A doazón multimillonaria de Amancio Ortega á sanidade pública: gabanzas, críticas e dúbidas

Equipos de última xeración contra o cancro, na web da fundación © Fundación Amancio Ortega

A Fundación Amancio Ortega vai doar 320 millóns de euros para equipos oncolóxicos. Os destinatarios serán os sistemas sanitarios públicos das comunidades autónomas. Cada autonomía recibirá diferentes montantes: Andalucía 40 millóns, Cataluña 47, Murcia 11 millóns de euros...E Galicia 17, nun convenio xa anunciado no país hai case dous anos. Sempre deberá gastarse a achega en "equipamento para o diagnóstico e tratamento do cancro".

"Oxalá houbese moito Ortega", din as asociacións de pacientes de cancro

A quen pode lle pode parecer mal que haxa máis recursos na sanidade? Desde logo, aos pacientes de cancro encantoulles a idea. A Asociación de Cancro de Mama ou a Española contra o Cancro mostraron o seu contento ante a perspectiva de que se dote a diversos hospitais con máis aparellos deseñados para tratar a súa enfermidade. "Oxalá houbese moitos", aseguraron.

Tamén a Sociedade Española de Oncoloxía e Radioterapia (SEOR) fixo un recoñecemento público á doazón de Ortega o pasado 8 de xuño no seu congreso nacional: agradeceu "o apoio desinteresado" do empresario galego. A SEOR publicou un informe en 2016 que dicía que o 30% dos enfermos de cancro non recibía un tratamento axeitado por falta de material. E que con 280 millóns de euros paliaríase o problema.

Asociacións en defensa da sanidade pública, tamén en Galicia, censuraron que o sistema público teña que depender de doazóns particulares

Con todo, hai uns días, a Asociación en Defensa da Sanidade Pública en Aragón discrepou. Opina que o sistema sanitario público non pode depender de doazóns particulares para cumprir a súa función. Outras asociacións parecidas no País Vasco ou nas Canarias apoiaron esa visión. Tamén en Galicia, a Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) instou a Amancio Ortega "a pagar os impostos que lle corresponden e abandonar os paraísos fiscais para que con eses cartos o Goberno de Galicia restitúa os recortes sanitarios realizados por Núñez Feijoo e a Conselleria de Sanidade" e denuncia as "manobras" para evitar pagar máis impostos.ou Xosé María Dios Diz, voceiro de SOS Sanidade Pública en Compostela, tamén se amosou crítico coa achega do fundador de Inditex. Pode criticarse o altruísmo?

"Independentemente de que moitos afirmen que é mellor que nada, hai espazo para a crítica"

O catedrático de Saúde Pública Ildefonso Hernández Aguado deita algo de luz: "Independentemente de que moitos afirmen que é mellor que nada, hai espazo para a crítica". Hernández Augado cuéstionase "quen pon as prioridades e o destino dos fondos". Neste caso, os millóns da Fundación Ortega teñen un único obxectivo: tecnoloxía oncolóxica.

 

Un agasallo finalista

É o carácter finalista desta doazón -"o capital ten que utilizarse nisto"- o que xera dúbidas nalgúns. "Non hai unha análise pormenorizada de cal é a necesidade", reflexiona Marciano Sánchez Bayle, ex-pediatra no Hospital Niño Jesús de Madrid e cabeza visible moitos anos da Federación en Defensa da Sanidade Pública.

O carácter finalista da doazón é o que xera dúbida nalgúns: "Non hai unha análise polo miúdo de cal é a necesidade"

Sánchez Bayle lembra que doazóns "sempre houbo e adoitan ser finalistas". El preferiría que se puidese destinar o diñeiro onde se considerase, tras un estudo, que vai ser máis beneficioso: "Podería ser que fose máis útil ter máis pediatras, ou máis médicos de familia para que as consultas non estivesen tan presionadas, ou reforzar a atención primaria". O deputado rexional de Madrid e antigo conselleiro de Sanidade do País Vasco, José Manuel Freire, que asegura estar a favor destas doazóns, di que "o campo que elixiu Ortega da radioterapia ten necesidades"

O catedrático Hernández Augado opina, como posición xeral, que "os servizos públicos deben ser sustentables". Sánchez Bayle insiste en que a sanidade necesita "un financiamento sostido e que proveña de fondos públicos". Freire si considera positivo e "importante que os servizos públicos estean abertos á xenerosidade. Aínda que esa xenerosidade non exime aos gobernos de dotar suficientemente aos servizos públicos".

"É importante que os servizos públicos estean abertos á xenerosidade, pero iso non exime aos gobernos de dotar suficientemente aos servizos públicos"

Desde a AGDSP, considérase que a doazón de Ortega "avanza na estratexia neoliberal de utilización intensiva de recursos tecnolóxicos, nun contexto de super-especialización e hospitalo-centrismo". E insiste en que, segundo a OMS a loita contra o cancro "debe basearse na promoción, a prevención de saúde e a Atención Primaria e non no diagnóstico da enfermidade cando esta afecta ó paciente". "As listas de agarda do cancro non son por falta de aparellos tecnolóxicos (que non se utilizan polas tardes ou fins de semana), senón por falta de persoal e a mala xestión dos servizos", engade. 

 

Rédito político

Desde logo, a doazón de Ortega tivo amplo impacto informativo. A rega de millóns vai ir desde Andalucía a Murcia pasando polas Canarias, Aragón, La Rioja ou Castilla-La Mancha e Castilla y León. Cada autonomía recibirá un diñeiro diferente. O anuncio dos 320 millóns fíxose en marzo pasado. Pero hai un ano tamén se publicitou un primeiro protocolo entre a Junta de Andalucía e a fundación. Anteriormente houbo actos públicos sobre o convenio coa Xunta de Galicia por 17 millóns. Trátase do mesmo acordo pero en fases diferentes, presentado varias veces.

Os convenios entre Ortega e os gobernos autonómicos tamén teñen os seus efectos políticos. O xa ex-conselleiro de Sanidade andaluz Aquilino Alonso definía así o acordo no parlamento rexional o pasado 6 de abril: "Situará a Andalucía á cabeza da innovación no tratamento oncolóxico e que permite ampliar a capacidade terapéutica da sanidade pública andaluza de face ao futuro". Sobre quen decide o que se fai asegurou que "é o froito do establecemento, dentro do Plan Oncolóxico de Andalucía, da planificación dos equipos a renovar".

O convenio entre o Sergas e a fundación foi asinado en novembro de 2015 e incluía a doazón de 17 millóns para mamógraos e equipos de radioterapia

En Galicia, por exemplo, a maquinaria de oncoloxía radioterápica do HULA de Lugo está financiada con parte da doazón de 17 millóns realizada ao Sergas pola entidade do propietario de Inditex en novembro de 2015. O convenio que asinaron Sanidade e a fundación incluíu 16 mamógrafos e 12 aceleradores de radioterapia de última xeración que se instalaron en varios centros hospitalarios de toda Galicia.

A Fundación Amancio Ortega aliméntase case ao 100% das achegas do seu fundador, segundo as súas contas públicas. En 2015 foron 24,5 millóns de euros. A lei permite desgravar case un terzo das doazóns a fundacións. José Manuel Freire opina que é crucial que existan canles "claras e transparentes" para estes agasallos. Canles que "a día de hoxe en día non existen en España".

Amancio Ortega © Inditex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.