Na súa calidade de alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome participou o pasado Día Nacional na entrega da Medalla de Ouro de Galicia ao dispositivo de vacinación contra a COVID-19, dende o persoal sanitario ao de seguridade ou loxístico. A encargada de recoller o galardón foi a enfermeira Yolanda Moares, quen administrou a primeira dose das inxectadas en Galicia. Ao fío deste recoñecemento, Moares vén subliñando a importancia da vacinación, máis tamén apuntando ás fortes eivas que sofre a Atención Primaria do Sergas, agravadas pola actual vaga da pandemia e pola atención ao propio proceso de inmunización.
O alcalde de Ourense cuestiona recoñecer coa Medalla "aos enfermeiros que pican a agulla no brazo aos cidadáns" porque "poñer unha vacina non require unha pericia particular" e "non son voluntarios"
Unhas horas despois, Pérez Jácome mostrou publicamente o seu desacordo coa concesión do galardón. Fíxoo a través das redes sociais e anticipando, dixo, que é "consciente" de que as súas palabras poden "manipularse e xerar un titular nesgado que me dane" ou provocar que "algún profesional poida verse erroneamente atacado". "Pero o futuro é dos intrépidos", manifestou.
Segundo o rexedor ourensán, que dende finais do pasado mes volve gobernar un bipartito tras o retorno do PP ao goberno local, ficou "alucinado" polo que denominou como "homenaxe ao colectivo enfermeiro". "A Medalla de Galicia -considera- debería ir para quen desenvolveron a vacina para frear a COVID" e "en todo caso, para os investigadores galegos que, con pocos medios, o tentaron nos seus laboratorios". "Pero, con todos os respectos: entregar a medalla aos enfermeiros que pican a agulla no brazo aos cidadáns?", pregúntase.
Defende Jácome que "poñer unha vacina non require unha pericia particular", xa que "non é cirurxía" e "quen poñen as vacinas non son voluntarios". "É máis -acrecenta- a maioría cobran horas extra". Ao seu xuízo, "mención especial si debería dispensarse aos voluntarios de Protección Civil", colectivo que tamén foi receptor da Medalla, porque "axudas loxisticamente" e "moitos non cobran nas vacinacións".
Segundo o alcalde de Ourense, "os países prósperos non só invisten en I+D", senón que tamén "miman con recoñecemento aos investigadores". "Aquí, en España, o paradigma é ser funcionario e aínda por riba, ata son recoñecidos publicamente con honras", reprochou.
As verbas de Jácome foron rexeitadas publicamente polos seus socios de goberno ou, cando menos, por parte do grupo do PP no Concello ourensán. Censurounas, concretamente, quen fora alcalde da cidade, Jesús Vázquez, actual concelleiro na corporación ourensá sen posto no goberno de Jácome, pero parte da maioría que o sustenta.
O tamén senador por designación do Parlamento di considerar as mensaxes de Jácome "absurdas" e con afán de provocación. Tamén a través das redes sociais, Vázquez ve "xusto e incuestionable" o "recoñecemento" outorgado coa Medalla de Galicia e, sobre Jácome -ao que non menciona- coida que "buscar un novo colectivo a quen atacar é indigno e espurio". Tamén, agrega, "algo que non debera vir de quen representa a unha cidade e a todos os seus cidadáns sen excepción".
Colectivos profesionais da enfermaría ven "vergoñentas" as palabras de Jácome e esíxenlle unha desculpa pública
"Para lanzar (presuntamente) a mensaxe do necesario apoio á investigación en ciencia non é necesario atacar nin menosprezar a un colectivo como o da enfermaría, que nos coidou e coida nos momentos máis difíciles", sinala o ex-rexedor, afastado do bastón de mando pola dirección do PP en Ourense no marco da operación que implicou a entrega da alcaldía a Jácome a cambio de manter a Baltar na presidencia da Deputación.
As palabras do rexedor ourensán tamén foron censuradas dende o Consello Xeral de Enfermaría. A entidade ve "vergoñenta" a crítica de Jácome e "intolerable" que "unha persoa coa súa reponsabilidade se permita tentar denigrar o labor dunha profesión que xogou a vida na pandemia". Por todo isto, esixe unha desculpa pública. Tamén o Colexio de Enfermaría de Ourense, Ascensión Pérez, di "non comprender esta saída de ton" porque, mantén, Jácome brindouse a colaborar co colectivo profesional dende o concello.