As residencias de maiores anunciadas pola Xunta en 2017 construiraas en 2020 a Fundación Amancio Ortega

Recreación dunha das residencias, nunha imaxe divulgada pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega © Xunta / Fundación A.Ortega

Tras a reunión do Consello da Xunta do 23 de febreiro de 2017 o presidente, Alberto Núñez Feijóo, explicou que o seu Goberno viña de examinar un informe sobre o futuro plan Como na casa, un proxecto para construír unha nova residencia "para persoas maiores dependentes" en cada unha das sete principais cidades galegas. O plan da Consellería de Política Social, daquela dirixida por José Manuel Rey Varela, ía ter un custo de 47,7 millóns de euros e tornaba na "gran aposta da Xunta en materia de dependencia no horizonte 2020".

En 2020, realmente, será cando se comecen a construír esas residencias. Quen o fará non será a Xunta, senón a Fundación Amancio Ortega, que a través dun convenio asinado este venres co Goberno galego asumiu a "construción" e "equipamento completo dos sete inmobles" e a súa posterior entrega ao Executivo. Segundo a previsión lanzada no acto solemne de sinatura, no salón nobre do Pazo de Raxoi, a previsión é que os traballos comecen na primeira metade de 2020 e, segundo a Xunta, ten un "investimento inicialmente estimado en 90 millóns de euros".

Feijóo anunciou por primeira vez estas sete residencias en febreiro de 2017 cun investimento de 47,7 millóns por parte da Xunta; segundo o acordo asinado agora custarán 90 millóns achegados pola Fundación Amancio Ortega

Se ese calendario se cumpre as residencias iniciarán a súa construción tres anos despois daquel primeiro anuncio dun proxecto publicitado en numerosas ocasións neste tempo tanto polo presidente Feijóo como pola agora conselleira de Política Social, Fabiola García. Así, por exemplo, no debate de política xeral de 2018 en outubro do pasado ano, Feijóo afirmaba que o seu Goberno ía "cumprir o compromiso de construír nesta lexislatura" -isto é, antes de setembro de 2020 agás adianto electoral- as devanditas sete residencias. "No primeiro trimestre do ano que vén estarán licitadas", dixo situando a contratación das obras por parte da Xunta no horizonte de marzo deste 2019.

Feijóo, coa conselleira Fabiola García e mais José Arnau e Flora Pérez, da Fundación Amancio Ortega CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Os Orzamentos da Xunta de 2019 estimaban o custo total do proxecto das sete residencias en 66 millóns e Feijóo aseguraba prever "construílas nesta lexislatura"

Menos específica cos prazos foi a conselleira o pasado xuño, cando xa se superara ese primeiro fito fixado polo presidente. Na presentación do proxecto arquitectónico de Elsa Urquijo Arquitectos gañador no concurso de ideas para o deseño das residencias, financiado con 200.000 euros por Abanca e a súa fundación, Fabiola García indicou que o "investimento total" do plan sería de 66 millóns de euros. Eran case 20 máis do iniciado inicialmente para erguer as sete residencias con 900 prazas en total, o que implicaría a creación "duns 500 empregos".

Ante os responsables da fundación o presidente da Xunta proclamou que as residencias serán "as mellores de Europa" e dá por "desmentido" o "falso mito dun sector privado inhumano"

Naquel acto García tamén especificara que os Orzamentos da Xunta para 2019 traerían xa consigo a "primeira partida" para as sete residencias. Efectivamente, as contas de Política Social incluíron neste ano 3,7 millóns de euros para o plan Como na casa e prevían un investimento de 30,9 millóns en 2020 e outros tantos en 2021, ata sumar os devanditos 66 millóns. No acto deste venres xunto aos responsables da Fundación Amancio Ortega o número de prazas das residencias mantívose en 900, pero o cálculo de empregos ascendeu a 800 e o orzamento, a 90 millóns.

Segundo Feijóo, os fondos que a Xunta ía destinar ás residencias "poderán reorientarse a outros fins" dentro do "ámbito social". A doazón, proclama, "desmente" a "absoluta minoría que preferiría que as empresas non se implicasen" para "poder seguir no falso mito dun sector privado inhumano". Entre eloxios a esa ligazón entre os sectores público e privado o presidente asegurou que "unha vez que nolas entreguen, serán as sete residencias mellores de Europa" e por iso "este é un bo día malia ser venres e 13".

Residentes nun centro público de maiores, nunha imaxe de arquivo divulgada pola Xunta CC-BY-SA Xunta

A sinatura deste acordo chega despois duns anos nos que foron diversas as alertas polas carencias na asistencia ás persoas maiores en residencias dependentes da Xunta

A sinatura deste acordo chega despois duns anos nos que foron diversas as alertas polas carencias na asistencia ás persoas maiores en residencias dependentes da Xunta. Así, por exemplo, en xullo de 2018 o Consello de Contas evidenciaba que a Xunta aforrou en persoal de residencias de maiores non cubrindo ausencias por baixas e vacacións e no mesmo ano o Consello de Bioética de Galicia lanzaba un duro informe inzado de casos reais que evidenciaban o fracaso dos coidados públicos ás persoas anciás vulnerables e a Fiscalía de Galicia alertaba do aumento de peticións para incapacitar maiores. Ao tempo, Política Social anunciaba que paliaría a lista de agarda para lograr prazas en residencias de maiores redobrando a aposta polos centros privados.

Esta non é a primeira vez que a Fundación Amancio Ortega acaba financiando investimentos sociais que a Xunta xa anunciara e despois demorara no tempo. Así, por exemplo, no ano 2013 o Goberno galego iniciou a contratación de varios equipamentos sanitarios para o diagnóstico e tratamento do cancro. No entanto, o anuncio non se concretou ata 2015, cando a entidade do fundador de Inditex achegou 17 millóns de euros para unha parte substancial do contrato, o que implicaba a compra de 16 mamógrafos e 10 aceleradores liñais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.