O presidente traslada á cidade a reunión semanal da Xunta para anunciar futuros investimentos e lanza a campaña das municipais de dentro dun ano
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no poder grazas a un bipartito co PP a cambio de que Manuel Baltar siga á fronte da Deputación de Ourense, era cualificado polo presidente Feijóo como “letal” para a cidade antes de que el mesmo avalase que se lle entregase a alcaldía. Os populares romperon con el a finais de 2020 pero a mediados de 2021 volveron ao goberno local. E agora o propio Feijóo volve descualificar a Jácome ao tempo que xustifica que siga no cargo.
Fíxoo este xoves nunha rolda de prensa en Ourense, a onde trasladou de xeito extraordinario a reunión semanal do seu Goberno, que aproveitou para lanzar diversas promesas de futuros investimentos na cidade e asegurar que antes do verán o PP confía en ter xa un candidato para as eleccións municipais de dentro dun ano.
Preguntado na rolda de prensa polos desencontros reiterados entre o PP local e Jácome, Feijóo cualificou como “sorprendentes algunhas das súas decisións” e “incomprensibles algunhas das súa actitudes”. Pero xustificou que os populares o manteñan na alcaldía porque do contrario, asegurou, a cidade “bloquearíase durante catro anos”. Nada dixo Feijóo este xoves da súa vella reivindicación de que en cada administración goberne a formación máis votada, o que no caso de Ourense suporía facilitar un goberno do PSdeG. Pola contra, o aínda presidente da Xunta e do PPdeG defendeu que o seu bipartito con Jácome, terceiro en votos, supón “achegar solucións e estabilidade ao goberno de Ourense”.
A Feijóo mesmo lle preguntaron se ese apoio suporá que o PP apoie a Jácome ata o final do mandato municipal dentro dun ano, ao que o presidente respondeu secamente: “Non, eu non dixen iso”.
Para Feijóo o seu bipartito con Jácome supón “achegar solucións e estabilidade ao goberno de Ourense”.
Feijóo tamén foi preguntado sobre os prazos para renovar o partido a nivel local, no que o pasado setembro dimitiu o seu ata daquela coordinador e último candidato a alcalde, o ex-conselleiro Jesús Vázquez, designado polo propio Feijóo para eses postos e posteriormente marxinado pola formación para facilitar o pacto con Jácome. Feijóo respondeu asegurando que o obxectivo é que todas as cidades celebren os seus congresos locais antes do verán e que con toda probabilidade quen resulte elixido para a presidencia local da formación será tamén o próximo candidato á alcaldía.
O presidente da Xunta pronunciouse así sobre a situación do seu partido tras unha reunión do Goberno galego que foi trasladada de xeito extraordinario a Ourense para prometer diversos futuros investimentos na cidade a e a súa contorna. Porén, boa parte dos anuncios do presidente non se corresponderon con acordos formais tomados na reunión deste xoves, na que só foron realmente aprobados dous polígonos agroforestais.
A Xunta quere construír unha nova sede en Ourense, para a que xa mercou os terreos por 8,5 millóns e cuxas obras estima noutros 18 millóns
Entre as promesas de Feijóo para Ourense estivo a de construír unha nova sede da Xunta na cidade que unifique as súas actuais dependencias repartidas por varios inmobles, nalgún caso de alugueiro. O Goberno galego xa mercou hai uns meses os terreos nos que se levantará, na zona das Lagoas, por preto de 8,5 millóns de euros, e agora abrirá un concurso de ideas para deseñar o edificio, para o que estima un custo duns 18 millóns de euros.
A Xunta tamén está a executar e planificar obras na súa sede central de San Caetano por máis de cen millóns de euros e vén de anunciar tamén a remodelación da súa sede territorial en Ferrol. Fíxoo hai un mes, noutro Consello da Xunta tamén trasladado fóra de San Caetano no que se anunciou que unha concelleira do PP asumiría a nova delegación da Xunta en Ferrol.