O PSdeG-PSOE gañou con claridade as eleccións municipais nas sete cidades. Non só gobernará cando menos 5 ou 6, á espera do que poida suceder en Ourense, senón que no conxunto das sete urbes os socialistas roldan os 200.000 votos, crecendo 63.000 con respecto aos comicios de 2015, que supuxeran o seu punto máis baixo na Galicia urbana. Este ascenso supón unha mellora do 45% fronte aos datos de hai catro anos.
A metade deses 200.000 votos corresponden unicamente á cidade de Vigo, que tamén supón case a metade dos novos apoios (+28.000) para a formación. Os socialistas repiten deste xeito o seu éxito das xerais do 28A nas urbes.
O PP volve caer nas cidades, co seu peor resultado en décadas
Moi lonxe queda o PP, con pouco máis de 128.000 votos, o que supón un novo descenso fronte aos 136.000 de 2015, conformando a cifra máis baixa para os populares dende os anos 80. Os populares soben lixeiramente en Ferrol, A Coruña e Pontevedra e mantéñense en Lugo e Compostela, pero os catro mil votos que perden en Ourense e os nove mil que se deixan en Vigo conforman un escenario no que a formación liderada por Núñez Feijóo volve baixar nas áreas urbanas. Unha parte dese descenso é compensando polo pequeno crecemento de Ciudadanos, que pasa de 20.515 a 24.703.
As mareas perden 32 mil votos, dos que 10 mil van parar ao BNG
O titular da xornada foi o esborralle das mareas, que perderon as alcaldías da Coruña, Compostela e Ferrol e que no conxunto das sete cidades caeron de 95.234 a 62.856 votos, un descenso de máis de 32.000 apoios que só en parte foi compensado polo BNG, que creceu algo menos de 10 mil votos, pasando de 43.077 a 52.659, unha cifra que segue por debaixo do nivel de 2011 (67.754) e 2007 (95617). O ascenso dos nacionalistas asentouse sobre todo nos resultados de Lugo, cun crecemento de case catro mil votos, e Vigo e A Coruña, con dous mil votos máis en cada urbe.