8 gráficos que amosan que a precariedade laboral en Galicia ten nome de muller

Traballadoras de Calvo en Esteiro © CIG

Tanto CIG como UGT publicaron esta semana senllos informes que debullan con datos a situación laboral das mulleres galegas, alertando de que se mantén unha gran desigualdade de xénero no traballo, tanto nos soldos (cunha fenda salarial que se mantén invariable) coma noutros aspectos, sufrindo as mulleres condicións moito máis precarias.

"Todos estes datos confirman que a precariedade segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas", di a CIG

A denuncia desta fenda salarial, das condicións de pobreza que sofren mesmo as persoas (especialmente as mulleres) que cobran un salario, da temporalidade e da precariedade contractual serán un dos eixos centrais da folga do 8 de marzo e das mobilizacións que ese día terán lugar en todo o país. 

"Todos estes datos confirman que a precariedade segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas. As mulleres seguen a sufrir fenda salarial, traballando en categorías inferiores, con peores retribucións polo simple feito de seren mulleres. Continúan afastadas dos grupos de poder e da toma de decisións por mor dun chan pegañento que as impide promocionar", destaca a CIG, que engade que "seguen aturando acoso e agresións sexuais a pesar da existencia de protocolos nas empresas. Son despedidas a causa da maternidade. Continúan realizando duplas e triplas xornadas e con escasos dereitos laborais que faciliten a conciliación, obrigándoas na práctica a reduciren horarios e ingresos".

"Seguen aturando acoso e agresións sexuais. Son despedidas a causa da maternidade. Continúan realizando duplas e triplas xornadas", engade a central

UGT destaca que a brecha salarial suponlle ás mulleres galegas deixar de percibir un total de 2.694,4 millóns de euros ao ano, unha cantidade resultante de que os ingresos brutos anuais das traballadoras (16.123 euros de media) seguen máis de catro mil euros por debaixo dos que reciben os varóns (20.554 euros). Unha fenda do 21,56% que pouco variou na última década. Era do 23% en 2009 e só en 2017 caeu por debaixo do 22%.

Esta diferenza está motivada por moitos factores: dende a temporalidade ata as xornadas parciais (maioritariamente femininas), pasando pola terciarización do emprego das mulleres (o 85% das traballadoras pertencen ao sector servizos, o que sofre os salarios máis reducidos). Outro factor importante é o dos complementos ao salario base, dende a produtividade ás horas extra, ás que moitas mulleres deben renunciar pola súa dobre xornada laboral, tendo que ocuparse da maior parte das tarefas domésticas e de coidados. 

Ademais, estes complementos "moitas veces non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden tras de si discriminacións directas", denuncia UGT no seu informe. A diferenza de xénero nestes complementos (un 28%) é moi superior á fenda que se dá nos salarios base (21%)

A principal consecuencia destes salarios baixos é o fenómeno das traballadoras pobres: mulleres que a pesar de ter un emprego de forma continuada están por debaixo do limiar da pobreza ou roldan o Salario Mínimo Interprofesional. O 37% das mulleres traballadoras en Galicia ingresaron no ano 2017 salarios por debaixo do SMI (9906 euros anuais, 707 ao mes) e o 20,5% non chegou nin á metade desa cantidade. O 56% das traballadoras tivo ingresos por debaixo dos 1.061 euros mensuais.

A CIG lembra, neste senso, que o 22,2% das mulleres en Galicia viviron por debaixo da liña da pobreza no ano 2017, practicamente 1 de cada 4. De igual xeito, o 59% das perceptoras da RISGA foron mulleres. "Estes datos amosan a faciana de muller que ten a pobreza en Galicia, co engadido de que a inmobilidade social existente fai moi difícil saír esta", denuncia o sindicato, que engade que "é practicamente imposíbel mellorar cando as políticas de protección social son moi pouco redistributivas, e dependen maioritariamente da vida laboral das persoas".

Un dos grandes problemas que sofren as mulleres traballadoras en Galicia son as dificultades para acceder a empregos a tempo completo. 113.000 das 145.000 persoas con emprego a tempo parcial no noso país son mulleres e a gran maioría recoñece que lle gustaría traballar a tempo completo pero non pode, por non atopalo ou por ter que se ocupar do coidado de nenos/as, persoas maiores e outros/as dependentes. O 22% das traballadoras galegas teñen estes empregos a tempo parcial, unha porcentaxe que nos homes é do 6%.

Difícil é tamén a situación de temporalidade que sofren as mulleres, neste caso nun nivel semellante ao dos homes. A taxa de temporalidade feminina é do 28,7% e a do varóns sitúase no 25,6%. Durante o ano 2018 as mulleres galegas asinaron 509.831 contratos laborais e só o 5% foron contratos indefinidos e o resto foron contratos temporais. O 30% foron de duración indeterminada (obra e outros), o 36% tivo unha duración inferior a unha semana (un total de 174.687) e outro 12,5% entre unha semana e un mes (60.259).

Así mesmo, as mulleres sofren máis o desemprego. Entre 2009 e 2016 houbo máis homes en paro, unha situación que se acrecentou nos peores anos da crise (de 2012 a 2014). Porén, a recuperación do emprego está a ser máis rápida para os varóns, de xeito que na actualidade hai sete mil mulleres paradas máis.

Os efectos de todo isto déixanse ver no cobro de prestacións de todo tipo e sobre todo nas pensións. Os homes xubílanse con máis anos cotizados e con bases de cotizacións máis elevadas. Na actualidade, entre as persoas que se xubilan con 65 a diferenza entre os anos cotizados por homes e mulleres é duns 11 anos (34 fronte a 23). Poderíase pensar que esta fenda se está a corrixir nas últimas décadas; porén, esta diferenza tamén se advirte entre as persoas que teñen menos de 45 anos e mesmo en idades máis novas.

A diferenza nas bases medias de cotización de homes e mulleres de 65 anos sitúase hoxe nos 326 euros (1.819 fronte a 1.493). Pero xa entre as persoas entre 25 e 35 atópase por riba dos 200 euros. O pasado ano Victoria Portas (Movemento Galego en Defensa das Pensións - Modepen) alertaba de que "a esixencia de vidas laborais prolongadas dificulta que as mulleres poidan acceder a unha pensión".

En consecuencia, existe unha gran diferenza entre as pensións de xubilación que cobran homes e mulleres, atopándose un gran número de galegas xubiladas ao borde do limiar da pobreza. A fenda supera na actualidade os 400 euros (1.080 euros os homes, 679 euros as mulleres), unha diferenza do 37%, o que significa que as pensións de xubilación (contibutivas) cobras polas galegas non chegan nin sequera ao SMI previo á recente suba realizada polo Goberno central.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.