Feijóo prevé anunciar o nome do delegado ou delegada nos próximos días mentres o DOG establece que cada consellería decidirá o reparto da súa estrutura entre A Coruña e Ferrol
Ata 2009, nunha estrutura herdada de Fraga que PSdeG e BNG non mudaron, a Xunta contaba con delegacións territoriais de cada consellería en cada provincia. A chegada á presidencia aquel ano de Feijóo supuxo unha reforma coa creación de cinco grandes superdelegacións de todo o Goberno galego nas catro capitais provinciais mais en Vigo, ao tempo que por abaixo suprimíronse as delegacións de cada consellería pero se deu máis peso político ás figuras dos seus xefes territoriais. Doce anos despois agora Feijóo crea unha sexta superdelegación da Xunta, en Ferrol, pero terá menos órganos que o resto e algunhas das súas funcións seguirán dependendo da superdelegación da Coruña.
O anuncio da creación da sexta delegación da Xunta, en Ferrol, foi lanzado por Feijóo no último debate sobre o estado da autonomía, en outubro, tras meses reprochando ao Goberno central falta de implicación coa crise da comarca. Tres meses despois, o pasado xoves o Goberno galego aprobou o decreto que formalmente crea esa nova delegación -publicado este luns no Diario Oficial de Galicia- ao tempo que o propio presidente anunciaba a súa intención de facer público nos próximos días o nome da persoa que ocupará o novo posto. Malia que cando menos ese cargo será de nova creación, a Xunta asegura no decreto que será “sen que supoña incremento de gasto”.
Os servizos xurídicos e a intervención da nova delegación da Xunta en Ferrol seguirán dependendo da delegación na Coruña
A nova delegación terá un ámbito territorial de 20 concellos: Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Ares, Mugardos, Fene, Neda, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, Pontedeume, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, Cerdido, Cariño, Ortigueira e Mañón. Son máis que os 14 concellos que agrupa a delegación da Xunta en Vigo, pero a ferrolá terá menos competencias.
Segundo o decreto agora feito público, as funcións dos gabinetes xurídicos cos que contan as outras delegacións territoriais no caso de Ferrol “serán desempeñadas polo Gabinete Xurídico Territorial da Coruña”. Igualmente, os departamentos territoriais de intervención existentes nas outras delegacións terán unha excepción en Ferrol, para onde se indica que “estas competencias serán desempeñadas pola Intervención Territorial da Coruña”.
Ademais, ao igual que ocorre co reparto dalgunhas estruturas de cada consellería entre Pontevedra e Vigo, no caso de Ferrol será tamén cada consellería a que determine dentro da súa propia estrutura orgánica a estrutura das súas delegacións territoriais da Coruña e Ferrol. A coordinación dos órganos existentes en Ferrol, como no resto de delegacións, dependerá da Consellería de Presidencia.
Por outra banda, a nova delegación territorial en Ferrol chega despois de que a lei de acompañamento dos orzamentos deste ano veña de facilitar os nomeamentos a dedo do persoal que ocupa as xefaturas territoriais das consellerías. Son postos discrecionais, pero se ata agora o Goberno galego só podía nomealos de entre persoas que fosen funcionarias da administración xeral, agora tamén poderán ser persoal sanitario ou profesorado.