A saída da crise incrementou un 30% as diferenzas entre os salarios máis altos e máis baixos en Galicia

O salario dos traballadores que gañan máis creceu un 16% dende o 2012. Pola contra, o salario dos que gañan menos so medrou un 4% CC-BY Alegri

Rematou a crise económica? Para quen? De que xeito está afectando a cada grupo social o crecemento económico dos últimos ano? É agora Galicia un país máis desigual que nos peores anos da recesión? O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este luns os datos da súa Enquisa Anual de Estrutura Salarial correspondente ao ano 2017.

Os datos globais revelan un incremento do 2,1% nos salarios entre 2016 e 2017 no conxunto do Estado, un aumento que en Galicia se eleva ata o 2,5%. De feito, o noso país está entre as comunidades nas que máis creceron os salarios no último lustro, cun aumento do 11%, semellante ao de Navarra e Cantabria e moi por riba da media española (4%). Esta mellora compensa a evolución do período 2008-2012, no que os salarios medraron un 1% fronte a un aumento do 4% en España.

Os salarios galegos medraron por riba da media estatal no último lustro, pero neste tempo creceron as desigualdades: os máis ricos aproveitan máis a saída da crise

Iso si, os salarios en Galicia continúan moi por debaixo da media estatal. O salario medio en Galicia (21.606 euros brutos anuais) é dous mil euros inferior á media española e é superado polos datos de dez comunidades autónomas. Con todo, cómpre salientar que o diferencial co salario medio estatal (3.700 euros en 2008 e 3.400 euros en 2012) veu descendendo na última década.

Ata aquí as boas novas. Este crecemento dos salarios no último lustro en Galicia agocha un incremento das desigualdades entre os soldos máis altos e os máis baixos e tamén entre os distintos grupos de idade. De igual xeito, a fenda de xénero entre os ingresos de traballadores e traballadoras mantívose case inalterable.

O salario do 25% de traballadores que gaña máis creceu un 16% dende o 2012. Pola contra, o salario do 25% que gaña menos so medrou un 4%

As medias estatísticas para un universo grande e diverso pode agochar as desigualdades existentes entre as súas partes. Os datos do INE revelan que durante os últimos cinco anos os traballadores e traballadoras con salarios máis elevados incrementaron notablemente as súas contías, mentres que aqueles e aquelas que gañan menos case non viron mellorar os seus ingresos. Así, o 25% dos galegos e galegas con maiores soldos tivo un aumento do 16% nos seus salarios dende o ano 2012. E, pola contra, o 25% que gaña menos só recibiu un incremento do 4%, semellante á evolución do IPC.

Nos últimos cinco anos a diferenza entre o salario medio dese cuartil inferior e o salario medio do cuartil superior pasou de 9.969 a 12.838 euros anuais, un incremento de case tres mil euros entre os traballadores que gañan máis e os traballadores que gañan menos, ou o que é o mesmo: un 30% máis.

Estas desigualdades crecentes reprodúcense no conxunto do Estado. A metade dos traballadores e traballadoras españolas (49,96%) ingresa menos de 19.816 euros brutos anuais, ou o que é o mesmo: 1.415 euros brutos mensuais, aos que hai que descontar os distintos impostos e retencións, ficando o salario mensual por debaixo dos 1.150 euros netos.

Fronte a un aumento salarial medio do 11% entre 2012 e 2017, os traballadores e traballadoras de 25 a 34 anos só tiveron unha suba do 4%

A desigualdade salarial tamén se incrementou entre os distintos grupos de idade, sendo as xeracións máis novas as máis prexudicadas. Fronte a un aumento salarial medio do 11% en Galicia entre 2012 e 2017, os traballadores e traballadoras de 25 a 34 anos só tiveron unha suba do 4%. Naqueles asalariados de máis de 55 anos a suba foi do 11%. 

No grupo de idade entre 25 e 34 os salarios levan practicamente conxelados dende hai unha década. O soldo medio no ano 2008 era de 16.169 euros brutos anuais, e aínda que no ano 2010 se elevara ata os 17.549 euros, durante a recesión chegou a caer ata os 16.277 euros (2013). Catro anos despois o incremento é tan cativo que o nivel segue lonxe do acadado en 2010, ficando a media nos 16.932 euros.

A diferenza salarial entre homes e mulleres en Galicia rolda os 5.500 euros brutos anuais, exactamente a mesma que había no ano 2008

En canto á fenda salarial de xénero, mantense practicamente inalterable ao longo da última década. O salario medio dos traballadores galegos era no ano 2008 un 27% superior ao das traballadoras. A diferenza chegou a incrementarse ata o 32% no ano 2012 e dende entón experimenta un leve descenso, ata ficar no 29% en 2017, aínda por riba dos datos de hai unha década. A diferenza salarial entre homes e mulleres en Galicia rolda os 5.500 euros brutos anuais, exactamente a mesma que había no ano 2008.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.