O voceiro do PSdeG en Ourense ofrécese a dimitir para que o PP permita a moción de censura contra Jácome

Rafael Rodríguez Villarino, nunha intervención ante a prensa en abril de 2021 © PSdeG-PSOE Ourense

O voceiro do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, ofrece ao PP a súa renuncia a ser o candidato á alcaldía para facilitar unha moción de censura contra o actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome. 

Villarino ofrece o PP a súa renuncia a ser o candidato á alcaldía nunha moción para facilitar o cambio de goberno en Ourense

Así o comunicou este luns en rolda de prensa o propio portavoz local do PSOE co obxectivo de "conformar un goberno local alternativo que supere a situación actual de parálise" en Ourense, razón pola que, di, poñerase "ao lado do candidato ou candidata á alcaldía que propoña o Partido Socialista". 

A proposta foille trasladada ao voceiro do grupo municipal do PP, Jesús Vázquez, o pasado mércores 7 de abril "sen obter resposta ata o día de hoxe". Por iso, Villarino empraza o Partido Popular "a comunicar formalmente antes do sábado 24 de abril a súa disposición para engadir a sinatura necesaria co fin de conformar a maioría que se require para rexistrar e votar favorablemente unha moción de censura no Concello de Ourense". 

VIllarino ofreceu a súa renuncia ao portavoz do PP en Ourense o pasado 7 de abril e dá de prazo ata o sábado 24 para que comunique se apoia ou non a moción

Foi, segundo dixo Villarino, unha "iniciativa persoal" que daquela nin tan sequera coñecía o seu partido, a decisión de que se "apartaba" e se "poñía ao un lado" para que "o PP dese un paso para mudar a situación da cidade". Neste luns, enviou un burofax explicando aos populares a súa decisión, lembrando o prazo e advertindo de que se porá "ao lado da persoa que designe o PSOE para mudar a deriva desta cidade".  

A reacción á proposta do voceiro socialista por parte do alcalde non se fixo agardar. Na súa conta de Twitter, Pérez Jácome advertiu aos poucos minutos de que "Villarino non se aparta a ningures" e que "sinxelamente intúe que o PP non vai facer moción e pretende tratar de deixar en evidencia o inimigo". 

Entre rumores de que o PP estaba a preparar o terreo para unha posible volta ao goberno municipal co alcalde Pérez Jácome, o voceiro socialista devolve agora a pelota ao tellado dos populares, que vetaran a Villarino como posible alcalde e frustraran así a moción de censura impulsada polo PSOE o pasado outono malia ser o seu portavoz o máis votado nas pasadas eleccións municipais.

"Villarino intúe que o PP non vai facer moción e pretende tratar de deixar en evidencia o inimigo", responde Jácome

O líder dos populares na cidade, Jesús Vázquez, que viu como hai ano e medio era sacrificado polos seus malia ser o segundo candidato máis votado e era apartado mesmo do goberno bipartito con Democracia Ourensana -Feijóo deulle un escano no Senado que compaxinou co seu cargo de edil sen competencias-, reclamara que o PSdeG fixese o mesmo con Villarino e que a moción de censura fose encabezada por outro edil socialista.

Nesta altura, Jácome goberna en minoría a cidade de Ourense tras o abandono da maioría do seu grupo e a ruptura do pacto cos populares, que permitiron a continuidade do executivo tras vetar que esa posible moción de censura que agora non tería atranco ningún de manteren as súas exixiencias previas ao grupo socialista.  

Rafael Rodríguez Villarino e o resto de edís socialistas ante a notaría na que despositaron as súas sinaturas para unha moción de censura © PSdeG de Ourense

A lei establece que, para poder sequera iniciar a súa tramitación, as mocións de censura deben estar asinadas polo número suficiente de edís para poder prosperar posteriormente nun pleno. A participación do PP é imprescindible para que esa moción poida saír adiante xa que nela non poderán ser tidos en conta os votos dos ex-edís de Democracia Ourensana. [As normas antitransfuguismo impiden ao PP mudar a alcaldía de Ourense sen pactar coa esquerda].

En Ourense, e logo de anos defendendo o dereito do candidato da lista máis votada a encabezar as alcaldías ou presidencias ás que se presentase fronte a pactos doutras formacións, hai case dous anos Feijóo, avalou que os populares ourensáns, segunda forza na cidade, fixesen alcalde o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, malia ser terceiro nas eleccións municipais. Unha operación que garantía que José Manuel Baltar continuase á fronte da Deputación de Ourense co apoio de Jácome.

Na súa comparecencia, Villarino definiu a situación da cidade como "un auténtico pesadelo". "É insostible; está esnaquizada, abandonada, sen proxecto e cun rexedor que gasta a mans cheas en proxectos para os que carece de competencias", asegurou o portavoz socialista, que criticou tamén o "abuso de poder" de Jácome "con respecto aos traballadores do Concello e aos compañeiros de corporación". 

“Emprazamos o PP e a Baltar a que, en cinco minutos, resolva a situación desta cidade, e que permita unha moción de censura", di o PSOE de Ourense

“Tomo esta decisión para salvar Ourense e que eu non sirva de pretexto para que o PP non axude a mudar esta cidade. Esta non é unha cuestión de persoas, é unha decisión para a cidadanía, para que Ourense teña posibilidades, para que os fondos europeos non fuxan desta cidade, para que Ourense teña un proxecto ilusionante”, manifestou o voceiro municipal socialista. “Esa ilusión non se lle pode quitar a Ourense”, destacou.

Burofax remitido polo PSdeG ao PP de Ourense ofrecendo a dimisión de Villarino para facilitar a moción de censura contra Jácome CC-BY-NC-SA PSdeG Ourense

Pola súa banda, o secretario de organización dos socialistas en Ourense, Juan Carlos Francisco, lembrou que “Baltar dixo que o obstáculo para que nesta cidade houbese un cambio era Rafa Villarino, e que se ese obstáculo se retiraba, en cinco minutos esta cidade tería un alcalde”. “Emprazamos o PP e a Baltar a que, en cinco minutos, resolva a situación desta cidade, e que permita unha moción de censura, posto que a día de hoxe non hai escusa de ningún tipo para que iso suceda”. Deste xeito, subliñou que “se o PP non faculta un goberno da cidade é porque está a outra cousa, que é precisamente bloquear o desenvolvemento de Ourense”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.