O distrito con maiores recursos é o coruñés 15004 (na zona de Juan Flórez e San Pablo), cunha renda bruta media de 66.774 euros, que case triplica os datos de Teis en Vigo ou dos barrios coruñeses dos Mallos, Agra do Orzán e Ventorrillo
A Axencia Tributaria publicou esta semana os datos da renda media por barrios correspondentes a 2023 e procedentes das declaracións de IRPF, unha estatística que vén completar a que uns días antes detallaba a situación concello a concello. Neste caso, o indicador informa da renda bruta media por distrito nas cidades que máis de cen mil habitantes -Vigo, A Coruña e Ourense- e as cifras que amosa permiten observar as grandes diferenzas de ingresos que se producen no interior dunha mesma urbe, entre barrios en ocasións separados por uns centos de metros.
Nas tres meirandes cidades do país o distrito con maiores recursos é o coruñés 15004 (na zona de Juan Flórez e San Pablo), cunha renda bruta media de 66.774 euros, unha cifra que supera amplamente a dos tres distritos seguintes, tamén herculinos, e a dos barrios vigués (Centro-Areal) e ourensán máis ricos (Parque de San Lázaro), con algo máis de 40 mil euros de media.
O distrito herculino máis podente case que triplica a renda do barrio vigués de Teis (25.322 euros) ou os ingresos medios dos barrios coruñeses dos Mallos, Agra do Orzán e Ventorrillo, tamén ao redor dos 25 mil euros.
As fendas económicas entre barrios son coñecidas, pero na estatística publicada pola Axencia Tributaria chama a atención o feito de que estas diferenzas, lonxe de reducirse, semellan ampliarse en moitos casos. Se comparamos os datos de 2020 ou 2021 cos actuais, observamos como os barrios con máis renda foron os que máis incrementaron os seus ingresos, mentres que este aumento foi máis contido nos barrios con menos recursos.
Na Coruña os tres distritos máis ricos foron os tres que máis incrementaron a súa renda nos dous últimos exercicios, entre un 17% e un 25% máis dende 2021 a 2023
Esta situación é moi visible na Coruña, onde os tres distritos con máis ingresos: o citado 15004, o 15003 (Ensanche) e o 15005 (Falperra, Santa Lucía, Paseo das Pontes) foron os tres que máis incrementaron a súa renda nos dous últimos exercicios, entre un 17% e un 25% máis dende 2021 a 2023. Neste período a renda media na Coruña medrou un 14%. En cambio, no 15007 (Mallos) e 15010 (Agra do Orzán e Ventorrillo) o aumento moveuse entre o 7% e o 9%.
Queda fóra da análise o distrito 15001 (Cidade Vella-Centro), con valores medios que oscilaron moito de ano a ano, debido á presenza entre os seus residentes de fortunas persoais moi destacados, entre elas as de varios integrantes da familia Ortega.
En Vigo, dous dos tres distritos con maior renda -Oia e Coruxo- incrementaron entre 2021 e 2023 os ingresos medios un 11% e un 14%, moi por riba da media da cidade (+7,5%)
Esta dinámica tamén se dá en Vigo, aínda que non de forma tan clara coma na Coruña. Dous dos tres distritos olívicos con maior renda -Oia e Coruxo- incrementaron entre 2021 e 2023 os ingresos medios un 11% e un 14%, moi por riba da media da cidade (+7,5%). Porén, neste caso o distrito Vigo Centro-Areal (que tamén inclúe parte de Teis) medrou só un 5%, preto do nivel de Coia e Valadares, entre os distritos con menos renda.
En Ourense, onde só temos información de cinco distritos, atopamos unha situación paradoxal, na que o distrito máis rico (32003: Parque San Lázaro-Parque Alameda) e o máis pobre (32001) foron os que máis incrementaron a súa renda entre 2021 e 2023, en ambos os dous casos moi por riba da media da cidade.
En cambio, a renda de barrios populares como Coia, Teis e Lavadores en Vigo e Agra do Orzán e Mallos na Coruña aumenta por debaixo da media
Estas diferenzas no incremento na renda entre barrios ricos e pobres obsérvanse con máis claridade nos datos de 2020, 2021 e 2022. Nos últimos datos coñecidos, correspondentes a 2023, hai máis diversidade nas tendencias. Aínda así algúns distritos de renda elevada, coma o 36331 de Vigo (Coruxo) o 15003 da Coruña (Ensanche) ou o 15005 da Coruña (Falperra-Santa Lucía) presentan incremento da súa renda entre o 6% e o 10%, por riba da media das súas cidades.
E, en cambio, barrios populares como Coia, Teis e Lavadores en Vigo e Agra do Orzán e Mallos na Coruña aumentan a súa renda entre un 2% e un 3% unicamente.
Iso si, hai excepcións positivas de barrios populares como Os Castros-Castrillón na Coruña, que presenta o meirande incremento de renda en 2023 (+10%), o mesmo que Mesoiro, Cabral ou Alcabre-Navia (+6%) ou o devandito 32001 ourensán (+8%).