O presidente traslada a reunión semanal do seu Goberno a Ferrol, anuncia a remodelación da sede administrativa nesa cidade e asegura que aínda non pensa na candidatura do seu partido para as municipais de 2023
A reunión semanal do Goberno galego foi trasladada este xoves do seu lugar habitual na sede central de San Caetano ao edificio da administración galega en Ferrol, onde Feijóo anunciou o nomeamento da concelleira do PP Martina Aneiros á fronte da nova Delegación da Xunta alí creada cun ámbito de actuación que abarca un total de 20 concellos con 190.000 habitantes. O presidente fixo varios anuncios de futuro para a cidade, reprochou ao Goberno de España que descoide a Ferrolterra e asegurou que aínda non pensa na candidatura do seu partido na cidade nas eleccións municipais de 2023.
A nova delegación da Xunta en Ferrol, a sexta tras as existentes nas catro capitais provinciais e Vigo, foi creada hai dúas semanas e, malia que terá menos órganos que o resto e algunhas funcións seguirán dependendo da delegación na Coruña, este xoves Feijóo asegurou que “antes todo ía á delegación da Coruña e agora quédase en Ferrol”.
O presidente tivo que ser preguntado dúas veces polo custo que terá a nova delegación para que finalmente respondese. “Supoño que as nóminas da delegada, do seu gabinete, non llo podo dicir con exactitude, pero desde o punto de vista de persoal é un gasto máis comedido, non se trata de gastar máis en persoal senón de ordenar a interlocución”, argumentou. En todo caso, o propio Feijóo asegurou que a Xunta ten a intención de remodelar o edificio administrativo actual en Ferrol e facer alí “unha sede institucional ampliada” como tamén o está a facer coa sede central en Santiago e proxecta igualmente para Ourense.
O Consello da Xunta deste xoves en Ferrol serviu a Feijóo para facer balance das distintas actuacións do seu Goberno na cidade e anunciar outras futuras, aínda que só aprobou oficialmente un único acordo ao respecto, o de declarar unha área de rexeneración urbana no Ferrol Vello que facilitará a chegada de axudas pero que agora deberá planificar o Concello. Feijóo tamén prometeu a futura construción dunha senda peonil e ciclista entre A Ranita e A Malata a través dun acordo coa Autoridade Portuaria.
Tras eses anuncios, o presidente foi preguntado pola posibilidade de que o ex-alcalde José Manuel Rey Varela, actualmente deputado no Parlamento de Galicia, volva ser o candidato do PP na cidade. “Non lle podería contestar porque non pensamos niso”, dixo, e asegurou que o partido está traballando aínda na organización dos congresos locais das cidades.