Os cinco colexios privados, catro deles dunha empresa ligada ao Opus Dei, que imparten educación segregada seguen a ter na Xunta unha das súas principais valedoras. Apenas unha semana despois de que a Consellería de Educación decidise manter o financiamento público para estes centros que separan os nenos das nenas o seu titular, Jesús Vázquez, realizou ante a prensa unha acendida defensa desta decisión. Vázquez di "cumprir" a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara ilegais estes subsidios, pero avanza que seguirá inxectando cartos públicos nos colexios ultraconservadores durante ata cinco anos máis.
A preguntas da prensa Vázquez explicou que ese cumprimento da sentenza vén dado polo feito de que a Consellería "non lles renovou" os concertos para os primeiros cursos e así o seguirá facendo cos segundos, terceiros e seguintes, un cada ano. Por que así? Por un principio de "confianza lexítima", isto é, para que o alumnado que comezou os seus estudos nun destes colexios poida rematalos alí. Deste xeito. a "desaparición total" das axudas non se produciría ata dentro dun lustro.
O conselleiro non ve "ideoloxía" en financiar estes colexios do Opus pero si en retirarlles as axudas
Á marxe desta retirada gradual que, por outra banda, é posible que non se produza dado que a Lei Wert avala estes concertos, Jesús Vázquez aproveitou a comparecencia para explicar que o Goberno galego non practica ideoloxía ningunha ao financiar os colexios do Opus, pero que si o fai quen reclama que non sexan sostidos con cartos do erario. Segundo Vázquez "certas críticas" aos colexios que segregan "non parten da comunidade educativa, senón dunha certa ideoloxía ou compoñentes politizados de certos sindicatos ou grupos políticos.
Vázquez defende que a educación segregada "está admitida en todo o mundo", mesmo en países "de índole socialista"
Onde non ve ideoloxía por ningures é, precisamente, en separar os nenos das nenas. Este tipo de ensino, argumenta, está "admitido a nivel mundial, apoiado pola propia Unesco" e mesmo, sentenza, foi "desenvolvida noutros países de índole socialista ou gobernados polo partido socialista ou por gobernos socialistas". "Está admitida en todo o mundo -abonda o conselleiro- e, de feito, a Constitución tamén ampara esta situación", sinala, obviando, non obstante, que as axudas contradín a lei educativa vixente.
Toda a oposición esixe a retirada dos concertos
Mentres o conselleiro de Educación defendía como propia a causa dos centros segregacionistas toda a oposición parlamentaria esixíalle a retirada inmediata das axudas ou, o que é o mesmo, o cumprimento da sentenza do TSXG. Dende o PSdeG o seu voceiro en materia educativa, Vicente Docasar, rexistrou no Parlamento unha proposición non de lei encamiñada, precisamente, á supresión "inmediata" dos subsidios xa que a orde do Goberno "incumpre claramente" o ditame do alto tribunal baseándose nunha "aberración ideolóxica e sectaria".
PSdeG, AGE e BNG censuran que a Xunta opte por incumprir a lei vixente
Pola súa banda, AGE e BNG optaron por solicitar conxuntamente -por separado non teñen escanos dabondo- a comparecencia "urxente" do conselleiro para "informar da continuación" destes concertos, contradicindo á Xustiza. "O que está a facer a Xunta é incumprir a sentenza" e aplicando a lei Wert "de xeito anticipado", din ambos grupos, que censuran que o Executivo "potencie o ensino segregador que separa os nenos e as nenas e os mestres das mestras, nun puritanismo enfermizo" que "ademais contradí" a lei vixente.