O BNG chegou ao primeiro debate de política xeral da lexislatura coa vontade de amosarse como alternativa de Goberno para Galicia, na liña das teses políticas que se dispón a debater na Asemblea Nacional que celebrará dentro de escasas semanas. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, empregou os seus corenta e cinco minutos de discurso para expoñer os obxectivos "estratéxicos" que, di, o Bloque trazou a modo de síntese dun programa político para "pensar Galiza en grande" fronte ao PP dun Alberto Núñez Feijóo ao que di ver a medio camiño entre a "submisión a Casado e a confrontación estéril" co Goberno de Pedro Sánchez.
O BNG chega ao primeiro debate de política xeral coa vontade de amosarse como alternativa de Goberno
Nunha intervención que comezou reiterando as condolencias pola morte do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, Pontón encadrou o debate como unha oportunidade para trazar o escenario político tras a pandemia. E neste momento, advertiu ao presidente da Xunta, non cabe "teimar en borrar os erros con propaganda" en materias como as carencias da Atención Primaria do Sergas ou a atención ás persoas da terceira idade. Tampouco é posible admitir, di, que Feijóo se atribúa "méritos" na loita contra a COVID que foron da propia cidadanía ou do persoal dos servizos públicos.
Tras máis de doce anos seguidos e despois de acumular máis de trinta anos no poder, sinala a líder do Bloque, o PP encabeza un Goberno "sen ambición nin proxecto de país", instalado na negativa a medidas como a tarifa eléctrica galega que reclama a formación soberanista ou a xestión directa das futuras residencias de maiores tras unha década sen construír ningunha. Son só, di, mostras de que Feijóo "pensa Galiza en pequeno" ata reducila a un "eslogan electoral". "Só lle di que si a Casado e aos lobbys económicos amigos do PP", censura, porque malia que "veu darnos unha clase de moderación" , "estamos ante o PP máis ultra da historia",
Pontón lamenta que Feijóo "só lle di que si a Casado e aos lobbys económicos amigos do PP" que, teme, poden beneficiarse agora do reparto dos fondos europeos
Ese país "máis pequeno" a causa da xestión gobernamental do PP tradúcese, a xuízo de Pontón, en eidos que van da emigración da mocidade ao retroceso no uso do galego que acreditan os datos máis recentes. Dunha "crise demográfica que é o retrato do fracaso do PP" ao peche de sucursais bancarias ou ás "listas de espera de ata tres semanas" nalgúns centros de saúde.
"A súa acción de Goberno -resume- deixa claro que está do lado dos lobbys económicos amigos do PP, xenerosamente regados con recursos públicos" e iso, di temer, é o que pode suceder coa xestión dos fondos europeos de recuperación, que "poden quedar nas mans das multinacionais, se cadra mesmo das eléctricas que nos estafan". Por iso, reclama, cómpre que a Xunta faga pública decontado a listaxe íntegra de proxectos privados aos que apoia para captar este financiamento.
É por factores coma estes polos que Pontón ve urxente un "cambio de rumbo" que considera posible a través dun decálogo de "propostas estratéxicas" para pensar "Galiza en grande". Non en van, mantén, no Bloque son "optimistas tanto da intelixencia como da vontade, optimistas irredentas co futuro de Galiza" tras "doce anos de desgoberno e descontrución". Neste sentido, avanza que dende as propostas de resolución deste mesmo debate o BNG promoverá iniciativas que van dende a constitución dun relatorio no Parlamento para avanzar no autogoberno ata reclamar un novo modelo de financiamento no que, cando menos, a Xunta do PP defenda unha maior "autonomía fiscal e financeira" aínda que a proposta do Bloque siga sendo o concerto económico.
A portavoz nacional do Bloque anuncia iniciativas para incrementar o autogoberno, reformar o modelo eólico ou aumentar o orzamento da Atención Primaria do Sergas
Un "rescate" do sector industrial mediante a creación dun Instituto Galego de Crédito, un "pacto galego pola enerxía" con medidas como un novo modelo eólico con participación pública ou unha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas caducadas ou pular polo rescate da AP-9 son outras das medidas dun plan que tamén aposta polo "reforzo dos servizos públicos" mediante accións como inxectar 200 millóns de euros na Atención Primaria do Sergas ou un novo plan de atención á saúde mental. Tamén, di, o BNG ofrecerá acordos para afrontar a emerxencia climática, garantir que as novas residencias de maiores teñen xestión pública ou reforzar a loita contra a violencia machista.
Estas iniciativas, concluíu Pontón, son só mostras da "nova Galiza" que o BNG quere "construír", unha "Galiza en grande" que "non merece un presidente que pensa e actúa en pequeno. Mentres a portavoz nacional do Bloque expuña o seu discurso, o PP compartiu a través das súas redes sociais imaxes da propia Pontón e doutros membros da formación nacionalista con líderes independentistas vascos ou cataláns e mensaxes nas que o define como "un partido" que "se nega a apoiar á Policía e á Garda Civil".