Ademais das 40 propostas do PP garantidas pola súa maioría absoluta o Parlamento tamén validou, con distintos apoios, outras 8 do PSdeG, pero os populares rexeitaron todas as iniciativas do BNG
A igualdade e liberdade sexual e o reequilibrio territorial a través do impulso das infraestruturas e o rural foron os dous grandes puntos de encontro entre os tres grupos do Parlamento galego nas resolucións finalmente aprobadas tras o primeiro debate de política xeral da lexislatura. Sobre esas cuestións centráronse a maioría das nove propostas que PP, BNG e PSdeG apoiaron de xeito unánime nunha última sesión do venres que deixou un total de 48 resolucións aprobadas.
Das 120 iniciativas presentadas, 40 por cada grupo parlamentario, foron finalmente aprobadas as 40 presentadas polo PP -unha delas negociada co BNG e tres co PSdeG- e 8 presentadas polo PSdeG -seis delas negociadas cos populares-. Dese total de 48 propostas aprobadas, a metade, 24, o foron co único voto a favor dos populares, mentres que 9 saíron adiante por unanimidade: tres do PSdeG tras ser negociadas (contra a explotación sexual, pola sensibilización dos problemas das persoas LGTBI e para modernizar a administración galega), dúas do PSdeG intactas tal e como as formulou esa formación (para dinamizar o rural en xeral e para “empoderar” ás mulleres nese ámbito) e outras catro do PP tamén intactas (para reclamar ao Estado máis investimentos viarios especialmente no interior de Galicia, potenciar as medidas de igualdade de cara ás mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero, impulsar a carreira investigadora e mellorar a formación laboral).
O PP non apoiou ningunha proposta do BNG, pero si negociou cos nacionalistas unha iniciativa propia (para reclamar ao estado investimentos ferroviarios). Pola contra, os populares si votaron a favor de oito propostas do PSdeG, dúas delas como as presentaron os socialistas, sen negocialas, as anteditas aprobadas por unanimidade para dinamizar o rural en xeral e “empoderar” ás mulleres nese ámbito. E dentro do ámbito da oposición, BNG e PSdeG coincidiron no sentido do voto en 62 ocasións, pero a maioría desas propostas foron tombadas polo PP.
As 48 resolucións aprobadas, que instan ao Goberno galego pero que non son imperativas, poden lerse textualmente aquí, neste enlace do Parlamento de Galicia que no momento de editar esta información recolle 46 xa que a propia Cámara admite un erro temporal e aínda non incluíu outras dúas do PP en demanda de mellor financiamento autonómico e impulso das políticas de vivenda.