"Todo o mundo sabe que non comparto moitas das decisións que se adoptaron, pero en todo caso abandono a política activa". O ex-conselleiro Jesús Vázquez, alcalde de Ourense entre 2015 e 2019, resumía así este venres, 3 de outubro de 2021, a súa decisión de dimitir de todos os cargos políticos que ostenta: concelleiro do PP, senador por designación autonómica e coordinador do PP na capital ourensá.
O ex-alcalde confirmou a súa marcha da política activa no pleno municipal de Ourense, onde rompeu a disciplina de voto cos socios do bipartito presidido por Jácome, a cuxa reconstitución se opuxo abertamente
Vázquez confirmou a súa retirada no transcurso do pleno municipal ourensán. O mesmo no que votou a prol dunha moción do BNG para que o Concello dedique fondos europeos a finalidades como mercar novos autobuses. Fíxoo rompendo a disciplina de voto do bipartito que goberna a cidade, o do seu propio partido xunto aos tres edís que quedan baixo as siglas de Democracia Ourensana, entre eles o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
A dimisión de Vázquez chega apenas tres meses despois de que os populares dese en retornar a coalición con Jácome, a quen o ex-conselleiro tivo que ceder o bastón de mando en xuño de 2019 no marco da operación pola cal a dirección do PP lle entregou a alcaldía a cambio de soster a José Manuel Baltar na presidencia da Deputación. Vázquez opúxose abertamente a ese regreso.
Na primeira versión do bipartito, Vázquez non asumiu a xestión de concellería ningunha e o mesmo sucedeu na segunda. Tras ser sacrificado na operación para salvar a Baltar, a dirección galega do PP enviouno á Cámara Alta como senador por designación do Parlamento de Galicia, cargo dende o que se aliñou co sector máis dereitista do PP de Pablo Casado e que agora tamén vai abandonar para regresar ao seu posto como profesor na Facultade de Empresariais e Turismo do campus ourensán.
Jesús Vázquez saltou ao primeiro plano da política galega en 2009 como primeiro conselleiro de Educación de Feijóo. Foi o responsable de aplicar controvertidas medidas como o 'decreto do plurilingüismo', os recortes no ensino ou despregar a 'Lei Wert'
Antes de inserirse de cheo na política local ourensá, Vázquez (Núremberg, 1967) saltou ao primeiro plano da política galega como primeiro conselleiro de Educación do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Tras un breve paso polo Congreso como deputado do PP de Rajoy (electo en 2008), en 2009 Feijóo encomendoulle a Consellería responsable de sacar adiante un dos seus proxectos estrela máis controvertidos, o denominado decreto do plurilingüismo. Como conselleiro foi tamén encargado de aplicar os recortes orzamentarios no ensino que marcaron a década pasada ou de despregar a Lei Wert.
Vázquez defendera aquel lanzando, entre outras, afirmacións como que o galego maioritario no ensino e cumpría un "equilibrio" co castelán. Anos despois, a súa propia consellería admitía que tal afirmación non se correspondía coa realidade e que a posición da lingua galega nas aulas era, en realidade, "moi desfavorable". O agora edil dimisionario foi parte do Goberno de Feijóo como conselleiro de Educación -e tamén de Cultura- ata 2015, cando foi designado candidato do PP á alcaldía de Ourense, que logrou exercer durante un turbulento mandato en minoría.