O prezo dos alugueiros leva varios anos en ascenso en Galicia, sobre todo nos centros das grandes cidades. O encarecemento comezou no ano 2015 e dende entón vén mantendo unha aumento continuo de entre o 3% e o 5% no conxunto de Galicia. Podíase pensar que a pandemia de Covid-19 iniciada o pasado mes marzo e a crise económica consecuencia da situación sanitaria frearían este ascenso, pero non foi así.
A pandemia de Covid-19 e a crise económica consecuencia da situación sanitaria non frearon o encarecemento dos prezos, que manteñen a mesma tendencia de anos anteriores
Segundo os datos do Observatorio da Vivenda da Xunta de Galicia, o 2020 significou un novo incremento do alugueiro medio en Galicia, que pasou nun ano de 420,6 a 438,5 euros, un ascenso do 4%, moi semellante aos dos tres anos anteriores. A suba foi aínda maior nas sete cidades, cun ascenso superior ao 5%. Porén, tamén nos concellos de menos de 5.000 habitantes os prezos subiron un 2,5%.
Dende o ano 2015 o prezo medio dos alugueiros pasou de 363,1 a 438,5 euros, 75 euros de ascenso, un 20,7% máis
Dende o ano 2015 o prezo medio dos alugueiros pasou de 363,1 a 438,5 euros, 75 euros de ascenso, un 20,7% máis. Nas sete grandes cidades o aumento foi de practicamente 100 euros (de 386,8 a 486,5), un 26% máis, pero tamén nas vilas de 20.000 a 50.000 habitantes os prezos se encareceron un 16%, nos concellos de 5.000 a 20.000 medraron un 15% e nas localidades de menos de 5.000 o crecemento foi do 14%.
A Coruña e Vigo son as dúas cidades galegas máis caras para vivir, cun prezo medio do alugueiro de 530 e 521 euros, respectivamente. No último ano os prezos encarecéronse entre o 5% e o 6%, un ritmo moi semellante ao de anos anteriores. Dende o ano 2015 o custo mensual de pagar un alugueiro medrou 115 euros na Coruña e 110 en Vigo, subas ao redor do 27%.
Dende o ano 2015 o custo mensual de pagar un alugueiro medrou 115 euros na Coruña e 110 en Vigo, subas ao redor do 27%
A situación en Pontevedra e Compostela é moi semellante, con prezos medios de 486 e 469 euros respectivamente e un aumento do 6% no último ano, nun nivel parecido ao da Coruña.
En Ourense, Lugo e Ferrol os alugueiros son máis baratos e o crecemento dende o 2015 foi menor. Mesmo así, na cidade naval medraron máis de 52 euros, 71 euros na cidade da Muralla e 67 na cidade das Burgas. Durante o ano 2019, os alugueiros encarecéronse un 3% nestas tres urbes
O prezo da vivenda converteuse nos últimos anos no principal factor de exclusión social en Galicia
O prezo da vivenda converteuse nos últimos anos no principal factor de exclusión social en Galicia e no conxunto do Estado español, que reflicten documentais coma o publicado polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) e recollen as análises realizadas por Cáritas, que alertou de que 149.000 persoas habitan en vivendas inadecuadas en Galicia, e 205.000 fano en vivendas inseguras.
O encarecemento dos alugueiros, unido á carencia de vivenda pública e protexida, levou á expulsión de moitas persoas de determinados barrios dos centros das cidades e, ademais, a un gran crecemento dos desafiuzamentos. No ano 2019 cada día cinco familias galegas foron desaloxadas da súa vivenda por non pagar o alugueiro, a cifra máis alta dende 2013.
O distrito 15004 da Coruña (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia) continúa a ser o barrio galego máis caro para vivir, seguido dos tamén coruñeses 15003 (A Pescadaría) e 15001 (Cidade Vella) e dos 36201 e 36203, no centro de Vigo
Nos centros das cidades o encarecemento dos alugueiros nos últimos anos foi aínda maior. O distrito 15004 da Coruña (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia) continúa a ser o barrio galego máis caro para vivir, cun prezo medio que supera os 700 euros mensuais (712), cun aumento do 5% no último ano e do 18% dende o 2017. Os tamén coruñeses 15003 (A Pescadaría) e 15001 (Cidade Vella) superan tamén os 600 euros de media, cun incremento aínda máis importante no último ano.
Inmediatamente despois aparecen dous distritos céntricos de Vigo: o 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón), o 36203 (O Castro e Gran Vía), que tamén roldan os 600 euros, prezos nos que entran todo tipo de vivendas, dende casas de gran tamaño a estudios ou pisos dunha soa habitación.
En Pontevedra, o distrito máis caro é o céntrico 36001, en Santiago o Ensanche e en Ourense o 32003 (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro)
En Pontevedra, o distrito máis caro é o 36001, que abrangue a maior parte do centro da cidade, cun alugueiro medio de 558 euros mensuais. E en Santiago, o Ensanche compostelán (15701) ten alugueiros cun importe medio de 549 euros.
Atopamos prezos algo máis reducidos no distrito 32003 de Ourense (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro) cuns 478 euros. E tamén o 27001 de Lugo (no interior da muralla), que chega aos 424 euros. Finalmente, en Ferrol o 15402 (no barrio da Magdalena) está en 389 euros.
O distrito coruñés 15006 (Catro Camiños, Os Castros) é o que máis se encareceu dende o ano 2017, cun aumento do 25,5% en só tres anos, con cifras semellantes ao 36203 de Vigo (O Castro e Gran Vía) e ao 15706 de Compostela (Avenida de Barcelona, Conxo, Santa Marta...). No outro extremo, o 15401, no centro histórico de Ferrol, é o único destes barrios no que os prezos baixaron dende o ano 2017.