Dende hai máis dun ano, a Xunta e o PP de Galicia veñen intensificando a súa ofensiva política a respecto dun suposto incremento das ocupacións ilegais de vivenda. A consellería con competencias na materia asegura non dispor de datos reais e completos ao respecto, se ben a súa titular vén aludindo ao que denomina "sensación de impunidade" para reclamar do Goberno de España un endurecemento do Código Penal a este respecto, ademais de insinuar, con maior ou menor claridade, que os datos oficiais do Poder Xudicial ao respecto non serven xa como guía para coñecer a dimensión do problema en Galicia.
Un dos informes esgrimidos pola Xunta está redactado pola profesora Silvia Valmaña, ex-deputada do PP, que liga un "alarmante incremento" do fenómeno a un suposto "amparo" ao delito de usurpación por parte de dirixentes como a actual alcaldesa de Barcelona
Este é o contexto no que o Goberno galego vén desenvolvendo accións como o financiamento dun teléfono (con 500 euros semanais) para atender de balde consultas sobre ocupacións. Con este pano de fondo, este venres a conselleira Ángeles Vázquez acudiu ao Observatorio Galego de Vivenda -órgano consultivo do seu departamento- con dous informes encargados a senllos docentes universitarios que, aplaude o Goberno galego, "avalan" a petición da Xunta "reformar o Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos seus propietarios".
Un destes dous informes, o centrado na "ocupación violenta", está elaborado por Silvia Valmaña, profesora de Dereito Penal da Universidad de Castilla-La Mancha e deputada do PP no Congreso entre 2016 e 2019. Antes de formular as súas propostas de endurecemento do Código Penal neste eido, Valmaña comeza diagnosticando que "a ocupación ilegal de vivendas observou en España" o que denomina como "un alarmante incremento" que atribúe á "permisividade, cando non connivencia, dalgunhas administracións que alentaron, xustificaron e ampararon o delito de usurpación de inmobles".
Segundo o informe encargado pola Xunta e cuxo contido asume o Goberno galego, ese suposto "amparo" de delitos produciuse "baixo a apariencia dun inexistente conflito de dereitos entre particulares". Neste punto, afirma que esta circunstancia se produce "dende Ada Colau", á que non identifica como alcaldesa de Barcelona, " que chegou á política dende o activismo okupa", ata "iniciativas parlamentarias para despenalizar o delito de usurpación".
Sobre Galicia, o informe alude a un "incremento exponencial" destes casos nos xulgados en comparación co ano 2018, no que os tribunais galegos estiveron paralizados durante meses pola folga do persoal de Xustiza, á que o documento non alude
Para a primeira afirmación, a ex-deputada do PP e profesora de Dereito Penal cita unha ligazón da publicación OK Diario que acusaba o Concello de Barcelona de "impartir cursos de okupación" e un perfil biográfico de Colau publicado en eldiario.es cando chegou á alcaldía barcelonesa. Para o segundo, refírese a iniciativas debatidas no Congreso hai dúas décadas que non foron aprobadas.
Tras referirse á situación global no Estado, Valmaña céntrase en Galicia para asegurar que o país sofre un "incremento exponencial" de casos de ocupación ilegal tratados polos xulgados. "Produciuse un preocupante incremento da ocupación ilegal en Galicia, que ata os últimos anos se mantiña á marxe dos territorios máis castigados por esta práctica", asegura comparando a evolución dos xuízos orais por estas causas celebrados en Galicia "sempre, en relación con 2018".
A profesora e integrante do PP basea a súa tese en que as cifras de 2019 amosan unha forte suba a respecto de 2018. Mentres que ao mencionar o ano 2020 si se refire aos efectos da pandemia nos xulgados, coa consecuente paralización de actividade, o informe obvia que durante máis da metade daquel ano 2018 a actividade xudicial en Galicia estivo fortemente condicionada e practicamente paralizada durante meses a causa da folga do persoal da Administración de Xustiza.
O informe de Valmaña propón endurecer o Código Penal neste eido, o que a Xunta aplaude. Tamén o fai o documento redactado polo profesor da USC Santiago Brage, que non obstante comeza por aludir á necesidade de "axilizar" os xulgados
Fronte a estas opinións e cifras aludidas por Valmaña, os datos oficiais dispoñibles ao respecto no Consello Xeral do Poder Xudicial son unha serie estatística recente, que comeza en 2019. Para o ano 2019, o poder xudicial ten computados 145 novos casos de ocupacións ilegais en Galicia e en 2020, un total de 94.
A partir destas consideracións, Valmaña describe as lexislacións de diferentes Estados sobre ocupación de vivendas e finaliza formulando unha proposta de endurecemento das leis ante estas condutas, incluíndo unha nova redacción do Código Penal. O segundo informe, redactado polo profesor da USC Santiago Brage e centrado na "ocupación pacífica", tamén formula varias propostas e unha delas é o endurecemento de condenas para algúns destes supostos. Antes, non obstante, sinala que tamén sería precisa unha "axilización dos nosos xulgados, tanto na orde civil como na penal" que "permita unha tramitación dos procedementos máis rápida" para "facer real e efectiva unha verdadeira tutela dos dereitos dos lexítimos propietarios que sofren a ocupación das súas vivendas".