No seu discurso de apertura do debate de política xeral deste 2021, o primeiro da lexislatura, o presidente da Xunta erixiuse en exemplo de moderación política para o conxunto do Estado. Así, Alberto Núñez Feijóo dedicou parte da súa intervención a explicar as "claves da moderación" e trazar o retrato do "político moderado", o cal non "fragmenta", coida da "linguaxe" para non "ferir" ou asume que non hai "verdades indiscutibles".
No 'segundo pase' do debate de política xeral, Feijóo fixo convivir no seu discurso clásicos como a atribución de culpas ao bipartito (2005-09) con mofas ao socialista Gonzalo Caballero e mais cun intento de facer ver que a nacionalista Ana Pontón "oculta aos galegos as súas verdadeiras intencións" no caso de chegar á Xunta
É habitual que, tras esa intervención inaugural de corte máis institucional, na quenda de debate propiamente dito o ton do presidente derive cara a unha maior dureza. Tamén sucedeu neste primeiro debate de política xeral da lexislatura. Nese segundo pase, clásicos como a atribución de culpas á coalición de PSdeG e BNG que gobernou o país entre agosto de 2005 e abril de 2009 conviviron nas verbas de Feijóo con mofas ao socialista Gonzalo Caballero pola convulsa situación interna do PSdeG en vésperas das súas primarias e, sobre todo, cun intento de facer ver que a nacionalista Ana Pontón "oculta aos galegos as súas verdadeiras intencións" no caso de chegar á Xunta.
"Vostede -non o vin, dixéronmo- forraba a carpeta do instituto con imaxes de [Jordi] Pujol e [Juan José] Ibarretxe. Non é certo? Se non é certo, o retiro" pero "se é certo, é bo que o explicase", dixo Feijóo a Pontón nun punto do tirapuxa especialmente celebrado pola bancada popular. "Eu, dende logo, non vou forrar a carpeta nin con Pujol, nin con Ibarretxe; nin con Rufián, nin con Otegi", agregou.
Alén de que nos anos en que Pontón ía ao instituto, Ibarretxe ocupaba cargos tan pouco mainstream fóra de Euskadi como presidente de Deputación ou conselleiro de Facenda (naqueles anos, o presidente do PNV era Xabier Arzalluz e o lehendakari, José Antonio Ardanza), a chanza de Feijóo foi o pórtico para, acto seguido, acusar á líder do Bloque de "impoñernos como temos que pensar". Antes, instáraa a aclarar se "vai renunciar a ir en listas con Bildu". Na súa resposta, Pontón lamentou que Feijóo se preocupase polo forro das súas carpetas de antano. A ela preocúpana máis que os "amigos" do PP "se forren con Galiza", dixo en referencia ás acusacións de conivencia cos "lobbys económicos" á que aludira na súa primeira intervención.
"Se queren cumprir a lei de normalización lingüística, debería dicir Galicia e non Galiza", recomendou Feijóo a Pontón antes de asegurar que "xa non hai BNG" porque "agora está a UPG"
O ton da invectiva sobre a suposta carpeta continuou na quenda de peche da sesión, cando os grupos da oposición xa esgotaran as súas quendas. Tras rexeitar por segunda vez que o que acollía o Parlamento fose "o debate da nación", como sinalara Pontón, Feijóo censurou tamén que a portavoz do BNG "vén aquí a falar de Galiza" mentres "eu veño a falar de Galicia". "Se quere cumprir a lei de normalización lingüística, debería dicir Galicia e non Galiza", recomendou.
En realidade, esa lei non regula especificamente o nome do país; si se refiren a el as Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega vixentes sen cambio ningún dende hai case dúas décadas, que evidencian "Galicia" como "voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna" e sinalan que "Galiza" é "tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo".
Afirma Feijóo que todos estes asuntos están ligados entre si porque cómpre aclarar que "o BNG mudou e xa non hai BNG", senón que agora "está a UPG, que é totalmente distinta" á "xente do BNG un pouco máis sensata" coa que "pactamos moitas cousas" no pasado, defendeu. Afea tamén a Pontón, non obstante, que procede dese mesmo pasado por acumular 17 anos como membro do Parlamento.