Os desaloxos seguen aí: 7.6 ao día en Galicia, a maioría por alugueiros impagados

Evolución dos lanzamentos practicados polos xulgados de primeira instancia © Praza Pública

Os efectos da crise están moi lonxe de desaparecer en Galicia. No segundo trimestre do ano os xulgados de primeira instancia practicaron 690 lanzamentos. A cifra supón un descenso do 3,4% con respecto ao mesmo período de 2015 (714) e do 4,4% en relación ao segundo trimestre de 2014 (722). Con todo, a situación é mesmo máis negativa que a que se rexistraba en 2013 (633 desaloxos no segundo trimestre). O gráfico amosa como nos últimos tres anos a realidade apenas mudou e cada día segue a practicarse unha media de 7.6 lanzamentos na comunidade.

A maior parte están relacionados con incumprimentos da lei de arrendamentos urbanos, principalmente pola falta de pagamento do alugueiro. No segundo trimestre foron 421, dous de cada tres. Os desaloxos por atrasos nos pagamento da hipoteca foron algo máis dun terzo (238). Nos últimos tres anos e medio producíronse 8.643 lanzamentos en Galicia, 5.496 relacionados co pagamento do alugueiro.

Outros indicadores que amosan os efectos da crise económicos revelan unha certa recuperación, aínda que lenta e con algún paso atrás. Por exemplo, o número de execucións hipotecarias iniciadas entre o 1 de abril e o 30 de xuño descendeu con respecto ao ano pasado. Neste período presentáronse 305, fronte ás 445 de 2015, o que supón un descenso interanual do 31,5%.

Pola contra, aumentou o número de concursos presentados nos xulgados galegos; fronte aos 85 que se rexistraron no segundo semestre de 2015 pasouse a 93. Ademais, rexistráronse 9 Expedientes de Regulación de Emprego, fronte aos 17 do mesmo período do ano pasado. Finalmente, nos xulgados do social houbo 1.374 demandas por despedimento, o que supón un descenso interanual do 9,7%.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.