A principios do outono de 2020, inmediatamente despois da toma de posesión do Goberno galego saído das urnas dos comicios do 12 de xullo dese ano, o PP rachou o bipartito que conformara con Democracia Ourensana no Concello de Ourense a cambio de que a formación encabezada por Gonzalo Pérez Jácome sostivese a José Manuel Baltar na presidencia da Deputación provincial.
O PP rachara en setembro de 2020 o bipartito que constituíra con Jácome a cambio de manter a Baltar na Deputación esgrimindo as acusacións de irregularidades de membros de DO contra o alcalde, que quedaron arquivadas o pasado xaneiro
A razón esgrimida polos conservadores para romper con Jácome fora o conflito aberto no seo de DO. Parte do grupo municipal denunciara o alcalde na Fiscalía acusándoo de irregularidades financeiras, proceso foi arquivado o pasado xaneiro. Os movementos para forzar a renuncia de Jácome non fraguaron e o mesmo sucedeu cos diferentes contactos para desbancalo a través dunha moción de censura, en boa medida pola suma de condicións impostas polo PP ao PSdeG, toda vez que o acordo entre ambos partidos era imprescindible.
Con este pano de fondo e tras o arquivo da denuncia dos díscolos de DO, diversos dirixentes do PP tanto na provincia de Ourense como na dirección galega comezaron a dar pasos para regresar con Jácome. Cumpría "devolverlle a honra" ao rexedor e ao tempo outorgar "estabilidade" á cidade, argumentaban, evitando que a capital ourensá continuase gobernada por un gabinete de apenas tres edís ata a fin do mandato en 2023. Os contactos multiplicáronse e veñen de cristalizar nun pacto para reconstituír o bipartito.
A decisión fíxoa pública o propio Jácome este xoves a través dun comunicado "desde Alcaldía". "O Goberno municipal de Democracia Ourensana chegou a un acordo co grupo municipal do PP" para que "os concelleiros populares se integren e asuman dirección de áreas no Concello de Ourense", anuncia antes de matizar que DO "xa dixo por activa e por pasiva o porqué desta suma".
Segundo o anunciado por Jácome, que reclamou diversos investimentos da Xunta para recompoñer o acordo, o PP asumirá sete concellarías no novo bipartito, pero a Xunta de Goberno será paritaria, con tres membros de cada partido
"Mantemos a nosa palabra. Dende setembro 2020 sempre deixamos a porta aberta a retomar a colaboración", di o comunicado de Jácome, segundo o cal o PP se comprometeu a "tomar en consideración" as peticións do rexedor e viceversa. No seu retorno ao bipartito, sinala, o PP asumirá as concellerías de Deportes, Facenda, Medio Ambiente, Servizos Sociais, Comercio, Termalismo e Turismo e mais Urbanismo. A Xunta de Goberno Local, non obstante, estará composta por tres membros de cada formación política.
Entre as condicións feitas públicas por Jácome para retomar o pacto co PP figuraban a reclamación de diversos investimentos da Xunta. Entre eles, a "creación dunha cidade administrativa que albergue principalmente o novo edificio central" do Goberno galego na cidade. Tamén un convenio "para que a administracióna utonómica potencie o Centro de Intelixencia Artificial de Ourense" e outro para que ambas institucións "constrúan un parque acuático".
O pacto osixena a Jácome na súa posición na Alcaldía pero non dá lugar, así e todo, a un goberno con maioría no pleno municipal. O alcalde e os seus dous edís afíns e os 7 representantes do PP na corporación suman dez postos dun total de 27, polo que os votos dos catro antigos díscolos de DO, agora edís non adscritos, seguirán sendo clave para a conformación de eventuais maiorías. En vésperas das eleccións municipais de 2019, Alberto Núñez Feijóo considerou que "Para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde"