca o BNG, que propón aprobar o texto pactado ao respecto polos grupos da Deputación da Coruña. A declaración institucional require unanimidade, polo que non saíu adiante
PP e PSdeG formularon un texto conxunto ao respecto que, xunto coa condena "enérxica" á invasión e á mostra de solidariedade co pobo ucraíno, inclúe un apoio explícito ás "sancións precisas" por parte da UE "co fin de que se poña fin o conflito" e "poidan ter algún tipo de efecto no goberno ruso de Vladimir Putin". Ademais, expresa o "compromiso" cos principios "contemplados no preámbulo do tratado de constitución" da OTAN e "no da Constitución da Unión Europea", e "apoia o labor que as forzas armadas españolas están a desenvolver para garantir a paz e a integridade territorial nos países europeos".
Esas mencións explícitas ao apoio á OTAN non foron secundadas polo BNG, que propuxo acordar no Parlamento a mesma declaración institucional "aprobada por todos os partidos na Deputación da Coruña". "Se o obxectivo é condenar a invasión de Rusia, xa hai unha proposta de consenso", sinalou no treito final da negociación a vicevoceira nacionalista na Cámara, Olalla Rodil.
Para o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, a clave é que o BNG "se nega a respaldar ao noso Goberno e á UE", así como á OTAN como "garantía de paz e seguridade" fronte a esta "invasión contraria ao dereito internacional" malia que "incorporamos o texto do BNG no que atinxe á solidariedade co pobo ucraíno". O secretario xeral dos conservadores, Miguel Tellado, vai alén para afirmar que ao Bloque "non lle importan as vítimas nin a guerra", nin "a liberdade e a democracia" porque "son uns sectarios sen alma" que, di, lle producen "vergoña allea".
Por parte do PSdeG o seu voceiro parlamentario, Luis Álvarez, coida que "o único que cabe, de forma sensata, é apoiar os organismos internacionais, á UE e á OTAN", así como ao Goberno de España "dentro das accións coordinadas" fronte a unha invasión contra a que "só cabe unha resposta contundente, non cabe ningún tipo de medias tintas". Por este motivo, agrega, lamenta que o Bloque non secundase o texto acordado por socialistas e populares. A pasada semana, o PSOE xa reclamara ao Bloque secundar o texto conxunto ao respecto pactado por unha maioría de grupos no Congreso.
Unha vez constatada a ausencia de acordo, o BNG considera que PP e PSdeG "están a utilizar a dor do pobo ucraíno, os mortos e os refuxiados desta guerra para atacar ao BNG". "É o máis indecente que vin neste Parlamento", afirma Rodil.