A Xunta comprometeuse a publicitar nos hospitais as axudas da Fundación Amancio Ortega

O conselleiro de Sanidade, visitando o acelerador lineal do HULA co director da Fundación Ortega © Xunta

En outubro de 2015 o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Amancio Ortega asinaban un convenio a través do cal a entidade impulsada polo propietario de Inditex dende principios de século achegaba 16,8 millóns de euros para financiar equipamento tecnolóxico para tratamentos contra o cancro. Tratábase, concretamente, de sufragar dous dos lotes dun macrocontrato que a Xunta viña tramitando dende 2013, os que implicaban a compra de 16 mamógrafos, a adquisición de 10 aceleradores liñais -maquinaria para a aplicación de radioterapia- e a actualización de dous máis. O acordo implicaba que a Xunta captase financiamento a custe cero para investimentos que viña anunciando dende había anos e en virtude do mesmo o Sergas comprometeuse a facer ver nos propios hospitais que eses equipamentos chegaron grazas ao mecenado de Ortega.

A cláusula quinta do convenio, a cuxo contido íntegro tivo acceso Praza.gal, estipula o xeito en que o Goberno galego realizará "actos relativos á información e comunicación" da doazón da Fundación Amancio Ortega. Así, o pacto deixa claro que a entidade será quen fixe "os termos nos que se fará pública esta colaboración" e o Sergas, pola súa banda, asume o compromiso de "efectuar aquelas accións de promoción e divulgación que sexan propostas" pola fundación. O departamento sanitario da Xunta, resalta o convenio, "non poderá facer ningún acto de comunicación relativo" ao convenio "sen o acordo previo e expreso da Fundación Amancio Ortega".

A Fundación Amancio Ortega achega 16,8 millóns de euros para financiar mamógrafos e aceleradores lineais

Alén dos termos concretos, o Sergas ten a obriga de, "en calquera caso", "facer público" que esta maquinaria sanitaria foi financiada sempre que se refira publicamente a ela, e isto implica que os doentes tamén reciban esa información cando teñan que ser utilizala. Así, o Sergas ten que "ofrecer esta información nun lugar visible dos centros sanitarios públicos beneficiados polo presente convenio" e mencionar "expresamente" á fundación doadora "no caso de publicacións, informes de datos, informes de seguimento ou calquera outro documento que faga referencia ao equipamento" en "calquera" soporte.

O Sergas asume que debe informar "nun lugar visible dos centros sanitarios" das achegas do propietario de Inditex

Cando o Sergas asine algún outro convenio que teña "relación co mesmo obxecto", isto é, coa maquinaria financiada polo empresario, cómpre tamén que faga "referencia á achega da Fundación Amancio Ortega". Asemade, a Xunta asume que debe "colaborar" coa fundación "ou con quen esta designe no seu nome, en accións destinadas á divulgación e difusión da actividade institucional da Fundación, se así o precisase". O cumprimento do convenio, vixente ata finais de 2023 -o cronograma inclúe pagamentos anuais entre 2015 e 2018 e unha última en 2021-, é controlado por unha comisión formada por dous representantes da Fundación Ortega e outros dous da Consellería de Sanidade.

Entre os equipos financiados polo convenio, asinado en outubro de 2015, está a radioterapia de Lugo que Feijóo anunciou para 2011

Como veu informando Praza.gal, entre o equipamento financiado coa doazón de Amancio Ortega están os aceleradores liñais cos que se administrará o tratamento de radioterapia no Hospital Lucus Augusti, en Lugo, o cal foi anunciado inicialmente polo presidente da Xunta para o ano 2011. O último anuncio ao respecto realizado persoalmente por Alberto Núñez Feijóo producíase en abril de 2015, apenas un mes antes das eleccións municipais. No entanto, a documentación anexa ao convenio coa Fundación Ortega acredita que o contrato que inclúe eses equipamentos, subministrados pola empresa Varian Medical Systems, non se formalizou ata o 28 de maio, 3 días despois dos comicios.

Foi aínda cinco meses despois, o 22 de outubro, cando o Sergas e a Fundación Amancio Ortega asinaron o convenio que garante o financiamento para a radioterapia do HULA así como para este servizo en Ourense (2015), A Coruña (2016) Santiago (2016 e 2018), e Vigo (2015, 2016 e 2021) e para os mamógrafos de seis centros da provincia coruñesa, tres en Lugo, outros tres en Ourense e catro en Pontevedra. Na liña do pactado, algúns destes servizos xa foron presentados en sociedade polo actual conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, en compaña de responsables da Fundación Amancio Ortega.

Referencia no convenio ás condicións de publicidade CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.