"Válelle calquera cuestión para facer oposición ao Goberno de Madrid e está máis preocupado de ser líder opositor que presidente de Galicia", di Caballero a Feijóo
"Goberne Galicia e deixe de falar dos demais; xestionan 12.000 millóns de euros e non se sabe que fan. Saquen os cartos do colchón", rematou Gonzalo Caballero a súa intervención no debate de política xeral no Parlamento. Se pola mañá Feijóo buscou seguido a confrontación co Goberno de España, pola tarde o secretario xeral do PSdeG reprochoulle esa teima, xa non só no seu discurso de apertura, senón na súa acción política á fronte da Xunta de Galicia.
"Válelle calquera cuestión para facer oposición ao Goberno de Madrid e está máis preocupado de ser líder opositor ao servizo do PP que presidente de Galicia", dixo Caballero, que acusou a Feijóo de ser "un Casado bis". Todo logo de "tender" a man para "construír unha Galicia mellor" e lembrarlle que a oposición que el ten en Galicia "nada ten que ver coa deslealdade" que a súa formación ofrece na política estatal.
Ademais, insistiu na querencia de Feijóo por botar balóns fóra e ter como "única estratexia", durante os doce anos que leva á fronte da Xunta, a de "buscar a quen botar a culpa", sobre todo no que ten que ver cos problemas no ámbito económico.
Caballero acusa a Feijóo de "buscar a quen botar a culpa" como "única estratexia" económica mentres "converte Galicia nun almacén de desastres industriais"
"A súa única estratexia é buscar a quen botar a culpa do deserto industrial ou da falta de poboación ocupada", doxo Caballero, que sinalou que as políticas de Feijóo "converten Galicia nun almacén de desastres industriais", logo de citar varias das empresas que desapareceron en Galicia nos últimos anos. "Só busca responsables no Goberno de España ou nos concellos", insistiu o líder do PSdeG, que acusou o presidente da Xunta de "non ter nin estratexia económica, nin modelo, nin impulso".
Ante o discurso triunfalista de Feijóo, Caballero lembrou en cifras os problemas da sanidade pública, en especial na Atención Primaria, os recortes no profesorado de reforzo no ensino ou escasa aposta polos servizos sociais. E lembrou, ademais, que xa desde o PSdeG se propuxera a gratuidade de todas as escolas infantís en Galicia, como Feijóo anunciou para o vindeiro curso, unha medida rexeitada sempre polo PP. "Cando rectifica empeza a acertar", asegurou.
"É evidente que as listas de espera son estrtururais, que hai unha evidente saturación na Atención Primaria e que usan a tención telefónica para enmascarar os datos", espetou Caballero, que lembrou tamén que Galicia agora "di adeus aos profesores de reforzo" no ensino ou que está "á cola en profesionais dos servizos sociais ou de investimento por persoas dependentes".
Por outra banda, Caballero acusou a Feijóo de lanzar "propostas inconexas" e sen máis detalle respecto da recuperación económica, así como de "carecer de propostas e ideas para sacar adiante Galicia" logo da "profunda" crise que provocou a pandemia.
Así, advertiu que Feijóo "pensa" que o país "constrúese desde os poderosos, as grandes empresas e as grandes noticias nos medios de comunicación" e cualificou de "perigosa" a súa filosofía fronte ás políticas de esquerda que cre necesarias. "Cando marche, o seu legado será baleiro. É o momento de crear unha Galicia post-COVID, unha Galicia competitiva; precisamos facer o mellor proxecto da Galicia do futuro e xerar ideas de compromiso", dixo, sen fiarse.
"Porque seguirán aplicando recortes e facendo máis pequeno o público e sen recursos para financiar o máis necesario", insistiu, logo de lembrar o anuncio da rebaixa de impostos de Feijóo. "Se algo debería ter aprendido é que nos momentos de maiores problemas hai que defender o público por riba de todo", dixo.
Ademais, apostou por reformar o Estatuto de Autonomía e "adaptalo aos novos tempos" e insistiu en tender a man para a recuperación económica. "Creemos emprego e apoiemos os servizos públicos, porque alí onde hai emprego, servizos públicos e vivenda accesible, alí hai xente disposta a vivir e rexenerar demograficamente o país", concluíu Caballero.
Mentres el interviña, e logo de que Feijóo se gabase pola mañá da política de "moderación" do seu Goberno, o PP de Galicia cargaba na súa conta de Twitter contra Gonzalo Caballero por, segundo aseguraron desde a formación, non ter aprazado o debate cinco días tras a morte do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nin ter suspendido a súa campaña de primarias. Reproches semellantes foron realizados a Valentín González Formoso, o outro aspirante a liderar o PSdeG.