Os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial, tomados dos propios xulgados, volven desmentir as percepcións máis ou menos subxectivas, as versións de parte e tamén algúns argumentarios políticos. O Poder Xudicial vén de actualizar a súa base de datos Efecto da crise nos órganos xudiciais, que inclúe a evolución nas cifras de desafiuzamentos e tamén dos novos casos de ocupacións ilegais de vivendas. E a conclusión que cabe tirar é semellante á de trimestres anteriores: os desafiuzamentos son un fenómeno moito máis abondoso que os casos xudiciais por ocupacións ilegais que, dentro da súa escasa cantidade, tenden a diminuír en termos interanuais.
O Poder Xudicial rexistrou no segundo trimestre de 2021 máis de 400 lanzamentos en vivendas alugadas ou hipotecadas e apenas unha vintena de novos casos por ocupacións ilegais
Sempre segundo os datos oficiais do Poder Xudicial, no segundo trimestre de 2021 (de abril a xuño), en Galicia foron executados 447 lanzamentos. Dentro destes total, 432 correspóndense con lanzamentos por impagamento de vivendas alugadas (a maioría, 343) ou hipotecadas (89). Mentres, no mesmo período chegaron aos xulgados galegos 22 casos novos por ocupacións ilegais de vivendas "nas que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo e lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social". En cifras redondas, daquela, os desafiuzamentos multiplicaron por vinte nese período os novos casos de ocupación ilegal.
Na súa análise dos datos, o Poder Xudicial pon tamén o foco nunha comparación interanual que neste caso vai alén do exercicio inmediatamente anterior, o 2020 -fortemente condicionado pola pandemia e a suspensión de prazos xudiciais no primeiro estado de alarma- e chega a 2019, o último ano completamente ordinario a estes efectos. Nesa comparación, resalta, os novos casos de ocupacións ilegais caeron un 31% a respecto do segundo trimestre de 2019. O descenso tamén se produce, non obstante, en comparación con 2020, pero sempre tendo en conta a distorsión da pandemia (-18,5%).
Os datos do Poder Xudicial reflicten unha diminución dos casos de ocupacións ilegais e unha das menores incidencias do fenómeno en todo o Estado. Recentemente, a Xunta pagou 8.000 euros por un informe no que unha dirixente do PP daba por feito un "incremento exponencial" destes casos en Galicia
A mesma fonte oficial pon tamén o foco noutra variable: a incidencia do fenómeno da ocupación ilegal en comparación con outros territorios do Estado. No caso galego, resalta, son apenas 0,8 por cada cen mil habitantes, "o que a sitúa, xunto co País Vasco, como a terceira na que menos verbais posesorios por ocupación ilegal de vivendas se presentaron". Só Asturias e Cantabria rexistran menores cifras (0,5).
A media estatal sitúase en 2,2 e os datos máis elevados rexístranse en Catalunya (4,1), Balears (3,6) e Castilla-La Mancha (3,5). De Castilla-La Mancha, precisamente, procede a dirixente do PP que, por importe de 8.000 euros, redactou un informe encargado pola Xunta no que o Goberno galego apoia a súa defensa dun endurecemento do Código Penal para casos de ocupación por mor dun suposto incremento do fenómeno. Entre outros aspectos, aquel documento defende que en Galicia existe un "incremento exponencial" dos casos de ocupacións ilegais e faino comparando co ano 2018 sen ter en conta o efecto da folga na Xustiza. Tamén asegura que o suposto "alarmante incremento" se debe, entre outras razóns, a un suposto "amparo" ao delito de usurpación por parte de Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, e outros dirixentes políticos.
Evolución dos desafiuzamentos
Os lanzamentos tamén diminúen (-32%) a respecto do segundo trimestre de 2019, o último non condicionado pola pandemia
O Poder Xudicial tamén realiza os cálculos interanuais dos desafiuzamentos con 2019 como referencia. "Se poñemos os datos en relación cos rexistrados en 2020, os lanzamentos aumentaron un 436,86%" porque pasan de apenas 80 a máis de 440, "pero ese incremento non é significativo, xa que se debe á incidencia da pandemia nos órganos xudiciais" e non a un incremento real neses meses. Na comparación co segundo trimestre de 2019, os lanzamentos caen un 32%. Daquela rexistráranse 501 desafiuzamentos en vivendas alugadas (nesta ocasión foron 343) e 140 derivados de execucións hipotecadas (desta volta, 89). Nestes datos inflúen tamén, non obstante, as moratorias aprobadas polo Goberno de España ligadas á propia pandemia (na actualidade, esa moratoria segue vixente para determinados supostos de vulnerabilidade).