Os socialistas non logran de momento que ningunha outra formación se sume ao seu proxecto de moción de censura
Tras anos defendendo o dereito do candidato da lista máis votada a encabezar as alcaldías ou presidencias ás que se presentase fronte a pactos doutras formacións, hai ano e medio o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avalou que os populares ourensáns, segunda forza na cidade, fixesen alcalde ao líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, malia ser terceiro nas eleccións municipais. Unha operación que garantía que José Manuel Baltar continuase á fronte da Deputación de Ourense co apoio de Jácome.
Agora, con Jácome gobernando en minoría tras o abandono da maioría do seu grupo e a ruptura do pacto cos populares, estes acrecentan a posibilidade de que siga na alcaldía ao vetar que unha posible moción de censura contra el sexa encabezada polo candidato máis votado nas urnas, o socialista Rafael Rodríguez Villarino.
A participación do PP é imprescindible para que unha moción de censura saia adiante en Ourense
Tras varias semanas de conversas infrutuosas entre todos os grupos da oposición para intentar chegar a un acordo que aparte a Jácome da alcaldía, este xoves os socialistas presentaron ante un notario da cidade as súas sinaturas para unha moción de censura intentando así levar a iniciativa e provocar a reacción do resto de partidos. A lei establece que, para poder sequera iniciar a súa tramitación, as mocións de censura deben estar asinadas ante notario polo número suficiente de edís para poder prosperar posteriormente nun Pleno, polo que os socialistas deixaron alí o seu proxecto de moción “a disposición de todos os que queiran pasar a asinala”.
Jesús Vázquez, que hai un ano foi apartado do pacto entre PP e DO cun escano no Senado, acusa agora a Villarino de "ambición desmedida"
As expectativas de que algún outro concelleiro doutra formación pasase pola notaría a asinar foron botadas por terra este mesmo xoves polo PP, cuxa participación é imprescindible para que a moción de censura poida saír adiante xa que nela non poderán ser tidos en conta os votos dos ex-edís de Democracia Ourensana. [As normas antitransfuguismo impiden ao PP mudar a alcaldía de Ourense sen pactar coa esquerda].
O líder dos populares na cidade, o ex-conselleiro Jesús Vázquez, que viu como hai ano e medio era sacrificado polos seus malia ser o segundo candidato máis votado e era apartado mesmo do goberno bipartito con Democracia Ourensana -Feijóo deulle un escano no Senado que compaxinou co seu cargo de edil sen competencias-, reclama agora que o PSdeG faga o mesmo con Villarino e que a moción de censura sexa encabezada por outro edil socialista. “Villarino é vítima da súa ambición desmedida”, acusan os populares.