Tras a primeira xornada do debate de política xeral, na que o presidente da Xunta, a voceira do BNG e o voceiro do PSdeG contrapuxeron os seus discursos e propostas, a segunda é a dedicada a debater e votar as propostas de resolución. Trátase de 120 iniciativas, 40 por grupo, nas que cada formación sintetiza as iniciativas políticas nas que, ao seu xuízo, deben concretarse como resultado do debate.
Estas propostas -equiparables ás partes dispositivas das mocións ou das proposicións non de lei nos plenos ordinarios- adoitan ser solicitudes á Xunta para que poña en marcha algunha medida en concreto. Deste xeito, o lexislativo propón ao Executivo que desenvolva determinada acción avalado pola maioría da Cámara, aínda que o Goberno non ten a obriga legal de cumprir.
O Goberno central é destinatario de peticións ou críticas en 20 das 40 proposicións de resolución do PP, que tamén rexistrou unha na que liga a conmemoración do 40º aniversario do Estatuto co "rexeitamento de posicións independentistas" e a condena da "violencia" na política
As únicas propostas que teñen garantida a súa aprobación son as formuladas polo PP, apoiado na súa maioría absoluta. Como é habitual, entre as propostas de resolución dos populares figuran as promesas lanzadas por Alberto Núñez Feijóo no seu discurso inicial. Neste caso, por exemplo, instando á Xunta a promover a gratuidade das escolas infantís ou a abrir unha delegación en Ferrol ou reafirmando que o Executivo "siga avanzando" en diferentes medidas que xa ten en marcha.
Non obstante, dende que en 2018 mudou o signo político do Goberno de España, é habitual que un número significativo das propostas de resolución dos conservadores vaian dirixidas ao Executivo central. Neste 2021 é o que sucede en 20 das corenta propostas, algunhas máis concretas e outras, nun ton de crítica política máis xeral.
Así, por exemplo, os populares promoverán que o Parlamento inste o gabinete do PSOE e Unidas Podemos a ter unha "maior implicación" no financiamento do Xacobeo, a culminar a transferencia da AP-9, a apoiar con fondos europeos os proxectos privados apoiados pola Xunta ou a asinar un "pacto de Estado" sobre Ferrol. Tamén lanzan reclamacións a respecto de Ence ou Alcoa, dos prezos da luz, a eliminar as taxas de reposición no emprego público, a reformar o financiamento autonómico -caducado dende 2014-, a dotar a liña de AVE a Madrid dun determinado modelo de trens ou a que os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 teñan en conta diversas "necesidades históricas" de Galicia. Fan o propio, igualmente, para reclamar "endurecer as penas por ocupación de vivenda".
Alén destas e outras proposicións dirixidas ao Goberno de Pedro Sánchez, o PP tamén impulsa outra que, como as redactadas en clave estatal, teñen un valor de mera declaración política. É o caso, un ano máis, dun texto que os populares aprobarán mesturando o "rexeitamento ás posicións independentistas e a súa defensa da autodeterminación" coa "condena" do "uso da violencia como vehículo para alcanzar calquera obxectivo político" e, desta volta, tamén, coa conmemoración do 40º aniversario do Estatuto galego e o "recoñecemento dos logros acadados" neste tempo. Neste eido, teceron un acordo co PSdeG para aprobala tras matizar o texto.
Propostas de BNG e PSdeG
O BNG formula propostas como avanzar no autogoberno ou inxectar 200 millóns na Atención Primaria do Sergas; o PSdeG reclama máis fondos en educación e política social ou asumir novas competencias, entre outras medidas
Mentres que todas as propostas do PP teñen garantida a súa aprobación -xa sexa coa redacción orixinal ou mediante algunha transacción-, a maior parte das formuladas polos grupos da oposición non sairán adiante. O BNG defenderá que o Parlamento concrete algunha das iniciativas formuladas por Ana Pontón no seu discurso da primeira xornada: entre elas, crear un relatorio para avanzar nun "novo status político" para Galicia, que a Xunta "consensúe unha estratexia galega" para optar aos fondos Next Generation, un plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial, 200 millóns de euros adicionais para a Atención Primaria do Sergas ou unha lei contra o cambio climático, entre outras.
O PSdeG, pola súa banda, tamén coincide na necesidade de "consensuar" o reparto dos fondos europeos e céntrase en áreas como reforzar a educación pública con máis profesorado, crear unha Axencia de Desenvolvemento Rural que goce de independencia organizativa, "levar a cabo as medidas necesarias para a asunción de novas competencias" tras doce anos sen ningunha nova ou "corrixir o déficit en política social, cun investimento progresivo ata acadar a media estatal".