No outono do pasado 2020, poucas semanas despois de romper o bipartito que formaran con Democracia Ourensana a cambio de que os de Gonzalo Pérez Jácome sostivesen a José Manuel Baltar na presidencia da Deputación, o PP asegurou estar disposto a propiciar un cambio de goberno no concello ourensán. Mesmo permitirían que o PSdeG, forza máis votada nas eleccións municipais de 2019, puidese erguer o bastón de mando. Pero cunha condición: Rafael Rodríguez Villarino, candidato á alcaldía e voceiro municipal socialista, non podería ser o novo alcalde.
Tras rachar o bipartito con DO, o PP asegurou estar disposto a facilitar unha moción de censura se o candidato do PSdeG renunciaba á alcaldía. O socialista vén de facelo e os de Baltar esixen agora que tamén marche do Concello
Nos seguintes meses, sucedéronse múltiples movementos políticos en Ourense. Dende unha frustrada moción de censura dos socialistas contra Baltar -quen acabou asegurándose o apoio da deputada de Ciudadanos, Montse Lama, antiga voceira do goberno provincial do PP e agora, non adscrita- ata un rescate do PP a Jácome en operacións clave no seo do Concello.
Mentres todo isto acontecía, Pérez Jácome continuou á fronte dun goberno en precario, composto por el mesmo e dous concelleiros (os restantes membros electos por DO do grupo de díscolos que denunciaron o alcalde na Fiscalía acusándoo de irregularidades financeiras, proceso foi arquivado o pasado xaneiro). Neste punto, esta mesma semana o líder do PSdeG local anunciou a súa disposición a cumprir a condición imposta polo PP. Rodríguez Villarino está disposto a renunciar á alcaldía e que outro integrante do PSdeG ocupe o seu lugar para así facilitar a moción de censura, como reclamou un PP que é imprescindible para formulala.
Pero, escasas horas despois, os populares saían ao paso para sinalar, a través do propio Baltar, que as condicións cambiaran. Á esixencia de que Villarino renunciase á alcaldía engaden agora outra: que renuncie á súa acta de edil e abandone o Concello. Fano, argumentan, porque o actual é "outro escenario" e non confían en que quen fora candidato á alcaldía non acabe gobernando "na sombra".
Caballero: "Feijóo e Baltar están tentando enganar unha vez máis a Ourense e tentando enredarnos a todos"
As novas condicións foron recibidas con estupor nas filas socialistas, tanto nas locais como na Executiva Nacional do PSdeG. A operación para "blindar a dinastía do caciquismo dos Baltar na Deputación", acusou Gonzalo Caballero ante a casa do Concello de Ourense, sumiu o goberno local nun "caos" do que agora os populares, advirte, serán aínda máis "responsables" se impoñen novas condicións para o cambio. "Baltar dicía que en cinco minutos se resolvería o cambio político en Ourense se Rafa Villarino accedía a non ser candidato", pero agora, "Feijóo e Baltar están tentando enganar unha vez máis a Ourense e tentando enredarnos a todos".
As novas esixencias eran reiteradas o pasado venres dende a dirección galega do PP por boca do seu secretario xeral, Miguel Tellado, quen asegura que os populares estarían dispostos a "negociar un goberno de coalición" co PSdeG de Ourense se Villarino deixa a corporación. Así e todo, matiza, "os populares de Ourense gozan de completa autonomía neste asunto" e son "os que deben valorar a situación e tomar as decisións oportunas, coa autorización da dirección autonómica" para dar a Ourense "a estabilidade desexada".
Baltar especula coa posibilidade de fomular "algunha cuestión importante" no PPdeG se Feijóo non recunca
Con este pano de fondo, Pérez Jácome sinalaba o pasado venres, en declaracións á COPE, que ve afastarse os seus temores de perder a alcaldía. Mesmo volve sentir "certa tranquilidade" de poder finalizar o mandato e chegar ás eleccións de 2023 dende o goberno local. Tras esas municipais, se todos os calendarios electorais transcorren como deben, faltará en torno a un ano para as vindeiras eleccións galegas, nas que Baltar di confiar que Feijóo volverá ser candidato por quinta vez. Pero se o actual presidente da Xunta non recuncase se cadra é o momento de volver "formular algunha cuestión importante", respondeu o barón ourensán a La Voz de Galicia cando, o pasado 14 de abril, o xornal coruñés o cuestionou sobre a posibilidade de postularse para liderar o PP galego.