Os alugueiros na Coruña, Vigo, Pontevedra e Compostela seguían a subir con forza nos meses previos á pandemia

O barrio de Navia, en Vigo © DT Ingenieria

A pandemia de coronavirus de seguro mudou o panorama, pero durante os catro primeiros meses deste ano 2020 os prezos dos novos alugueiros en Galicia seguiron a subir de forma importante, como veñen facendo dende o ano 2015. O prezo medio, segundo a estatística publicada polo Observatorio da Vivenda da Xunta situouse nos 429 euros, fronte aos 363 do ano 2015. Con todo, existen grandes diferenzas entre uns e outros concellos e mentres que nas localidades de menos de 5.000 habitantes o prezo medio non chega a 300 euros, en cidades como Vigo e A Coruña supera xa os 500 euros. 

Durante os catro primeiros meses deste ano 2020 os prezos dos novos alugueiros en Galicia seguiron a subir de forma importante, como veñen facendo dende o ano 2015

Nos datos finais deste ano 2020 haberá que comprobar a evolución dos prezos e o efecto que o coronavirus e a crise económica xerada pola pandemia tivo sobre este indicador. Pero, de momento, a vivenda segue a incrementar o seu custo, facendo difícil para moitas persoas o seu pagamento, sobre todo nos barrios máis céntricos das cidades, como reflite o documental que hai uns días publicou o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG). Xusto antes do inicio da pandemia soubemos que cada día cinco familias galegas son desaloxadas da súa vivenda por non pagar o alugueiro, a cifra máis alta dende 2013. A pesar disto, Galicia finalizou a pasada lexislatura co menor número de vivendas protexidas rematadas dende que hai datos.

A Coruña (533) e Vigo (517) continúan a ser as dúas cidades galegas máis caras para vivir, seguidas de Pontevedra (470) e Compostela (459)

Os datos dos alugueiros rexistrados ata o mes de abril (suponse que a inmensa maioría corresponden ao período entre o 1 de xaneiro e o 15 de marzo) amosan que A Coruña (533) e Vigo (517) continúan a ser as dúas cidades galegas máis caras para vivir, seguidas de Pontevedra (470) e Compostela (459). Despois aparecen xa a bastante distancia Ourense (401), Lugo (370) e Ferrol (352), urbes onde os prezos non medraron nestes primeiros meses de 2020.

Os prezos levan en ascenso continuado dende o 2015. En pouco máis de tres anos (entre o 31 de decembro de 2016 e abril de 2020) o prezo medio na cidade da Coruña incrementouse en máis de cen euros, e fíxoo en 90 euros en Vigo

En pouco máis de tres anos o prezo medio na Coruña incrementouse en máis de cen euros

Nestes anos creceu tamén a diferenza entre unhas e outras cidades. Se a finais dese ano 2016 había apenas 100 euros de diferenza entre o que custaba alugar unha vivenda na Coruña e Ferrol, ou entre Vigo e Lugo, hoxe a fenda é de máis de 150 euros. Cómpre lembrar que, ao falarmos de prezos medios, este indicador abrangue dende vivendas unipersoais de pequeno tamaño a inmobles de varias habitacións ocupadas por unha familia de varios membros.

Nas vilas de máis de 20.000 habitantes os prezos medraron un 13% dende finais de 2016

Aínda que os prezos son máis elevados nas cidades e tamén foi nas urbes onde medraron de forma máis importante, o encarecemento dos alugueiros atinxiu a todo o país, tamén aos concellos menos poboados. As vilas entre 20.000 e 50.000 habitantes pasaron dende decembro de 2016 dun prezo medio de 351 euros aos 396 actuais, 45 euros máis, que supoñen un incremento do 13% no prezo. E tamén os concellos entre 5.000 e 20.000 habitantes pasaron neste tempo de 319 a 352 euros, un 10% máis.

Os centros das grandes cidades, sobre todo na Coruña e Vigo, pero tamén en Compostela e Pontevedra, son os que están rexistrando nos ultimos anos un encarecemento maior dos prezos. Na seguinte táboa pódese observar a evolución do prezo dos alugueiros nos últimos tres anos completos: 2017, 2018 e 2019. A finais do pasado ano había distritos enteiros nos que os prezos medios se achegaban ao 700 euros, con incrementos en dous anos que roldan o 15%.

O prezo máis elevado corresponde ao distrito coruñés 15004 (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia), o barrio máis caro para vivir en Galicia. Os tamén herculinos 15003 (A Pescadaría) e 15001 (Cidade Vella) roldan tamén os 600 euros de media. A Pescadaría e os tamén coruñeses 15006 (Catro Camiños, Os Castros), o 15009 (Gaiteira, Monelos, Castrillón, Eirís...) e o 15011 (Riazor, Cidade Xardín, Os Rosales...), son catro dos distritos galegos nos que máis medraron os prezos dende o ano 2017.

Inmediatamente despois aparecen tres distritos céntricos de Vigo: o 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón), o 36203 (O Castro e Gran Vía) e 36211 (nas proximidades da Praza da Independencia e da Avenida das Camelias), con prezos medios entre 544 e 584 euros ao mes.

Fóra da Coruña e Vigo un dos barrios máis caros é o Ensanche compostelán (15701), cun importe medio de 526 euros e un encarecemento nos dous últimos anos do 14%. En Pontevedra, o distrito máis caro é o 36001, que abrangue a maior parte do centro da cidade, cun alugueiro medio de 538. En Ourense o distrito 32003 (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro) sitúase nos 465 euros.

Con prezos máis reducidos atopamos en Lugo o 27001 (no interior das murallas), que chega aos 434 euros, cun encarecemento do 24% en dous anos. Finalmente, en Ferrol o 15401 (o barrio da Magdalena) está en 371 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.