Cada día cinco familias galegas son desaloxadas da súa vivenda por non pagar o alugueiro, a cifra máis alta dende 2013

Mobilización contra os desafiuzamentos na Coruña, hai uns meses © Stop Desafiuzamentos A Coruña

Durante moitos anos o motivo máis habitual polo que unha familia era desaloxada da súa vivenda era unha execución hipotecaria, motivada polo impagamento a unha entidade bancaria das cotas do empréstito. As execucións hipotecarias. Entre 2009 e 2014 rexistrábanse en Galicia máis de dúas mil execucións hipotecarias cada ano, acadando as 2.576 no ano 2013. Na actualidade o número de execucións hipotecarias é moi inferior, desencendo o pasado ano 2019 ata as 758, a cifra máis baixa na última década.

O pasado ano en Galicia practicáronse un total de 2.271 lanzamentos e deles 1.800 (un 80%) producíronse en aplicación da Lei de Arrendamentos Urbanos

Porén, mentres os desafiuzamentos hipotecarios descendían, foron aumentando os desaloxos provocados polo impagamento do alugueiro dunha vivenda. O pasado ano en Galicia practicáronse un total de 2.271 lanzamentos e deles 1.800 (un 80%) producíronse en aplicación da Lei de Arrendamentos Urbanos, é dicir, polo impagamento do alugueiro ou por outros incumprimentos do contrato de arrendamento dunha vivenda. Tan só 396 desaloxos tiveron a súa orixe nunha execución hipotecaria.

Eses 1.800 lanzamentos significan que cada día 5 familias son desaloxadas da súa vivenda polo impagamento do alugueiro.

Os xulgados galegos ingresaron 145 demandas por ocupación ilegal de vivendas, das que resolveron 101

O número total de lanzamentos practicados significou un crecemento do 32% con respecto ao ano 2018. E os relacionados con incumprimentos da Lei de Arrendamentos Urbanos acadaron o seu valor máis elevado dende o ano 2013, cun aumento do 44,5% con respecto ao ano 2018. Cómpre ter en conta que a comezos do ano 2018 tivo lugar unha longa folga de funcionarios que afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza en Galicia, o que obrigou a adiar un gran número de procesos.

Ante esta realidade, o Goberno central vén de anunciar que ampliará aos alugueiros a moratoria antidesafiuzamentos para persoas vulnerables. É dicir, a partir de agora estes colectivos (familias con fillos menores ou persoas en situación de desemprego) non poderán ser expulsadas das súas vivendas por ter impagado o alugueiro sen que se lles presente unha alternativa habitacional.

O Consello Xeral do Poder Xudicial explica, ademais que o ano pasado os xulgados galegos ingresaron 145 demandas, das que resolveron 101, por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social.

O número total de lanzamentos recibidos polos xulgados galegos acadou no 2019 o seu máximo da década, con 1.950, un crecemento do 44,1% con respecto a 2018

No 2019 rexistrouse un grande incremento no ano 2019 no número de concursos e de demandas de despedimento

O informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, destaca así mesmo un grande incremento no ano 2019 no número de concursos e de demandas de despedimento

Así, en canto aos concursos presentados nos xulgados do mercantil, dos 257 rexistrados en 2018 pasouse a 319 en 2019, o que supón unha suba do 24,1%. Nos xulgados do social interpuxéronse 5.628 demandas por despedimento, o que supón un aumento interanual do 11%, pois en 2018 rexistráronse 5.070.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.