A conselleira de Infraestruturas convoca aos medios en Ourense para “supervisar” o funcionamento dunha tarxeta de transporte precargada mentres o DOG permite ás empresas que “non se cumpran certas características por parte dos vehículos” durante máis tempo do previsto
Como adoita facer antes de cada convocatoria electoral, tamén nesta a Xunta vén de anunciar novas tarxetas bancarias ou bonos precargados para distintos colectivos e ampliado outras xa existentes, como a denominada Tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos teñen viaxes gratis en determinadas liñas de bus. Lanzada xusto un mes antes das eleccións galegas de setembro de 2016, agora o Goberno galego amplía a utilidade da tarxeta e a propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, está a publicitala en persoa, como fixo en Ourense este venres, primeiro día da campaña electoral. O mesmo día en que, a través do Diario Oficial de Galicia, a consellería prorroga os prazos que tiñan as concesionarias de buses para mellorar os seus vehículos e servizos.
A Tarxeta Xente Nova que facilita viaxes gratis estaba inicialmente dirixida a menores de 18 anos e para as liñas de bus interurbano dependentes da Xunta en determinadas áreas metropolitanas. Co tempo ampliouse aos menores de 21 anos e agora, ademais de nas áreas metropolitanas de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo, a Xunta acaba de permitir o seu uso na área de Pontevedra e en todo o transporte interurbano dependente dela na provincia de Ourense, ao tempo que a vén empregándoa como arma contra os gobernos locais das cidades, aos que esixe a mesma gratuidade no transporte urbano.
O de hoxe é o sexto acto ou comunicado oficial da Xunta publicitando a tarxeta de viaxes gratis para a mocidade nas dúas últimas semanas
Nas últimas semanas o Goberno galego vén despregando unha intensa campaña divulgativa da tarxeta: o 9 de xuño a conselleira elixiu para presentar a tarxeta nos doce concellos da área de Pontevedra unha reunión coa alcaldesa de Marín (rexedora do PP, fronte ao de Pontevedra, do BNG). Un día despois, o 10 de xuño, presentouna para a provincia de Ourense desde a sede da consellería, pero unha semana máis tarde, o día 18, volvíao facer en Ourense acompañada do presidente da Deputación, Manuel Baltar. Polo medio, o día 12, publicitaba o paso formal da publicación da medida no DOG, e o día 15 a súa entrada en vigor. E este venres, primeiro día da campaña, a axenda oficial da conselleira incluíu o seu desprazamento á estación de autobuses de Ourense para “supervisar o funcionamento” da tarxeta dez días despois da súa implantación na provincia.
A Xunta argumenta que a pandemia fixo que “o cumprimento por parte das empresas concesionarias dos compromisos nos estritos prazos fixados estímase que, con carácter xeral, deveu inviable"
Ao tempo, este mesmo venres o Diario Oficial de Galicia publica unha resolución da consellería pola que amplía ás empresas concesionarias de liñas de bus determinados prazos que tiñan para mellorar os seus vehículos ou servizos. No marco da reorganización xeral de liñas de bus en toda Galicia que ten en marcha a Xunta, as liñas que xa foron adxudicadas tiñan determinados compromisos por parte das concesionarias de renovación ou mellora dos seus vehículos, servizos ou sistemas informáticos de explotación. Pero malia que a Xunta decidiu manter nos contratos aínda pendentes de adxudicar as mesmas condicións que esixía antes do coronavirus sen ter en conta posibles novas restricións de capacidade ou reducións de servizos, para os contratos xa adxudicados hai uns meses permite agora que tarden máis tempo en cumprir os requisitos.
A Xunta argumenta que a pandemia provocou “fortes limitacións tanto nos sistemas de produción como nos de comercialización de bens” polo que “o cumprimento por parte das empresas concesionarias dos indicados compromisos nos estritos prazos fixados estímase que, con carácter xeral, deveu inviable, ao se teren visto afectados tanto os procesos de produción de vehículos como a subministración de elementos e compoñentes tecnolóxicos”. “Estas dificultades afectan tamén os procesos administrativos previstos para o seguimento dos proxectos de adscrición de vehículos e a realización de probas e programas piloto de integración e correcto funcionamento dos sistemas tecnolóxicos, procesos que non foi posible iniciar e levar a cabo a raíz da situación xerada pola crise sanitaria e o estado de alarma”, engade.
A Xunta pediu ao Estado compensacións millonarias para as concesionarias pola súa redución de actividade polo coronavirus e encargou do deseño dunha nova estratexia de mobilidade, pero mantén a súa intención de adxudicar as concesións que ten pendentes cos mesmos requisitos que antes da pandemia
Por iso, entre outros prazos a Xunta decide agora que as empresas que viñan de obter as novas concesións a finais do pasado ano e comezos deste disporán de ata dous anos para completar a integración de vehículos das anteriores empresas que tivesen esas concesións previamente. O Goberno galego argumenta que é “un prazo equivalente ao 20% do prazo de duración do contrato (prazo, por tanto, de 2 anos, ao ter os contratos unha duración de 10 anos), no cal se permite que non se cumpran certas características por parte dos vehículos obxecto de transmisión polo anterior prestatario”.
A consellería tamén amplía o prazo para as exixencias de determinados medios tecnolóxicos ás novas concesionarias, como que as que requiren que incorporen un “sistema de axuda á explotación (SAE), equipamentos de monética, e fíxanse regras para a remisión de información dos contratos á Administración, fixando un prazo de 6 meses desde a formalización do contrato, nos dous primeiros casos, e desde a súa adxudicación no terceiro, para que as ditas previsións sexan de obrigado cumprimento por parte dos concesionarios”.
Ao tempo que a Xunta amplía os prazos para que as empresas que xa resultaron adxudicatarias cumpran cos requisitos das concesións, e mantén a súa intención de adxudicar os contratos que quedaban pendentes de adxudicar sen mudar as condicións que se estableceran antes do coronavirus, o Goberno galego pide ao Estado compensacións económicas para as empresas e este xoves o presidente Feijóo anunciou que o Goberno galego vai encargar o deseño dunha nova estratexia de mobilidade que teña en conta as restricións obrigadas polo coronavirus.