"Mantras". Feijóo acusou varias veces a BNG e PSdeG de tirar de "mantras" que considera "falsos" para criticar a súa xestión á fronte da Xunta. Fíxoo mentres mencionaba unha e outra vez o bipartito que gobernou Galicia hai doce anos para comparar algúns datos da Galicia actual coa de hai máis dunha década e confrontar, na maioría do tempo, coa líder nacionalista.
Feijóo acusou a BNG e PSdeG de tirar de "mantras" que considera "falsos" para criticar a súa xestión e centrou a confrontación en Ana Pontón
Na súa réplica aos discursos dos líderes de Bloque e PSdeG, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, Feijóo chegou a preguntarse se "vivían no país" ou "falaban coa xente" tras negar calquera das críticas á situación na sanidade, no ensino ou na economía de Galicia e reivindicar a "baixada de impostos".
Feijóo insistiu en acusar o Goberno central socialista dunha "reconversión industrial" e dos "peches" de importantes empresas, mesmo culpando o PSOE, "coa conivencia dos nacionalistas", de "querer cerrar ENCE para ampliar Navia", en referencia á factoría que a pasteira ten en Asturias, logo de acusar a Avogacía do Estado de "facilitar" o camiño para que a sentenza contra a continuidade en Pontevedra fose contraria á empresa.
Tamén tirou Feijóo das críticas ao Goberno central, mesmo cando o acusou de querer "comprar" o voto dos mozos de 17 anos co bono cultural porque "o importante é subvencionar aqueles que van votar nas próximas eleccións":
Son algúns dos exemplos dun discurso no que Feijóo presumiu de "máis orzamento e 6.000 profesionais máis" na sanidade pública galega, de que "o 68% dos médicos de familia dan cita en menos de dous días" na Atención Primaria ou dos 83 millóns comprometidos para un plan de saúde mental. "Non é de recibo levar doce anos escoitando da oposición estas cousas da sanidade, da privatización", dixo o presidente da Xunta, que cargou contra "os datos falsos" que, segundo di, traslada a oposición, que fixo referencia ás críticas de profesionais sanitarios ou da comunidade educativa.
O presidente da Xunta acusou o BNG de "querer estatalizar o país" e de ter unha actitude "moi infantil"
"Leccións sobre a Galicia máis grande, as xustas; a Galicia máis grande é a que vota cada catro anos e pon no goberno a quen considera oportuno", dixo Feijóo en referencia ao discurso de apertura de Pontón, a quen dedicou a maioría do tempo. Ademais, acusou o BNG de "querer estatalizar o país" e de ter unha actitude "moi infantil". "Cando vostede entrou no Parlamento, o PP tiña 41 escanos e agora ten 42, ese é o resumo da súa xestión exitosa", espetoulle.
Ademais, presumiu da situación do sector lácteo, contra as críticas polo peche de explotacións, criticou o peche previsto da central térmica das Pontes ou gabouse de "manter Alcoa ata hai ano e medio". Respecto da lingua galega, Feijóo tamén sacou peito dos datos de comprensión oral e escrita na lingua propia ou do Plan de Dinamización, obviando os que teimosamente levan anos advertindo do influxo do decreto do plurilingüismo e das políticas da Xunta no descenso do uso do idioma.
"O problema non é o ensino, é o que ocorre despois do ensino; se focalizamos o problema no ensino estamos enganando a todo o mundo", dixo, tras volver acusar o BNG de "mantras nacionalistas" arredor do galego. "Deixen de impoñernos como temos que pensar e falar", insistiu quen defendeu a CRTVG ante as críticas da oposición e presumiu dos datos de audiencia, logo de amosarse aberto a reformar o Estatuto pero advertir de que o acordo sería complexo.
Ana Pontón pediu "un pouco de humildade" a Feijóo: "Leva moitos anos subido no coche oficial, debe pisar máis o país"
Desde a oposición, Pontón pediu a Feijóo "un pouco de humildade" e "ambición de país" e advertiu de que lle "sobra gobernar para os lobbys amigos do PP". "Leva moitos anos subido no coche oficial, debe pisar máis o país", respondeu a líder nacionalista ás críticas do presidente da Xunta, ao que acusou de vivir "na fake realidade que mostra a CRTVG".
Pontón insistiu en que Feijóo está fóra da realidade por negar os problemas da sanidade pública, por "apostar por privatizar a atención aos maiores" ou por desbotar que haxa problemas coa lingua galega no ensino, logo de que a RAG advertise no seu último estudo do efecto "desgaleguizador" do ensino.
"Leva doce anos manipulando a TVG; isto non llo di o BNG, dinllo os profesionais da CRTVG que levan 177 venres negros", insistiu a portavoz nacional do BNG, que lembrou que no seu discurso Feijóo non fixo referencia ás privatizacións de Aznar que afectaron a Galicia na xestión da AP-9 ou á prórroga declarada ilegal en ENCE.
Gonzalo Caballero, pola súa banda, insistiu en acusar a Feijóo que "facer crer que en Galicia vivimos na Arcadia feliz" e de "falar de contas sen contos". "Todos os datos que dá son parciais e nesgados", retrucou o líder do PSdeG, que culpou o presidente da Xunta de "facerse o indignado" mentres "milleiros de galegos esperan que a Xunta apoie a sanidade pública e o rural ou teña unha política industrial".
O secretario xeral dos socialistas tamén lembrou a "politica cero" na vivenda protexida, a falta de "alternativas" ao emprazamento de ENCE ou a inacción na crise industrial na Mariña. "É o mesmo ter este goberno que non ter ninguén en San Caetano", resumiu.