Organizando o 8M: "As mulleres temos que estar máis unidas ca nunca"

Manifestación feminista en Vigo o pasado ano CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Falta pouco máis dun mes para o 8 de marzo, día no que de novo o movemento feminista convoca unha folga xeral de mulleres no ámbito laboral, pero tamén no dos coidados, o consumo e tamén o ensino. O movemento feminista galego, organizado a través de Galegas8M, vén traballando arreo nas últimas semanas para avanzar na coordinación e conseguir que a mobilización volva ser un éxito. 

A mobilización comezará de forma destacada o domingo 3 de marzo coa manifestación nacional, que terá lugar en Lugo, 

Unha mobilización que irá máis aló da propia xornada dese venres 8 de marzo e que comezará de forma destacada o domingo 3 de marzo coa manifestación nacional unitaria, que desta volta terá lugar en Lugo, onde se espera que haxa unha marcha masiva, con mulleres e homes chegados dende todo o país. Cómpre lembrar que o pasado ano o éxito da manifestación nacional celebrada en Vigo 4 días antes do 8M foi un dos factores que motivou a gran participación que tivo a folga aquel día.

"Facer unha folga require de moito traballo, coordinar moitos aspectos e chegar a moitas mulleres ás que normalmente non chegamos", explica Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega), que está a participar activamente nas moitas asembleas e xuntanzas que nas últimas semanas están tendo lugar en toda Galicia. Participou tamén na asemblea estatal que hai 10 días se celebrou en Valencia, á que asistiron medio milleiro de activistas de todos os territorios.

"A unidade é importante ante todo o que está pasando, vendo as ondas de crecente antifeminismo que está habendo en España"

Estévez fai fincapé en varios temas que están sendo importantes nestas xuntanzas previas. Un deles é o da necesaria unidade do movemento feminista. As asembleas estanse celebrando de forma aberta, participando neles todos os colectivos e entidades feministas e mulleres a título individual. De igual xeito, estase traballando para que todas as mobilizacións tamén sexan unitarias, tentando evitar "que se introduzan outro tipo de debates" que dividan o movemento. "Pensamos que é importante ante todo o que está pasando, vendo as ondas de crecente antifeminismo que está habendo en España. Todos os colectivos e todas as mulleres temos que estar máis unidas ca nunca e non debemos recuar, debemos defender todas as conquistas acadadas e avanzar nas que están aínda por conseguir", di.

O outro aspecto clave é o da organización a nivel local. Está habendo asembleas nas cidades, pero tamén en vilas e mesmo en localidades moito máis pequenas. O pasado ano as manifestacións en Vigo, A Coruña ou Compostela foron masivas, pero foi igualmente importante e significativo (ou mesmo máis) que concellos pequenos reunisen concentracións feministas de centos de persoas. Localidades da Mariña lucense como Barreiros, Cervo, San Cibrao, Burela, Trabada acolleron nos últimos días xuntanzas para coordinar a folga do 8 de marzo. Tamén Nigrán, Vilalba, Chantada, Barbadás, Ortigueira... "Pensamos que é importante a organización local en cada cidade e vila, en todas as comarcas, mesmo nas localidades máis pequenas, para o éxito da folga", sinala Pilar Estévez.

Na folga laboral semella que hai avances con respecto ao pasado ano. Se xa no 2018 sindicatos como CNT, CGT, CUT ou SLG convocaran a folga de 24 horas, este ano uniuse a CIG. Ademais, aínda que UGT e CC.OO. van chamar unicamente a paros de 2 horas, deixaron a porta aberta a que nalgúns sectores o paro se puidese estender a toda a xornada. Así o fará, por exemplo, CC.OO. no ensino e aínda hai outras federacións deste sindicato que nos vindeiros días poderían anunciar movementos semellantes.

"Imos facer todo o posible para que todas as mulleres poidan participar na folga, mesmo aquelas que por ter unha situación contractual moi precaria non o poden facer"

No ámbito laboral será importante comprobar que non se repitan os obstáculos que moitas mulleres sufriron o pasado ano para poder exercer o seu dereito á folga. E, de igual xeito, os servizos mínimos impostos por algunha administración, como a Xunta, que xa no seu momento foron criticados por "abusivos", algo que despois foi sentenciado polos tribunais.

"Imos facer todo o posible para que todas as mulleres poidan participar na folga, mesmo aquelas que por ter unha situación contractual moi precaria ou porque polo motivo que sexa non poidan acompañar a folga a pesar de querer facelo", destaca Estévez. "Imos promover formas simbólicas de apoio da folga e accións nos días previos ou na noite anterior ao 8M, con cazoladas polos barrios, por exemplo, e outras actividades", di.

Asemblea dos movementos feministas galegos, hai dúas semanas en Allariz © Galegas8M

Entre as cousas as mellorar con respecto ao 2018, Pilar Estévez incide nas folgas de coidados e de consumo: "As folgas de coidados e de consumo non quedaron suficientemente visibilizadas. Temos que facer moitas máis actividades para que estes dous aspectos non se vexan só o día da folga, senón tamén previamente". Estévez comenta que na asemblea estatal celebrada en Valencia "apostouse por facer varios días de folga de coidados e de consumo antes do 8M". "Nalgúns lugares vaise facer un día de folga á semana durante varias semanas e en Valencia van ser 8 días seguidos, rematando o 8 de marzo", explica.

"As folgas de coidados e de consumo non quedaron suficientemente visibilizadas. Temos que facer moitas máis actividades previamente"

En canto á folga de consumo, Pilar Estévez salienta que "non podemos consumir sen ver a parte de poder que ten o noso consumo. Temos que facer un consumo máis centrado na terra e nos produtos autóctonos e ser conscientes de que o actual xeito maioritario de consumir propio do capitalismo xera desigualdades e miseria nas mulleres doutros puntos do planeta".

Finalmente, subliña a importancia de que os medios de comunicación informen da convocatoria da folga nestas semanas previas. "De momento a folga está sendo moi pouco visible nos medios", adivrte. O pasado ano ficou clara a importancia que na visibilización do paro tivo a presión que as mulleres xornalistas exerceron no interior dos medios e o propio feito de que individualmente e como colectivo se unisen á folga, como subliñou Xornalistas Galegas, constituída oficialmente como entidade o pasado mes de novembro.

Unha das imaxes da convocatoria do 8M para este ano © 8mGaliza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.