Por cada novo caso de ocupación ilegal de vivendas que ingresou nos xulgados galegos no primeiro trimestre do ano 2021, os mesmos órganos xudiciais culminaron, de media, algo máis de 42 desafiuzamentos. O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de actualizar os datos das variables vinculadas á crise económica (algunhas vénas detallando dende a anterior crise) correspondentes ao primeiro trimestre de 2021, no que a comparación interanual se corresponde co primeiro trimestre de 2020, no que se declarou o primeiro Estado de Alarma pola COVID-19, que trouxo consigo a suspensión dos prazos procesuais. Algúns dos principais indicadores relativos á vivenda contrastan, en boa medida, cos temas que capitalizaron parte do debate político galego nestes meses.
Os 106 lanzamentos por execucións hipotecarias rexistrados no primeiro trimestre do ano duplican os dun ano antes, en boa medida polo reinicio de casos que quedaran paralizados co primeiro Estado de Alarma pola COVID
Entre xaneiro e marzo de 2021 rexistráronse en Galicia 465 lanzamentos, o trámite final para o desafiuzamento. Son un 10% máis que no primeiro trimestre de 2020. Dentro deste total, 352 están ligados ao impagamento de alugueiros (seis menos que un ano antes) e 106, a execucións hipotecarias, o que implica practicamente duplicar os que se rexistraran no primeiro trimestre de 2020, cando foran 55. Os 7 restantes figuran no apartado "outras causas".
O propio Consello Xeral do Poder Xudicial especifica que "á hora de interpretar os datos hai que ter en conta" a devandita suspensión de prazos que trouxo consigo o primeiro Estado de Alarma. Ademais, no caso concreto dos desafiuzamentos, influíron as moratorias aprobadas polo Goberno de España (na actualidade, esa moratoria segue vixente para determinados supostos de vulnerabilidade).
O total de desafiuzamentos rexistrados en Galicia é na actualidade, así e todo, notablemente inferior aos anos da anterior crise económica -a serie estatística do Poder Xudicial comeza en 2013-. Os números tamén son inferiores aos do primeiro trimestre de 2019, se ben no caso galego cómpre ter en conta que os tribunais estiveron paralizados durante boa parte de 2018 a causa da folga do persoal de Xustiza, polo que se produciu un efecto de reinicio de casos pendentes semellante ao que atinxiu a este primeiro trimestre de 2021.
Menos da metade de novos casos de ocupacións ilegais
As novas demandas por ocupación ilegal son menos da metade que no primeiro trimestre de 2020 e quedan en 11
O rebote nas cifras de desafiuzamentos hipotecarios contrasta coa evolución nas cifras de novos casos de ocupacións ilegais que chegan aos xulgados galegos. Foron, concretamente, 11 as demandas "por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social", isto é, menos da metade das 24 rexistradas entre xaneiro e marzo de 2020.
No mesmo período, os xulgados galegos resolveron 12 procedementos por ocupación ilegal. Seguen en trámite outros 50, segundo os mesmos datos do Poder Xudicial.
Dende que o Poder Xudicial comezou a desagregar datos de novas demandas por ocupación ilegal de vivendas, no terceiro trimestre de 2018, en Galicia van acumulados un total de 286 casos. No mesmo período, os desafiuzamentos foron 17.258. Deles, 12.406 correspondéronse con alugueiros e 4.852, con execucións hipotecarias.
Ofensiva política do Goberno galego sobre ocupacións
Esta caída á metade das novas demandas por ocupacións ilegais de vivendas ata quedar en menos dunha ducia prodúcese nun contexto no que o Goberno galego segue a afondar na súa ofensiva política ao respecto, baseada na tese de que en realidade este fenómeno aumenta aínda que os datos do Poder Xudicial digan o contrario. Tamén aínda que a Policía viñese sinalando o mesmo e malia que a propia Xunta admite que non manexa "datos reais" ao respecto.
A Xunta vén afirmando que as ocupacións aumentan e, para xustificalo, recentemente pagou 8.000 euros a unha profesora e dirixente do PP por un informe que reproducía parágrafos enteiros dunha iniciativa do partido en Castilla-La Mancha e ligaba o suposto incremento ao "amparo" de Ada Colau
Nesta liña, a finais de 2020 a Consellería de Medio Ambiente, a competente en materia de vivenda, asinaba un convenio co Consello da Avogacía Galega para, por 500 euros mensuais, poñer en marcha unha liña telefónica de consultas gratuítas para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda". En total, 27.000 euros para este ano 2021. O proxecto naceu dous anos despois de que a propia Xunta deixase de financiar unha liña telefónica que puxera en marcha tamén en colaboración co Consello da Avogacía para "remediar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda" ou, se eran desafiuzadas, "consigan, ao abeiro dos programas de axuda existentes, un inmediato realoxo"
Máis recentemente, o mesmo departamento do Goberno galego afondou na súa ofensiva política mediante o encargo de dous informes para apoiar a súa defensa dun endurecemento do Código Penal para casos de ocupación. Un deles, polo que a Xunta pagou 8.000 euros, foi redactado por Silvia Valmaña, profesora de Dereito Penal na Universidad de Castilla-La Mancha, ex-deputada do PP por Guadalajara e actual dirixente do partido nesa comunidade autónoma.
O texto de Valmaña, que reproduce parágrafos enteiros dunha iniciativa formulada meses antes polo PP nas Cortes de Castilla-La Mancha, defende que en Galicia existe un "incremento exponencial" dos casos de ocupacións ilegais e faino comparando co ano 2018 sen ter en conta o efecto da folga na Xustiza. Tamén asegura que o suposto "alarmante incremento" se debe, entre outras razóns, a un suposto "amparo" ao delito de usurpación por parte de Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, e outros dirixentes políticos.
A pasada semana, o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, defendeu no Parlamento a contratación deste informe. Xustifica o alto cargo do Goberno galego que o documento redactado pola dirixente do PP e facturado a través da Universidad de Castilla-La Mancha é positivo porque pretendía "dar outra visión que puidese introducir algunha variante adaptada a situacións ou particularidades que puidesen derivarse doutros territorios".