O BNG abandona o Goberno municipal de Lugo. A Asemblea Local da fronte tomou a decisión por 38 votos contra 12 ante a negativa de Orozco a dimitir despois de ser imputado no caso Pokémon. O alcalde lucense declarará este xoves ante a xuiza Pilar de Lara para responder de presuntos delitos de suborno e prevaricación e, esta mesma mañá, os dous edís do Bloque, Antón Bao -ata agora tenente de alcalde- e Paz Abraira -responsable de obras- asinaron a súa renuncia e, polo tanto, o seu paso á oposición, se ben aclaran que "non favorecerán, dende logo" a chegada do PP á Alcaldía.
Na asemblea do BNG participaron un cento de militantes pero unha parte deles marchou antes da votación ao non permitirse máis opción que o si e o non á continuidade no Goberno. Varios dos partidarios de continuar con responsabilidades de goberno apostaban por adiar esta decisión até coñecer se Pilar de Lara decide manter a imputación a Orozco despois de tomarlle declaración este xoves, ou se determina ou non medidas cautelares , como aconteceu co alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, no marco do mesmo caso. A decisión chega despois de que no seo do BNG local xa existisen voces reticentes a entrar no goberno tras as municipais de 2011, precisamente polas posibles implicacións xudiciais de Orozco por outros casos, como cuestións de trámites urbanísticos e, posteriormente, o caso Campeón, no que a imputación que pesaba sobre o socialista xa foi retirada.
O BNG lugués aclara que "non favorecerá" a chegada do PP á Alcaldía
Este mércores pola mañá o BNG fixo público un comunicado para explicar a súa decisión. Nel, os nacionalistas explican que a súa actuación política se rexe por un "código ético" segundo o cal "os cargos públicos que son imputados con acusacións deste tipo abandonan de inmediato os seus cargos para preservar as institucións e os propios cidadáns". Neste sentido, "despois da imputación do alcalde por feitos relacionados coa xestión pública" o Bloque coida que cumpría un "exercicio de coherencia", xa que a "negativa" de Orozco a dimitir "supuxo unha perda de confianza no noso socio de goberno, nun momento no que as institucións se deben centrar en resolver os graves problemas sociais que existen".
"Non compartimos en absoluto as declaracións do alcalde onde afirmou que un bo alcalde ten dúas imputacións anuais", acrecentan. Ben ao contrario, afirma o BNG lugués, "temos unha visión completamente antagónica do que é a xestión democrática dunha institución", sen que isto "signifique condenar a ninguén", xa que o Bloque "sempre pon por diante a presunción de inocencia", ao tempo que reclama "maior axilidade da xustiza á hora de resolver estes procesos xudiciais".
Orozco xa gobernou en minoría entre 2007 e 2011, etapa na que chegou a acordos puntuais co BNG e tamén co PP
José López Orozco quedará agora en minoria con 11 concelleiros de 25 tras case un ano e medio de goberno conxunto cos nacionalistas, no que foi o segundo bipartito na cidade da Muralla. O primeiro desenvolveuse entre 1999 e 2003, no que foi o primeiro acceso da esquerda ao goberno da cidade. A continuación, no mandato ata 2007, Orozco gobernou con maioría absoluta, nun período no que a distancia co Bloque foi notable. Non aconteceu así na terceira vez na que tomou o bastón de mando, xa sen maioría absoluta (2007-2011); daquela Bloque e PSdeG non acadaron un pacto estable, pero a formación frontista si permitiu sacar adiante proxectos importantes do Concello, papel que tamén xogou o PP noutras ocasións.
Dáse a circunstancia de que isto acontece na mesma mañá na que se inaugura o Museo Interactivo da Historia de Lugo, un complexo cultural que se estivo a construír durante os últimos anos e que ata este mércores dependía de Bao, na súa calidade de delegado da área de Cultura. Na mesma xornada Orozco comparecerá ante a prensa para explicar de que xeito reorganiza o seu equipo.