O popular afronta esta semana o inicio do seu cuarto mandato coa pandemia de coronavirus como prioridade once anos despois de prometer que non chegaba á Xunta “a restaurar ningún pasado, nin a derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores”
A pandemia do coronavirus, evidenciou Feijóo a pasada semana, vai ser a prioridade do seu cuarto mandato, que comezará unha vez sexa investido presidente o xoves desta semana pola maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia. Un pleno de investidura que comeza dous días antes, este martes, coa defensa por parte do candidato do seu programa de goberno, un discurso que pouco terá que ver co primeiro que pronunciou en 2009, no que a sanidade era unha cuestión secundaria e el mesmo asumía o compromiso de levar a iniciativa na reforma do Estatuto de Autonomía, cuestión que hai tempo que caeu da axenda malia as recentes queixas durante a crise do coronavirus de falta de competencias por parte da Xunta.
A intervención daquel 14 de abril de 2009 coa que Feijóo defendeu ante a Cámara o seu primeiro programa de Goberno pode lerse na recompilación de discursos de presidentes da Xunta editada polo Parlamento de Galicia. As súas 34 páxinas de texto comezan co seu protagonista cualificando aquel momento como “o máis importante” da súa vida e asegurando que non chegaría á presidencia “a restaurar ningún pasado, nin a derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores”. A continuación Feijóo fixo un diagnóstico da Galicia que se atopaba e achegou despois as súas propostas “estruturadas en tres bloques: a economía, o benestar e o autogoberno”, segundo el mesmo dicía.
A economía foi o foco daquel discurso de investidura de Feijóo hai once anos, e dentro do bloque de benestar as propostas sobre sanidade apenas ocupan media páxina, con medidas que o propio candidato citaba “en relación cos usuarios, cos profesionais, coa mellora da xestión e cos investimentos”.
En 2009 Feijóo prometeu unha lei de prazos sanitarios que tardaría case unha década en comezar a cumprir, "unha política de persoal que impulse a estabilidade laboral" ou diversas obras en centros sanitarios
Entre outras cuestións, para os usuarios prometía unha lei de garantías con prazos máximos de 60 días para as cirurxías que non sería aprobada ata a súa segunda lexislatura cun obxectivo que a Xunta non lograría cumprir ata 2018, xa no terceiro mandato. Aos profesionais prometíalles “unha política de persoal que impulse a estabilidade laboral”, cuestión posta en dúbida por protestas como as que veñen protagonizando diversos colectivos sanitarios nos últimos meses, mesmo antes da pandemia, como o das enfermeiras eventuais, con centos de contratos por horas ou días.
Sobre a mellora da xestión sanitaria, o propio Feijóo dirixía o seus “esforzos prioritarios” a “formar equipos directivos con experiencia e a garantir a sostibilidade financeira do sistema”, cuestión na que neste tempo o Consello de Contas vén amosando as súas dúbidas.
E en relación cos investimentos, o propio Feijóo priorizaba “rematar coas obras do novo hospital de Lugo” -cuxa construción iniciara o bipartito e estaba pendente da súa dotación-, “construír o novo hospital de Vigo” -a través dunha concesión por 20 anos-, e “tentar o de Pontevedra” -cuxas primeiras actuacións foron licitadas o pasado maio, once anos máis tarde-, ademais doutras varias obras noutras instalacións sanitarias. E aí acaban as propostas en materia sanitaria daquel discurso de investidura de 2009, que continuaba reclamando ao Estado máis fondos en materia de servizos sociais.
“Presentaremos desde o Goberno unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia”, dicía Feijóo na súa investidura en 2009, algo que non chegou a facer nunca
Máis espazo dedicaba aquela intervención, no seu terceiro bloque, ao autogoberno e a reforma do Estatuto de Autonomía, que o propio Feijóo bloqueara durante o mandato previo do bipartito. En abril de 2009 el mesmo se comprometía a impulsalo: “Presentaremos desde o Goberno unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia”, dicía, promesa que despois fixaría para “a primeira metade” daquela primeira lexislatura e máis tarde para “inmediatamente despois” da aprobación dos Orzamentos de 2011.
Despois o presidente diría que “en xaneiro de 2011” chamaría aos daquela líderes de PSdeG e BNG para comezar a negociar, pero esa chamada nunca se produciu e o Estatuto, ao igual que a suma de novas competencias -ningunha nova desde que goberna Feijóo-, foi caendo aos poucos, da axenda do Goberno, do PP e da política galega en xeral. Ese esquecemento non impide que nos últimos meses o propio Feijóo veña queixándose ao Goberno central da falta de competencias da Xunta para afrontar a pandemia do coronavirus ao tempo que lle pide que “coordine” a autonomía galega co resto de comunidades.
Como Fraga en 1990, Feijóo tamén rematou o discurso da súa primeira investidura en 2009 cunha referencia ás revoltas irmandiñas e o seu lema, "Deus fratresque Gallaecia"
Aquel discurso de Feijóo en 2009 tamén realizaba promesas xerais, como que o seu goberno traballaría “porque a sociedade así nolo esixe, para que termos como 'sectarismo', 'caciquismo', 'enchufismo' ou 'partidismo' só teñan significado entre nós para referirnos ao pasado”. Tamén aseguraba que “os galegos queren un Presidente que non lles minta, por moi piadosa que puidese resultar esa mentira”. E malia propor un “goberno forte e cohesionado en torno a un único liderado”, tamén Feijóo, como fixera Fraga na súa primeira investidura en 1990, rematou cunha lembranza ás revoltas irmandiñas e o seu lema: “Deus fratresque Gallaecia”.