Ourense chegou ás eleccións municipais de 2015 sen orzamentos aprobados nese ano. A minoría numérica do daquela goberno en solitario do PSdeG obrigárao a prorrogar os de 2014, que xa sacara adiante en precario. Dous anos despois, en 2017, Alberto Núñez Feijóo recibiu en San Caetano ao alcalde ourensán, Jesús Vázquez, o único dos candidatos urbanos do PPdeG que logrou a alcaldía en 2015. Alí, alén de lle prometer diversos investimentos da Xunta para a cidade, erixiu en paradigma de "estabilidade" ao seu goberno que, tamén por mor da minoría, tampouco conseguira sacar adiante as súas primeiras contas municipais.
Os populares atribúen á "irresponsabilidade" da "peor oposición" feitos como que Ourense finalice o mandato cos orzamentos municipais prorrogados dende 2014
Agora, outros dous anos despois, o ex-conselleiro Vázquez somete a súa xestión ao veredito das urnas o vindeiro domingo, 26 de maio. Os orzamentos vixentes na cidade seguen sendo os de 2014 e outros moitos proxectos, caso do desbloqueo definitivo do PXOM, seguen freados. Segundo os populares, ese bloqueo débese fundamentalmente á "irresponsabilidade" da "peor oposición". Non ao goberno. Porque Jesús Vázquez é "o mellor alcalde das cidades galegas", proclamou Alberto Núñez Feijóo no mitin central do partido en Ourense nesta campaña.
Como noutras cidades e entre a atmosfera creada tras o duro pau das xerais, o líder do PPdeG reitera que a do ex-conselleiro de Educación é unha candidatura que en realidade, vai alén das siglas. "Non é só o candidato do PP", senón "o de todos os ourensáns que queren a Ourense", porque é un "bo ourensán" que fai gala de "nobreza" e "lealdade". El, afirma, está "plenamente orgulloso" do feito por Vázquez e por iso pide o voto para el. Porque a alternativa é un "pacto de Jácome", en referencia ao candidato de Democracia Ourensana "co resto de partidos".
Feijóo e Vázquez alertan dun posible "pacto de Jácome" para clamar pola concentración do voto no PP
A posibilidade de seren superados por DO estivo tamén presente no discurso do aspirante á reelección. "Moitos se empeñan en que non se fixo nada", pero o que está "claro" é que todo o feito foi "histórico" porque a oposición sempre dixo "non". El asegura estar en disposición xa non de recuncar no poder, senón de conseguir unha maioría absoluta. Por iso chama a "elixir" entre el mesmo, "o que supón o apoio das Administracións", en referencia a eventuais investimentos da Xunta ou da Deputación se segue nas mans de Baltar, ou "o caos dun shoman, un home que fai da política un circo" pero de agora en diante "con fondos públicos".
O PSdeG, convencido de que "sopra vento de cambio"
Villarino e Caballero evocan o resultado das xerais para amosarse convencidos da fin da xeira do PP en Ourense
Mentres o PP de Ourense despregaba toda a súa maquinaria no mitin central do pavillón dos Remedios, o candidato do PSdeG á alcaldía e o secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, volvían lembrar os resultados das recentes eleccións xerais e que a súa translación ás municipais non só arrebataría o bastón de mando aos populares na cidade, senón que tamén abriría a porta á mudanza na Deputación. "Con máis dun 36% de voto aos socialistas, a cidade de Ourense demostrou que sopran ventos de cambio", os mesmos que van "facer alcalde a Rafael Rodríguez Villarino", augura.
Acompañados pola ministra de Traballo en funcións, Magdalena Valerio, que participa en diversos actos da campaña do PSdeG, Caballero e Villarino situaron a opción socialista como a única que pode remudar a "demostrada incompetencia e irresponsabilidade do actual alcalde do PP". O propio cabeza de lista evoca tamén os resultados das xerais para afirmar que "a cidadanía de Ourense xa non está oprimida", senón que estaba "comprimida e comezará a expandirse da man do PSdeG o 26M".