Cidades e Xunta piden ao Estado compensacións millonarias para as súas concesionarias de buses polo coronavirus

Abel Caballero, alcalde de Vigo, nun autobús urbano de Vitrasa nunha imaxe de arquivo Dominio Público Concello de Vigo

O alcalde de Vigo cuantifica en dez millóns de euros o impacto das restricións de mobilidade no servizo de buses urbanos de Vitrasa e a Xunta reclama oito millóns para o transporte interurbano galego

O Goberno central considera que as empresas concesionarias de autoestradas ou autovías con peaxe na sombra non teñen dereito a compensacións económicas pola crise sanitaria do coronavirus porque poden seguir cumprindo co seu contrato xa que todas as estradas están en servizo, con independencia de que xa non circulen por elas tantos vehículos. Outra cousa son as concesionarias de medios de transporte, as empresas de autobuses ás que se obrigou a prestar menos servizos e a restrinxir notablemente o número de pasaxeiros en cada vehículo a respecto das condicións estipuladas nos seus contratos concesionais.

Este martes a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniuse con asociacións do sector e avanzou que a Xunta vai adiantar ás concesionarias do transporte público interurbano en Galicia, dependentes dela, un millón de euros para paliar os seus problemas financeiros e reclamou ao Goberno central unha compensación de 8 millóns “polas consecuencias das restricións de mobilidade”.

Reunión da conselleira de Infraestruturas con representantes das concesionarias de autobuses interurbanos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Este mércores quen se reuniu por videoconferencia co ministro de Transportes, José Luis Ábalos, foi o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), xunto con outros rexedores de grandes cidades. Segundo informou este xoves o propio Caballero, a Ábalos pediulle tamén un fondo estatal que axude ás cidades a compensar os déficits das súas concesionarias de transporte urbano.

“A mobilización máis importante do transporte público se produce nas grandes cidades”, salienta Abel Caballero

Segundo Caballero, o impacto das restricións de mobilidade nas concesionarias de transporte urbano será duns mil millóns de euros para as cidades de todo o Estado, mentres que no caso de Vigo, cuxa concesión opera a empresa Vitrasa desde hai medio século, o rexedor cuantificou en dez millóns de euros o efecto das restricións de mobilidade. Se no caso da petición da Xunta os 8 millóns serían o resultado final co que o Goberno galego considera que habería que indemnizar ás concesionarias, no caso do transporte urbano as cifras ofrecidas por Caballero refírense ao impacto total nas contas das empresas, do que habería que descontar os aforros polos vehículos que non circulan ou os salarios que non están a asumir polas regulacións de emprego.

O goberno local vigués asegura que o ministro Ábalos “tomou nota, afirmou que están considerando eventuais axudas e pasará a demanda municipalista ao Ministerio de Facenda para as reunións que mantén periodicamente coas autonomías e agora tamén coas cidades”. Caballero salientou que “a mobilización máis importante do transporte público se produce nas grandes cidades”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.