O pasado 23 de setembro, a Xunta anunciou por boca do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que se dispuña a aprobar o denominado Bono Cultura, unha iniciativa para incentivar o consumo de produtos e servizos culturais semellante ás que o seu propio Goberno lanzara aos que lanzou o pasado ano para o turismo e a comezos deste, para o comercio. Todos estes bonos, tamén o cultural, foron presentados coa intención declarada de impulsar sectores económicos afectados pola pandemia.
O Bono Cultura da Xunta, anunciado uns días antes que o do Estado, estará dotado con 50 euros e pretende chegar a 39.000 persoas. A iniciativa estatal é de 400 euros para todas as persoas que fagan 18 anos
No caso do Bono Cultural, Feijóo avanzou que estará dotado con 1,95 millóns de euros para que, do 1 de novembro ao 31 de decembro, ata 39.000 persoas poidan dispoñer de ata 50 euros "para mercar produtos audiovisuais en formato físico, libros ou videoxogos, así como para a compra de entradas para cine, concertos e espectáculos de teatro e artes escénicas". Concretamente, ese importe servirá para "reducir nun 50% o importe de cada compra" ata esgotar o crédito do bono.
Escasos días despois, o presidente do Goberno de España anunciaba unha iniciativa semellante. O 6 de outubro, Pedro Sánchez anunciaba que os Orzamentos Xerais do Estado entregados este día 13 no Congreso incluirían o financiamento para un bono para o consumo cultural de 400 euros, no seu caso destinado á mocidade que faga 18 anos. Aproveitando o debate de política xeral que se desenvolve no Parlamento, Feijóo cargou contra a iniciativa na liña na que o fixera pouco antes o seu xefe de filas no PP, Pablo Casado: considera que o bono estatal procura "comprar o voto" da poboación á que se destina, pero non así o da Xunta.
Despois de que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afease ao titular da Xunta o que considera unha contradición por gabar un bono cultural e censurar o outro, Feijóo preguntouse se "realmente só teñen dereito" a el "os mozos e as mozas que teñen 17 anos". "O importante é subvencionar a aqueles que van votar nas próximas eleccións", respondeuse, antes de teorizar se, aplicando nesa lóxica, "imos ter que quitar o bono de trasporte aos que teñen máis de 17". Ao seu xuízo, a intención do bono estatal é entregar a axuda "ás persoas que aínda non votaron e que están a piques de votar", algo que non sucede co da Xunta.
Feijóo combina o seu reproche ao bono do Goberno central evocando iniciativas da Xunta como a tarxeta para que a mocidade viaxe de balde en autobús, que cando foi aprobada rexeitou que fose "electoralista"
Neste contexto, Feijóo evoca outras iniciativas dirixidas á mocidade e impulsadas pola Xunta, caso da Tarxeta Xente Nova para que mozas e mozos viaxen de balde en autobuses interurbanos, plan que o propio presidente da Xunta rexeitara en 2016 que fose "electoralista" porque "se dá a xente que non pode votar" -realmente, daquela recibírano persoas de entre 17 e 19 anos-. En 2020, o Goberno galego ampliou a poboación destinataria desta tarxeta ata os 21 anos, ampliación que presentou no primeiro día da campaña electoral.
Aínda que foi na pandemia cando a Xunta, igual que outras Administración, afondou na política de axudas directas mediante bonos ou tarxetas precargadas para incentivar o consumo, o Executivo galego xa o fixera con anterioridade. Plans como a Tarxeta Benvida ou o Bono Coidado seguían dinámicas moi semellantes. Varias delas, ademais, foran presentadas en vésperas electorais.
Segundo o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022, o denominado Bono Cultural Joven estará dotado con 210 millóns de euros na súa primeira edición e ten a intención de "facilitar o acceso dos públicos máis mozos á cultura", así como "revitalizar e dinamizar a industria cultural". O Ministerio de Cultura confirma que terá un importe de 400 euros e estará destinado "á mocidade que faga 18 anos" para adquiriren "todo tipo de produtos culturais: ao vivo, libros, cinema, etc." que "se oferten por parte dos servizos culturais tanto públicos como privados".