-
Ana Pontón conclúe anunciando iniciativas do BNG en dez materias. Entre elas, o autogoberno e o financiamento autonómico con senllas comisións para lograr "un novo estatus político" e lograr "maior autonomía fiscal e financeira". Reclama tamén que o Goberno galego revele que proxectos privados apoia para lograr fondos europeos e anuncia que promoverá un "pacto galego" en materia enerxética que inclúa un novo modelo eólico ou unha empresa pública para asumir as concesións hidroeléctricas que caduquen.
-
Pontón ve "moi revelador" que Feijóo "oculte a que empresas quere dar os cartos" dos fondos Next Generation. A portavoz nacional do BNG amósase "preocupada" por que este vaia ser outro "exemplo do capitalismo de amiguetes" que, acusa, a Xunta do PP exerce con empresas como DomusVi, exemplificou.
-
Pontón sinala que Galicia "merece máis que un presidente que se move entre a submisión a Casado e a confrontación estéril co Goberno de Sánchez". "Veu darnos unha clase de moderación cando estamos ante o PP máis ultra da historia", lamenta a portavoz nacional do BNG.
-
A líder do BNG sinala que a Atención Primaria do Sergas está "ao bordo do colapso". "Non faltan profesionais, escapan da súa precariedade", mantén Ana Pontón. "O colmo é que veña presumir de atención aos hospitais comarcais": "dígao en Verín ou á veciñanza da Mariña que para cambiar a pila do marcapasos ten que ir a Lugo", reta.
-
Pontón chama a "pensar Galiza en grande" e "recuperar o verdadeiro significado da política, a que fai posible o necesario". Feijóo, di, "pensa Galiza en pequeno" e redúcea a un "eslogan electoral" ata ser "un freo" para o país. "Só lle di que si a Casado e aos lobbys económicos amigos do PP".
-
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, principia a súa intervención reiterando as súas condolencias polo falecemento do conselleiro de Facenda. A líder do Bloque, a continuación, lamenta que Feijóo se atribúa "méritos" na loita contra a pandemia que foron da cidadanía, di. "Non teime en borrar os seus erros con propaganda" e "aprenda que a sanidade pública salva vidas, revertendo doce anos de recortes", di.
-
Gonzalo Caballero remata "tendendo a man" a Feijóo "para construír unha Galicia mellor" pero acúsao de estar máis pendente da "confrontación" co Goberno de España que de "gobernar Galicia". "Teñen unha oposición que nada ten que ver coa deslealdade de Casado", di
-
Gonzalo Caballero acusa o PP de "dicir que non" a todas as propostas de colaboración do PSdeG, como un plan contra a pobreza, a estabilización do persoal eventual na Sanidade ou o aumento de traballadores nos Servizos Sociais, e lembra que xa lle propuxera a Feijóo a gratuidade das escolas infantís, unha medida que nunca contemplou. "Empeza a acertar cando rectifica", di
-
O secretario xeral do PSdeG di que Feijóo "converte Galicia nun almacén de desastres industriais" e asegura que a súa única estratexia económica "é buscar a quen botar a culpa" da falta de poboación ocupada ou dos problemas para atopar traballo. "Só busca responsables no Goberno de España ou nos concellos de Galicia", di.
-
-
Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de "ser máis líder opositor do Goberno de España que presidente de Galicia" e de "estar ao servizo do PP" tras iniciar a súa intervención lembrando o conselleiro Valeriano Martínez. "É máis un Casado bis", dille.
-
O debate de política xeral continúa na tarde deste mércores, ás 16 horas, coas quendas dos grupos parlamentarios de menor a maior representación, en intervencións de 45 minutos para Gonzalo Caballero (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Pedro Puy, por esa orde. A continuación Feijóo responderalles.
-
Feijóo remata o seu discurso de apertura do debate de política xeral cunha lembranza ao falecido conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. “Doulle as grazas neste Parlamento que naceu cos mesmos soños que Valeriano tivo, oxalá que nos inspiren nos próximos pasos que ten que dar Galicia”.
-
Feijóo defende a moderación, o centro e “nin un extremo nin outro” en cuestións como a igualdade, a lingua galega ou o dereito á vivenda e as ocupacións. O presidente di que para reclamar novos avances na igualdade de mulleres e homes “non é preciso ocultar o moitísimo que temos avanzado”, que “amar o galego é posible sen deixar de lado o español, sen pecharnos a outras linguas”, e que “é compatible o dereito a vivenda co dereito á propiedade e a loita contra a ocupación”.
-
Feijóo anuncia a creación dunha delegación da Xunta en Ferrol, que sería a sexta tras as existentes nas catro capitais provinciais e en Vigo. O presidente reclama ao Goberno de España que cree unha Zona Franca en Ferrol e di que a Xunta proporá situar na provincia de Lugo “se é viable” a fábrica de fibras textis pola que aposta con fondos europeos.
-
Feijóo defende o “Bono Cultura, un modelo no que fomos pioneiros” e do que di que agora vai “replicar” o Goberno de España. O presidente estatal do PP, Pablo Casado, vén de cualificar como “peronista” o bono estatal dirixo á mocidade de 18 anos, do que di que pretende “comprar o voto”.
-
O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá “un centro especializado no ensino dixital e na innovación e investigación educativa”. “Pese a pandemia, Galicia vén de vivir a mellor época do seus sistema educativo”, engade.
-
Feijóo anuncia que en 2022 a Xunta obrigará a que as novas residencias de maiores que abran estean organizadas en unidades de convivencia de 25 persoas como máximo e que se crearán “unidades de coidados intermedios” para atender ás persoas que tras altas hospitalarias precisen de acompañamento.
-
Feijóo gaba a xestión da pandemia en Galicia: “Con toda humildade, pero tamén con orgullo colectivo, debemos afirmar que o sistema público foi capaz de dar resposta a cada momento crítico”, di. “Entendo que os resultados electorais de hai un ano sustentan esta afirmación, pero o máis importante é que tamén a avalan os datos”, engade.
-
O presidente anuncia que os orzamentos galegos do próximo ano “volverán incluír unha rebaixa de impostos”, pero non a concreta.
-
Feijóo carga contra o Goberno central, ao que acusa de subir impostos á cidadanía e menosprezar ás comunidades autónomas na reactivación económica cos fondos europeos. “Que os anuncios de hoxe non sexan a crise de mañá”, di.
-
Tras unha introdución xeral sobre a resistencia de Galicia ante a pandemia a nivel social e económico e anunciar que “antes de que remate o ano” a Xunta presentará o seu plan estratéxico para o período 2021-2030, Feijóo comeza o repaso sectorial da situación do país dicindo que “o reto demográfico é o problema número un de Galicia”. O presidente di traballar para que “a partir do vindeiro curso todas as escolas infantís en Galicia sexan cen por cen gratuítas”, medida que afonda nas políticas xa iniciadas por algúns concellos.
-
Feijóo anuncia que “a próxima semana” a Xunta levantará a situación de emerxencia sanitaria pola COVID-19 declarada o 13 de marzo de 2020.
-
Comeza o debate de política xeral con público novamente na tribuna de invitados e cun minuto de silencio en lembranza ao falecido conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, en cuxo escano hai unha flor branca e exemplares do Estatuto de Autonomía e da Constitución.
-
Ás 10 da mañá deste 13 de outubro principia o primeiro debate de política xeral da lexislatura. Ábreo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cun discurso sen límite de tempo. Ás 16h comeza a quenda dos grupos parlamentarios de menor a maior representación, en quendas de 45 minutos para Gonzalo Caballero (PSdeG), Ana Pontón (BNG) e Pedro Puy (PP), por esta orde. A continuación, Feijóo responde e os grupos replican con cadansúas quendas de 15 minutos. A contrarréplica do presidente da Xunta pechará a primeira xornada.
- Debate 2021
- Política Ao vivo
O primeiro gran debate da lexislatura galega confronta modelos de país para despois da pandemia
Hemeroteca
-
Feijóo ofrece "estabilidade" en Galicia para o que queda de lexislatura e eríxese en exemplo de moderación no Estado
-
Pontón confronta o seu plan para "pensar Galiza en grande" cun Feijóo "entre submisión a Casado e confrontación con Sánchez"
-
Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de "buscar a quen botar a culpa" como "única estratexia" ante a crise económica e industrial