Na primavera de 2017, a daquela denominada Consellería de Infraestruturas e Vivenda asinou por segunda e última vez un convenio co Consello da Avogacía Galega para habilitar un servizo de asesoramento co obxectivo de "remediar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda" ou, se eran desafiuzadas, "consigan, ao abeiro dos programas de axuda existentes, un inmediato realoxo". Aquel convenio estaba financiado con 50.400 euros, finalizou o 31 de decembro de 2017 e non foi renovado.
O convenio da Xunta co Consello da Avogacía para asesorar sobre ocupacións chega tres anos despois da fin doutro acordo co mesmo organismo para axudar a persoas afectadas por desafiuzamentos, os cales seguen multiplicando por quince as intrusións ilegais
Nos anos seguintes, en Galicia seguiuse producindo unha cantidade notable de desafiuzamentos. Aínda que no ano 2018 descenderon significativamente por mor da folga na Xustiza, repuntaron en 2019, sobre todo en vivendas alugadas. Tamén continuaron en 2020, aínda que freados pola moratoria imposta dende o Goberno de España entre as medidas derivadas da pandemia da COVID-19.
Estes desaloxos, segundo datos oficiais do Poder Xudicial, seguen multiplicando por quince as demandas ligadas á ocupación ilegal de vivendas. Non obstante, a Consellería que agora ten competencias en materia de vivenda, a de Medio Ambiente, retomou a colaboración co Consello da Avogacía Galega non para o devandito servizo de asesoramento para persoas en risco de ser desafiuzadas, senón para financiar unha liña telefónica gratuíta para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda" que sufraga cun total de 27.000 euros para este ano 2021.
Este convenio, parte dunha iniciativa política máis ampla na materia dende o departamento que dirixe Ángeles Vázquez -que admite non manexar "datos reais" sobre o fenómeno da ocupación, o cal liga a unha "sensación" de impunidade- foi asinado pola propia conselleira o pasado 4 de decembro xunto ao presidente do Consello da Avogacía, Ramón Jáudenes. O documento fixa como obxecto do acordo "crear as canles de información necesarias para que as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sexan ocupadas ilegalmente saiban como actuar ante esta situación". Nin o convenio nin a súa memoria xustificativa inclúen dato ningún a respecto da incidencia do fenómeno das ocupacións ilegais en Galicia.
O acordo financia as gardas semanais con 500 euros e o Consello distribúeas entre os colexios de avogacía subliñando que a remuneración é independente "das asistencias que se realicen"
O pacto concrétase na "elaboración dunha guía informativa" por parte do Consello da Avogacía e mais na creación dun servizo de "atención xurídica de consultas de persoas propietarias afectadas por intrusión non consentida en vivendas" a través de internet e na devandita liña telefónica de balde que funciona de luns a venres, de 10h a 14 e de 16h a 20h, e os sábados de dez da mañá a dúas da tarde. O servizo de asesoramento ante desafiuzamentos que estivo operativo ata 2017 fixaba atención presencial "un día á semana", de 10h a 13h e deixaba a porta aberta a "prestar este servizo" por teléfono ou internet, pero sen horarios nin días establecidos.
O convenio asinado concreta que este "servizo de asesoramento" será atendido por profesionais da avogacía en réxime de "garda semanal" a razón de 500 euros por semana, gasto que o Consello da Avogacía pode xustificar trimestralmente ou "nunha única xustificación". Segundo divulgou un avogado crítico con esta iniciativa, estes 500 euros semanais concrétanse en gardas diarias de algo máis de 70 euros por xornada, "repartidas semanalmente" entre os sete colexios de avogacía galegos. O propio Consello da Avogacía subliña que o importe desas gradas é independente "das asistencias que se realicen".
Esta iniciativa política do Goberno galego prodúcese nun contexto no que os Orzamentos Xerais da Xunta para 2021, a piques de ser aprobados definitivamente polo Parlamento, inclúen 85 millóns de euros nas partidas destinadas á vivenda. Este importe supón un 60% menos que nas derradeiras contas do Goberno de PSdeG e BNG e é tamén un 25% ao derradeiro orzamento do Executivo do PP de Fraga. É aprobado despois de que a pasada lexislatura finalizase con apenas 24 vivendas protexidas rematadas en Galicia, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, o que supón a menor cantidade nun mandato dende que hai información pública ao respecto.