Centrado agora na sanidade e nos reproches ao Goberno central, o candidato popular recupera o ton do estado de alarma e aposta por "unha Galicia máis familiar, máis verde, máis innovadora e máis aberta"
O Alberto Núñez Feijóo dos directos da TVG durante os meses do estado de alarma pola COVID-19 reapareceu este martes no Parlamento de Galicia para o seu cuarto discurso de investidura como único candidato á Presidencia da Xunta. "Máis aló de siglas e candidatos, estabilidade e moderación son os principais vencedores das eleccións que conforman este Parlamento", afirmou, para adentrarse nos últimos datos de incidencia do coronavirus: "reclámannos unha resposta excepcional para un momento inédito". "Se a crise de 2008 foi dura, o que está por vir é durísimo", sentenciou.
"Galicia ten que seguir sendo un exemplo para Galicia, por esgotador que resulte", dixo antes de propoñer aos grupos da oposición, BNG e PSdeG, a constitución dunha comisión parlamentar de estudo para "definir xuntos o Pacto de Reactivación que precisa e merece a nosa terra". Unha comisión xa creada a nivel estatal no Congreso e que non chegou a Galicia porque a Cámara estaba disolta por mor dos comicios do 12 de xullo. En suma, Feijóo fiou arredor da pandemia o seu discurso de investidura.
"A sanidade segue a ser a miña máxima principal vocación e compromiso", di Feijóo
O artigo 17 da lei 1/1983 reguladora da Xunta e o seu presidente establece que "o candidato presentará o seu Programa ao Parlamento". Porén, nas dúas horas de discurso, Feijóo dedicou gran parte do tempo a reproches ao Goberno de Pedro Sánchez, tanto en relación coa acción política como coas cuestións de financiamento, sen esquecer a que foi unha das súas principais reclamacións antes da COVID-19: a débeda pola mensualidade do IVE de 2017. "España ten un grave problema se normaliza que só hai dúas alternativas para afondar na pandemia: ou mando único do Goberno central ou absoluta descoordinación", sinalou.
"O reto sanitario é o máis importante", asegurou Feijóo, que viviu nestes 12 anos as manifestacións en defensa da sanidade pública máis numerosas do país. "A sanidade segue a ser a miña máxima principal vocación e compromiso", incidiu, pois indicou que "completar a renovación integral do Sergas" é unha "prioridade absoluta desta lexislatura". Con todo, non avanzou un presuposto a maiores e trasladou que seguirá "coa execución do Plan de Atención Primaria 2019-2021", dotado con "100 millóns de euros". Da mesma maneira, presumiu de que "Galicia foi a cuarta comunidade coa espera media máis baixa para unha operación" cando as listas deste ano seguen ser facerse públicas. Ademais, anticipou "un novo sistema de test masivos a partir de mostras de saliva" para o coronavirus, que se está a desenvolver en Vigo, e agarda "consolidar" este mes.
Coas profesionais da sanidade pública arrastrando unha carga de traballo pola COVID-19 que non permitiu recuperar a normalidade das citas nin nos hospitais nin nos centros de saúde, a gran aposta de Feijóo foi a de lembrar que "é urxente eliminar a taxa de reposición" para contratar máis profesionais. Unha barreira instaurada polo seu partido desde a Moncloa. Sobre a "estabilidade" nas contratacións, que recoñeceu da súa competencia, non elaborou propostas concretas.
Ensino e residencias de maiores
Feijóo pide "desculpas" ás familias pola "confusión" da volta ás aulas "con independencia de quen teña máis ou menos responsabilidades", apuntando a continuación ao Goberno central
Da sanidade pasou ao ensino. Aquí as culpas están máis repartidas. "Que as familias afronten o inicio de curso con preocupación é inevitable. Que o fagan con confusión é un feito lamentable polo que debemos pedir desculpas e que debemos resolver", dixo Feijóo, para engadir: "eu fágoo con independencia de quen teña máis ou menos responsabilidade porque creo que as Administracións puidemos facelo mellor".
"Para que hai un Ministerio de Educación se non ten responsabilidade no curso escolar?", interpelou. Galicia ten transferidas as competencias en Educación, así que a continuación referiuse a que "foi unha das primeiras comunidades en contar cunha proposta para o novo curso". Un protocolo que estaba "fóra da realidade", segundo manifestaron desde a comunidade educativa galega. Un protocolo que foi modificado na tarde deste luns, horas despois de que CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF anunciasen unha folga para os días 10 e 16 de setembro.
"Quero recoñecer con claridade que eu non me sentín cómodo nesta dilatación da preparación do curso, nin tampouco observando como os socios do Goberno central se pasan este asunto uns a outros como se fose unha pataca quente da que ninguén quere responsabilizarse", abundou.
Por outra banda, Feijóo volveu comprometer que "na primeira metade desta lexislatura" Galicia "contará con sete das mellores residencias de Europa" co "financiamento da Fundación Amancio Ortega, nas principais cidades de Galicia". Foi dos poucos anuncios do discurso, mais é un convenio de colaboración que asinou el mesmo o pasado 13 de setembro de 2019 e do que non se volveu ter información, tampouco coa chegada da pandemia da COVID-19, na que as residencias xeriátricas levaron a peor parte, con máis de 270 falecementos.
Sen grandes anuncios
Feijóo promete modificar a lei de saúde e unha lei de impulso demográfico que xa anunciara para a pasada lexislatura
O seu cuarto discurso de investidura baseouse nunha sucesión de medidas repetidas e a mención a dúas leis: a modificación da lei de saúde galega que levará á Cámara após o inicio da lexislatura a vindeira semana e a que fora a súa bandeira na lexislatura pasada, a lei de impulso demográfico. O Plan de Saúde Mental, a "Sogama da auga", a intermodalidade, ou un plan de apoio ás familias numerosas son algunhas das medidas xa anunciadas pola Xunta nos últimos anos que Feijóo recuperou este martes.
A súa primeira decisión como presidente, aparte do nomeamento do seu equipo de Goberno, será "a convocatoria da Mesa de Diálogo Social". Reunirá aos axentes sociais para "deseñar a Galicia de 2030" sobre catro eixos: "unha Galicia máis familiar, máis verde, máis innovadora e máis aberta". Para esta "lexislatura do coronavirus", Feijóo solicitou o apoio da Cámara "para traballar nas urxencias que xerou esta crise, pero sen esquecer que hai metas, retos e soños aos que Galicia non debe renunciar".
A sesión de investidura no Parlamento de Galicia reanúdase este xoves, día 3, coa réplica da oposición de BNG e PSdeG
A sesión de investidura no Parlamento de Galicia reanúdase este xoves, día 3, coa réplica da oposición de BNG e PSdeG. Será a estrea de Ana Pontón como líder da oposición no hemiciclo do Pazo do Hórreo. A Cámara votará o mesmo xoves, o resultado será trasladado ao Rei o venres e Feijóo tomará posesión para o seu cuarto mandato este sábado.