Feijóo ofrece "estabilidade" en Galicia para o que queda de lexislatura e eríxese en exemplo de moderación no Estado

Feijóo durante o seu discurso de apertura do debate de política xeral © Parlamento de Galicia

O presidente busca a confrontación co Goberno de España durante todo o seu discurso de apertura do debate de política xeral, no que anuncia a gratuidade de todas as escolas infantís a partir do vindeiro curso

“Nin un extremo nin outro, en Galicia sempre nos atopamos no centro”. Moito máis do que xa de seu adoita facer en todo tipo de intervencións, o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, fixo xirar o seu discurso de apertura do primeiro debate de política xeral da lexislatura, un ano e un mes despois da súa cuarta toma de posesión, arredor das ideas de moderación e estabilidade. Uns conceptos que de xeito triangular asimilou coa propia forma de ser galega e con el mesmo, afondando así na estratexia de identificar a súa formación política coa Xunta e a esta co sentir de todo o pobo galego.

Foi nun discurso de algo máis de dúas horas no que o presidente do Goberno galego anunciou entre outras cuestións a gratuidade a partir do vindeiro curso de todas as escolas infantís, sexan públicas, privadas ou de iniciativa social, fronte á situación actual en que son gratuítas para os segundos e seguintes fillos ou fillas. [Neste resumo que fomos elaborando en directo podes revisar varios dos principais anuncios do presidente].

Unha intervención na que constantemente recorreu á confrontación co Goberno de España, do que criticou todo tipo de políticas e mesmo declaracións, a medio camiño entre o “non nos entenden, non” do himno e o “a rúa é miña” de Manuel Fraga. A diferenza do que ao seu ver ocorre a nivel estatal en todo tipo de eidos, en Galicia, dixo, “o sistema público foi capaz de dar resposta a cada momento crítico da pandemia da COVID-19” e “os resultados electorais de hai un ano sustentan esta afirmación”.

Intervención inicial de Feijóo no debate de política xeral CC-BY-SA Xunta de Galicia

Feijóo preguntouse onde atopar "unha esperanza" fronte "a inestabilidade, a frivolidade e o sectarismo", e respondeuse: "en Galicia, e na moderación galega"

“A estabilidade pasada e presente non asegura estabilidade eterna, é un compromiso que debemos renovar día tras día”, dixo o presidente, que salpicou toda a súa intervención de conceptos como “reformismo continuado, “centro” ou “progreso sensato”. Fronte á inestabilidade política a nivel estatal, "a inestabilidade e a frivolidade e o sectarismo", e un Executivo central do que di que a súa prioridade “non é gobernar”, preguntouse “onde atopar un contrapunto, unha esperanza?” E el mesmo contestouse que “unha resposta está, e vai seguir estando, en Galicia, e na moderación galega”. 

Pero xusto a continuación non describiu en que consistiría esa moderación da poboación ou ser común galego senón que enumerou as que considera “tres claves para a moderación” dun político: “O político moderado non inicia a súa xornada pensando no que pode facer para fragmentar a sociedade, senón no que pode aportar para unila; a segunda clave é a linguaxe que se utiliza, un político moderado non precisa ferir para explicar con claridade o que pretende, o que defende; a terceira é ter presente que non hai verdades indiscutibles nin tampouco solucións máxicas para os problemas da nosa xente”.

O presidente defendeu a moderación, o centro e “nin un extremo nin outro” en cuestións como a igualdade, a lingua galega ou o dereito á vivenda

Nesa liña, pouco despois o presidente insistía en que “son máis produtivos os termos medios que os maximalismos que só serven para destruír e separar” e apostou pola idea de “nin un extremo nin outro”. “En Galicia sempre nos atopamos no centro” e “ese é o noso xeito de ser”, exemplificándoo en cuestións como a lingua -“amar o galego é posible sen deixar de lado o español, sen pecharnos a outras linguas”-, a igualdade -“non é preciso ocultar o moitísimo que temos avanzado”, dixo, para reclamar novos avances- ou a vivenda –“é compatible o dereito a vivenda co dereito á propiedade e a loita contra a ocupación”-. En ningún dos casos indicou Feijóo a quen atribuía os extremismos, pero todo o seu discurso estivo salpicado de veladas referencias á esquerda, o Goberno de España ou o nacionalismo. 

Feijóo recibe o aplauso dos escanos do PP tras o seu discurso no debate de política xeral CC-BY-SA Ana Varela - Xunta de Galicia

Un ano despois de prometer na súa cuarta investidura que a Sanidade sería a prioridade de toda a lexislatura o presidente recupera a idea de que "o reto demográfico é o problema número un de Galicia"

No apartado dos anuncios, e un ano despois de prometer no seu cuarto discurso de investidura que a Sanidade sería a prioridade de toda a lexislatura, o presidente recuperou a idea de que o reto demográfico é o problema número un de Galicia”, e nese contexto anunciou a gratuidade das escolas infantís. No eido sanitario, e tras enumerar diversas medidas xa en marcha, puxo o foco no que denominou “oitava área sanitaria”, que presentou como un “centro sanitario virtual”, en referencia ás utilidades que o sistema sanitario ofrece a través da telemedicina. 

“Que os anuncios de hoxe non sexan a crise de mañá”, dixo Feijóo en referencia ao Executivo de Pedro Sánchez

Tamén prometeu o presidente para o próximo ano unha rebaixa de impostos que non concretou; a creación dunha delegación da Xunta en Ferrol, onde xa hai oficinas administrativas, como as que existen en Vigo e nas catro capitais provinciais; ou que a Cidade da Cultura acollerá “un centro especializado no ensino dixital”. Pola contra, ao Goberno de España acusouno de subir impostos á cidadanía e menosprezar ás comunidades autónomas na reactivación económica cos fondos europeos. “Que os anuncios de hoxe non sexan a crise de mañá”, dixo Feijóo en referencia ao Executivo de Pedro Sánchez. 

Minuto de silencio en honra de Valeriano Martínez CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo rematou o seu discurso como o comezou, lembrando o falecido conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, ao que a Cámara dedicou un minuto de silencio e cuxo escano baleiro estivo presidido por unha flor e exemplares do Estatuto de Autonomía e da Constitución. “Doulle as grazas neste Parlamento que naceu cos mesmos soños que Valeriano tivo, oxalá que nos inspiren nos próximos pasos que ten que dar Galicia”, rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.