As semanas finais de Feijóo na Xunta comezan cunha xira por todas as autonomías como candidato a liderar o PP

Feijóo, nun acto de partido con Casado e Rajoy en setembro de 2021 en Santiago © David Mudarra / PP

Este xoves, 10 de marzo, Alberto Núñez Feijóo será proclamado oficialmente como candidato á presidencia estatal do PP. Ao día seguinte, o aínda presidente da Xunta iniciará unha xira por agrupacións do partido en "todas as comunidades autónomas" para facer campaña interna con independencia de que teña ou non rivais -polo momento, só unha militante valenciana allea ao núcleo dirixente dixo estar disposta a competir-. Esa campaña dura ata o domingo, día 20, dando paso a asembleas da formación como pórtico ao plenario do Congreso, en Sevilla o venres 1 e o sábado 2 de abril.

O aínda presidente di que podería compatibilizar o liderado do seu partido co da Xunta durante "semanas ou meses" pero apunta a maio para a súa marcha definitiva

Esta intensísima axenda interna marca o principio da fin de Feijóo na presidencia da Xunta, posto para o que foi elixido polo Parlamento por primeira vez o 16 de abril de 2009. O aspirante á sucesión de Pablo Casado evita dende a pasada semana concretar as datas nas que abandonará Galicia e este mesmo luns, nunha entrevista en Antena 3, mesmo afirmou que podería compatibilizar a presidencia do PP coa da Xunta durante "semanas ou meses". Non obstante, na mesma intervención televisiva bosquexou cal podería ser o calendario real.

Feijóo, nunha reunión co grupo do PP no Senado en 2012 © PP

"As semanas ou meses que tarde en incorporarme exclusivamente á presidencia do PP no caso de gañar o congreso verémolo a partir do mes de maio", afirmou ademais de evidenciar que non exercerá os dous postos durante "moito tempo" porque ambos precisan dedicación "completa". "É compatible ser precandidato e presidente dunha comunidade autónoma; mesmo o sería ser presidente do PP e da Xunta, pero non o vou facer", agregou.

Feijóo será presidente estatal do PP o 2 de abril. De aí en diante, cando presente a dimisión na Xunta activarase o proceso parlamentario para substituílo, que non pode durar máis dun mes

Nesta combinación de afirmacións pode ir implícito o guión do que está por vir. O 2 de abril, Feijóo será aclamado polo seu partido como novo líder e nese momento comezará a ser presidente estatal do PP e da Xunta ao mesmo tempo. Dende a semana seguinte -na que, seguindo o calendario ordinario, tocaría pleno no Parlamento de Galicia-, podería activar cando desexe o proceso da súa substitución no Goberno galego presentando a dimisión, o que provocaría que todo o Executivo entrase en funcións e que, no prazo máximo de 30 días, o Parlamento elixise o substituto ou substituta proposto polo polo Grupo Parlamentario Popular. E xa sería maio.

Os prazos, en calquera caso, están unicamente nas súas mans. Botando man desa prerrogativa podería, por exemplo, estirar o proceso para que o novo presidente ou presidenta da Xunta fose elixido polo Parlamento contra a fin do actual período de sesións, que chega ata mediados de xullo. Nisto entraría tamén en xogo outro elemento: se o PP quere ou non situar a Feijóo no Senado para darlle así a oportunidade de confrontar co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, dada a imposibilidade de que teña escano no Congreso ata a vindeira lexislatura estatal. 

Para incorporalo á Cámara Alta tería que producirse a dimisión dun dos dous actuais senadores por designación autonómica que corresponde designar ao PP (os postos están ocupados por Elena Muñoz e mais por Juan Serrano, ex-alcalde de Portomarín, que a finais de 2021 substituíu no escano ao dimisionario Jesús Vázquez) e o Parlamento tería que celebrar unha votación específica para nomear a Feijóo, xa como ex-presidente da Xunta. Seguiría así o mesmo percorrido que Manuel Fraga, que en marzo de 2008 foi designado senador por designación autonómica sen o apoio explícito do PP, que protestou nas súas papeletas contra o sistema de elección, converténdoas en nulas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.