A suma de condicións impostas polo PP ao PSdeG de Ourense para asinar unha moción de censura que afaste a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía, na que os populares serían imprescindibles polo seu número de edís, virou esta posibilidade en practicamente inviable. As forzas políticas e diversos colectivos da capital ourensá asumen xa que Jácome seguirá na alcaldía ata 2023 nunhas situación precaria e agora a dirección do PP galego xa non só dá esa posibilidade por feita, senón que abre a porta a retomar o bipartito que eles mesmos racharan a principios do outono de 2020.
O 'número dous' de Feijóo admite que o PP defende habitualmente que a alcaldía a ostente a "lista máis votada", pero "o que sucede" en Ourense é que "o PSOE recibe da súa propia medicina" co bipartito dos populares con DO
Quen preparou dialecticamente o terreo para este eventual retorno nos últimos días foi o número dous de Alberto Núñez Feijóo no partido, Miguel Tellado, secretario xeral da formación. Así o reiterou este luns nunha entrevista na emisora Radio Líder, que reafirmou o seu veto ao socialista Rafael Rodríguez Villarino, cabeza de lista do PSdeG nas eleccións municipais de 2019, onde logrou ser a candidatura máis votada.
Admite Tellado que é historicamente habitual que o PP defenda a tese de que a alcaldía sexa para a "lista máis votada". Pero "o que sucede" en Ourense é que "o PSOE recibe da súa propia medicina", argumenta, e "sendo a lista máis votada, non goberna" tras as municipais de 2019 "porque o segundo e o terceiro se puxeron de acordo". En 2019, o PP -segunda forza en votos e edís- deu a alcaldía a Democracia Ourensana -terceira forza- a cambio de que DO garantise a presidencia da Deputación para José Manuel Baltar.
Entre acusacións de sectarismo cara aos socialistas, Tellado dá por superada a fase na que "marchamos" do Goberno bipartito DO-PP "por unhas dúbidas xudiciais formuladas por concelleiros do señor Jácome". "O certo é que a xustiza non lles deu a razón" -denunciaron o alcalde na Fiscalía acusándoo de irregularidades financeiras, proceso foi arquivado o pasado xaneiro- e actualmente, sobre Jácome "non pesa ningunha dúbida de legalidade sobre a súa honorabilidade á fronte da alcaldía" ou "en canto á xestión do seu partido".
"Temos que devolverlle a honra ao señor Jácome", resalta Tellado, que descualifica como "perrencha" as reclamacións do PSdeG para "desbloquear" o goberno de Ourense
Neste escenario, Tellado di considerar que agora "temos que devolverlle a honra ao señor Jácome", porque "dubidamos de determinadas condutas" e "nos afastamos" do goberno bipartito. Considera o número dous de Feijóo que este foi un movemento digno de eloxio porque "non coñezo ningún partido que se saíse do goberno municipal por dubidar do seu socio de goberno, ningún, aquí en Galicia", afirmou referíndose a PSdeG e BNG -en 2012, o BNG deixou o goberno local de Lugo aludindo precisamente esta razón-.
Con todos estes elementos sobre a mesa, no PP de Galicia consideran que se "comportaron razoablemente ben en Ourense" e, así e todo, "estamos preocupados pola gobernabilidade de Ourense". Esa é a razón pola que "imos apoiar o alcalde Jácome no que creamos que é positivo". Mentres, dende o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, apela directamente a Alberto Núñez Feijóo para que permita unha "alternativa" de goberno a Jácome "por calidade democrática e o respecto á cidadanía de Ourense". Segundo Tellado, os socialistas teñen "unha perrencha".