Un dos retos que Alberto Núñez Feijóo tiña por diante cando, en 2006, asumiu o liderado do PP en Galicia como substituto de Manuel Fraga, era procurar reforzar o poder local do partido, especialmente na Galicia urbana. Nos comicios municipais de 2007, os populares non lograron as principais alcaldías que gañaran PSdeG e BNG -xuntos ou por separado- durante a fin do fraguismo, perderon unha cadeira clave do poder local galego -a presidencia da Deputación de Lugo- e estiveron a piques de que fosen dúas -tiveron en risco a Deputación de Pontevedra ata o remate da noite electoral.
Só nunha das seguintes convocatorias municipais, a de 2011, Feijóo puido presentarse triunfante case sen matices tras o peche das urnas dos concellos. Naquelas eleccións, en pleno devalo do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, o PP logrou dun golpe as alcaldías das tres principais cidades da provincia da Coruña e retivo a Deputación de Pontevedra, o que deixou nun segundo plano outros obxectivos falidos.
O local é un dos retos que Feijóo ten por diante dende que tomou as rendas do PPdeG hai 15 anos. Dende aquela, só nunhas eleccións municipais, as de 2011, puido presentarse triunfante case sen matices
En 2015, factores como a emerxencia das mareas municipais e o éxito esmagador de Abel Caballero en Vigo -e por extensión, do PSdeG na Deputación pontevedresa- viraron as municipais en desastre para os de Feijóo. Catro anos despois, en 2019, en plena resaca da perda do Goberno de España, non lograron beneficiarse en absoluto da caída das mareas nin participar dunha alternancia da que tirou gran partido o PSdeG. Mostra disto é que o concello galego máis poboado con alcaldía do PP é Arteixo e que para reter a única das catro deputacións que conservaban, a de Ourense, precisaron dar a alcaldía da capital da provincia a Democracia Ourensana, terceira forza en votos na urbe tras PSdeG e PP.
En 2015, a emerxencia das mareas municipais e o esmagador triunfo de Caballero en Vigo viraron as municipais en desastre para o PP galego. En 2019, os populares non deron participado dunha alternancia da que tirou gran partido o PSdeG e para reter a Deputación de Ourense entregaron a cidade a Jácome
A operación para salvar a José Manuel Baltar mediante a entrega do bastón de mando ourensán a Gonzalo Pérez Jácome volve ecoar nos últimos días, co retorno dos populares ao bipartito que eles mesmos romperan en setembro de 2020 esgrimindo as acusacións de irregularidades económicas que varios membros de DO lanzaban contra o rexedor e líder do partido. O caso foi arquivado a principios deste ano, pero o xulgado anulou o arquivo neste mesmo mes de xullo ao observar indicios de malversación.
A reactivación do caso por parte do xulgado produciuse pouco despois do retorno do PP ao bipartito. Pero tamén a escasos días de que Feijóo, no marco do congreso no que foi elixido por quinta vez como presidente dos populares en Galicia, apelara aos seus outra volta a tentar reforzar poder municipal coa vista posta nas eleccións de 2023. O partido, gabouse, está forte no ámbito galego tras catro maiorías absolutas consecutivas no Parlamento, pero "non está tan ben" no eido local.
Poucos días antes de que Feijóo apelase no congreso do partido a procurar gañar máis poder municipal, o xulgado reactivaba a investigación a Democracia Ourensana que o PP esgrimiu en 2020 para rachar o bipartito con Jácome que agora vén de reconstituír
Nesta liña, entre as novidades organizativas aprobadas polo PP no seu conclave destaca a creación do denominado Comité de Acción Municipal como "órgano de asesoramento en políticas de ámbito local". Estará conformado polo único presidente de Deputación co que actualmente conta o partido, José Manuel Baltar, polos voceiros do PP nas outras tres entidades provinciais e por alcaldes e alcaldesas e mais "voceiros ou voceiras do PP que fosen a lista máis votada en concellos de máis de 10.000 habitantes". Á súa fronte, o propio Feijóo e mais o seu número dous, o secretario xeral, Miguel Tellado.
O reto do novo órgano será tentar que, en 2023, o PP logre máis gobernos municipais e provinciais. Mentres, o cargo local con máis poder no partido seguirá sendo Baltar e o principal goberno municipal do que forman parte, o bipartito en Ourense cun Jácome que asegura confiar nun novo arquivo do caso iniciado polos agora ex-membros de Democracia Ourensana. Por iso, asegura o alcalde de Ourense, nin sequera comparecerá como parte do proceso e limitarase a "colaborar" co xulgado se así llo reclama. Mentres tanto, o PP local ourensán opta polo perfil baixo e expresa o seu "respecto" á xustiza.