A fenda salarial entre homes e mulleres é un feito. Os traballadores galegos cobran un 22% máis que as mulleres, unha situación que se produce en boa medida polas dificultades que as mulleres atopan para acceder a empregos con mellores condicións ou a niveis profesionais mellor remunerados, un teito de cristal ou chan pegañento que deriva principalmente doutra fenda, dunha situación de desigualdade estrutural fóra do ámbito laboral, na vida.
"Ata que non entremos realmente na democratización real dos fogares e da vida cotiá, e nun reparto igualitario da asunción de responsabilidades, non se solucionará a fenda laboral de xénero"
As mulleres deben responsabilizarse en maior medida que os homes das tarefas de coidados: o fogar, os fillos e fillas, as persoas dependentes..., unha dupla ou tripla xornada laboral que frea o seu acceso a determinados postos de traballo. De novo os datos están aí: o 22% das traballadoras galegas teñen empregos a tempo parcial, unha porcentaxe que nos homes é do 6% e o 93% da poboación galega que traballa a tempo parcial para coidar a familia son mulleres. E as estatísticas tamén amosan que a partir do momento en que unha muller ten fillos ou fillas, as súas retribucións comezan a afastarse máis das que reciben os varóns, que en cambio non se ven penalizados pola paternidade. Por non falar dos casos máis extremos nos que as traballadoras sofren acoso laboral, como lle sucedeu a Patricia Estévez en Termocalor, ou ven como os seus contratos non son renovados.
A folga convocada para este 8 de marzo é laboral, estudantil, de consumo e tamén de coidados, incidindo moito o movemento feminista neste último aspecto, que non se pode separar dos demais. Os coidados non son un compartimento estanco, senón que determinan e acrecentan as outras desigualdades. E, como destaca a economista Carmen Castro (Plataforma Feminista Galega), mentres non haxa corresponsabilidade no fogar, as demais fendas non desaparecerán, independentemente do que fixen as leis ou programas de igualdade.
"Ata que non entremos realmente na democratización real dos fogares e da vida cotiá, e nun reparto igualitario da asunción de responsabilidades, non se solucionará a fenda laboral de xénero", destaca Castro. "Hai que poñer o foco de atención en como nos está afectar o chan pegañento, é dicir, como quedamos atrapadas en niveis profesionais cos menores niveis de renda e dereitos laborais e coas maiores condicións de precariedade", di.
"A fenda precariza as vidas e traslada unha imaxe de vulnerabilidade e de desigualdade a todas as mulleres"
Aínda hai unhas dúas horas de diferenza entre o tempo de traballo total que realizan as mulleres e o que realizan os homes. "A consecuencia é que a nosa incorporación ao traballo remunerado realízase nunhas condicións de maior precariedade, ocupando a maior parte dos empregos a tempo parcial. Deriva tamén na fenda salarial, pois a etiqueta de menor dispoñibilidade afecta tamén aos salarios que cobramos", explica.
Carmen Castro advirte de que estas dinámicas "afectan a todo tipo de mulleres", tanto as que teñen boas carreiras profesionais e empregos ben remunerados como ás que están máis precarizadas: "A fenda precariza as vidas e traslada unha imaxe de vulnerabilidade e de desigualdade a todas as mulleres, mesmo ás que ocupan postos directivos, que ven dificultada a súa promoción profesional". Porén, Castro advirte de que "ás mulleres que están máis precarizadas, en sectores de maior vulnerabilidade, aféctalles moito máis". Por exemplo, todo o sector de emprego do fogar, ou as coidadoras de persoas dependentes nos centros de atención, ou as camareiras de piso. "Son sectores hiperfeminizados que carecen de dereitos laborais básicos", lembra, advertindo tamén da "racialización de determinados empregos" e do crecemento de actitudes racistas, que se engaden a unha situación de precariedade e de maiores obstáculos polo feito de seren mulleres. Múltiples xornadas e múltiples discriminacións.
As solucións
"As referencias desiguais seguen estando nos fogares e os nenos e nenas ven quen limpa o baño e quen se limita a poñer a mesa"
Como mudamos esta realidade? "A vía educativa é fundamental. Non dá resultados a curto prazo, pero é fundamental traballar aí, é fundamental que as crianzas vexan outro tipo de referentes e que os procesos de aprendizaxe social se realicen dende unha base igualitaria", di Carmen Castro, que advirte de que "é difícil investir en educación para a igualdade se non mudamos a realidade de hoxe, porque as referencias desiguais seguen estando nos fogares e os nenos e nenas ven quen limpa o baño e quen se limita a poñer a mesa".
Castro achega outras vías de solución: "Para mudar esta realidade requírese primeiro unha interpelación aos homes". "Aínda que son cada vez máis quen están poñendo en cuestión o modelo de masculinidade hexemónica e a súa ausencia nos ámbitos de coidados, o certo que a porcentaxe de varóns que pensa así non é aínda significativa", advirte. En segundo lugar, Carmen Casto fai un chamamento a "interpelar os poderes públicos para que poñan en marcha políticas con capacidade para mudar esa realidade". "Esas políticas non deben ser bonos de tempo ou axudas directas ás familias para facer máis levadeira esa situación, senón investir en emprego público, reforzar ou volver artellar un sistema de servizos públicos de proximidade e de atención aos coidados, que sexa garantista e universalista. Ou a reforma dos permisos por nacemento para que sexan igualitarios. Hai unha serie de políticas que poden ter un efecto inmediato", di.
"Hai unha serie de políticas que poden ter un efecto inmediato. Hai que investir en emprego público, reforzar ou volver artellar un sistema de servizos públicos de proximidade e de atención aos coidados"
Neste senso, Castro advirte de que "se está a producir unha intensificación do proceso de envellecemento da poboación e a atención ás persoas maiores e a calquera persoa dependente segue estando nas mans das mulleres". "O feito de que a sociedade en conxunto non asuma colectiva e publicamente a responsabilidade de como vai garantir este tipo de dereito de coidados que temos todas as persoas amosa que esta é unha sociedade que pretende crecer de xeito monetizado a costa do que realmente importa para a vida", di. "Ten que haber un maior investimento en políticas de coidado activas que pasen por crear emprego público e reverter os procesos de privatización dos servizos de atención ao domicilio, de xeito que pasen á xestión directa dos concellos", reclama.
O novo permiso por nacemento igual e intransferible
Carmen Castro forma parte da Plataforma por Permisos Iguais e Intransferibles de Nacemento e Adopción (PPiiNA) que dende hai anos avoga por aumentar e igualar os permisos de paternidade e maternidade para conseguir que os homes se corresponsabilicen dende o inicio da crianza dos seus fillos e fillas, loitando así contra a fenda de xénero e o reparto desigual de coidados. O Goberno central aprobou a pasada semana o decreto que incrementará os permisos de paternidade de xeito que no 2021 cheguen ás 16 semanas que neste momento teñen as mulleres.
"É un bo paso para que os homes conten con maiores responsabilidades no coidado, pero non é abondo para o coidado dunha criatura que acaba de nacer"
"O feito de que se equiparen os permisos e que sexan intransferibles e plenamente remunerados é unha moi boa noticia, aínda que non é a reforma que estabamos a pedir dende a PPiiNA", di Carmen Castro, que explica que "o problema é que o decreto obriga a que as 6 primeiras semanas sexan obrigatoriamente simultáneas, impedindo que unha parella biparental poida decidir se alongan o tempo tomándoas de xeito consecutivo". "Isto é produto dunha resistencia a ver os homes asumir a súa corresponsabilidade en exclusiva. E a consecuencia pode ser que nas parellas heteronormativas, cando as dúas persoas teñan ese permiso simultáneo, a inercia faga que a nai asuma o papel de coidadora principal e que os seus compañeiros sexan os coidadores axudantes ou asistentes", lamenta.
"É un bo paso, pero non é abondo. É un bo paso no sentido de que os homes conten con maiores responsabilidades no coidado e funcionará como acelerador do cambio social, pero non é abondo para o coidado dunha criatura que acaba de nacer. A partir desa equiparación habería que ir incrementando o tempo para que cando menos os permisos cubrisen o primeiro ano de vida do neno ou nena", reclama. "Ademais, hai que reforzar esta medida con outras, investindo na creación de emprego público no ámbito dos coidados, porque se non, estaremos mantendo esa distorsión entre o obxectivo de avanzar en igualdade cunha realidade de que a maior parte do traballo de reprodución das nosas vidas segue estando precarizado", engade.