A renda media nos barrios máis ricos das cidades galegas chega a triplicar a das zonas máis pobres da mesma urbe

Rúa Sanjurjo Badía, en Vigo CC-BY-SA Hombre DHojalata

A publicación, hai uns días, da estatística detallada sobre a renda media dispoñible en cada sección censual permitiu comprobar as grandes diferenzas existente entre unhas e outras zonas de Galicia, con 19 áreas por riba dos 20.000 euros anuais por persoa de media e outras mil por debaixo dos 10.000 euros anuais. Porén, analizando os datos en profundidade, concello por concello, amosa como estas grandes diferenzas entre uns territorios e outros danse mesmo dentro das mesmas localidades, sobre todo nas grandes cidades. 

A renda media dispoñible nalgúns barrios chega a triplicar a existente en zonas desa mesma urbe. As maiores diferenzas danse naquelas cidades máis poboadas, sobre todo Vigo e A Coruña.

En Vigo, por exemplo, cunha renda dispoñible bruta de 15.378 euros por habitante, hai barrios que superan os 24 mil euros (no centro), fronte a outras zonas que fican por debaixo dos 8 mil euros (7842). En xeral, as zonas máis ricas concéntranse no litoral (agás Teis e Bouzas) e nas rúas máis céntricas da urbe. Pola, contra, case todas as parroquias do interior rexistran niveis de renda moi inferiores, roldando os 10 ou 11 mil euros de media.

O panorama é semellante na Coruña, cunha renda media superior (17.643 euros), pero diferenzas mesmo máis importantes que en Vigo, movéndose entre barrios que superan os 30.000 euros de media e outros que non chegan a 8 mil

Cidade Vella, Pescadería, Ensanche e Riazor son as zonas de maior renda, que baixa nos Mallos e Agra do Orzán e tamén nalgunhas áreas de Monte Alto

A dinámica centro rico-periferia pobre reprodúcese en todas as urbes, aínda que nas cidades de tamaño medio, como Ourense e Compostela, as diferenzas entre unhas e outras zonas non é tan grande coma na Coruña e Vigo. 

En Ourense, cunha renda media de 16.678 euros, a diferenza entre o barrio máis rico (20.018 euros) e o máis pobre (6.993 euros) non chega a ser do triplo. E en Compostela, coa maior renda media das sete cidades galegas (17.726 euros) a diferenza é mesmo maior, coa área máis rica por riba de 20 mil euros (20.887) pero a máis pobre por riba de 9 mil (9.471 euros)

O mesmo podemos dicir das outras tres cidades galegas, con centros urbanos que superan os 15 mil euros e zonas periféricas (principalmente rurais), que se moven lixeiramente por riba dos 10 mil euros.

En Lugo, cunha renda media de 15.878 euros, o centro histórico (no interior das murallas) e os barrios residenciais da zoma sur roldan esa cifra de 15 mil euros de renda bruta dispoñible, mentres que as zonas máis pobres superan os 8 mil euros.

En Pontevedra as cifras son semellantes. A renda media está nos 15.681 euros, cifra que se supera no centro histórico. Pola contra, as zonas máis pobres do concello baixan claramente dos 8 mil (7.526).

En Ferrol, cunha renda media de 14.470 euros (a máis baixa entre as sete cidades), a situación é algo distinta. Algunhas zonas do centro son as máis ricas, principalmente no barrio da Madalena, aínda que só unha supera os 15 mil euros de media. Ademais, hai importantes áreas da zona rural que tamén presentan importantes niveis de renda, mentres que noutras zonas afastadas do centro (pero tamén do seu interior) a renda media baixa dos 8 mil euros anuais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.