Sospeitas de fraude no contrato de Cardama co Uruguai, "dano reputacional" para o estaleiro e o naval galego

Instalacións de estaleiros Cardama, no Porto de Vigo © Cardama

En 2024 Uruguai encargou ao estaleiro vigués Cardama a construción de dúas patrulleiras oceánicas por 84 millóns de euros, o meirande encargo recibido nunca pola empresa galega. Porén, o país sudamericano anunciou a intención de rescindir o contrato polos "fortes indicios de fraude ou estafa"

No ano 2024 o Goberno de Uruguai encargou ao estaleiro vigués Cardama a construción de dúas patrulleiras oceánicas OPV (Offshore Patrol Vessels) por un valor de 84 millóns de euros. Tratábase do meirande encargo recibido nunca pola empresa galega e supuña ademais o primeiro pedido de construción de buques recibido dende o ano 2017 por Cardama, que nos últimos tempos estivera máis dedicado ás reparacións.

Porén, o pasado 22 de outubro o presidente do país sudamericano, Yamandú Orsi, anunciaba a intención de rescindir o contrato polos "fortes indicios de fraude ou estafa ao Estado" atopados nun encargo realizado polo executivo anterior (Orsi foi investido presidente o pasado mes de marzo)

As sospeitas de Uruguai iniciáronse hai meses coa demora na entrega dunha garantía de fiel cumprimento do pedido, un aval equivalente ao 5% do contrato total da obra. Os 45 días de prazo iniciais acabaron convertidos en once meses (un período moi longo, pois o primeiro barco debía ser entregado aos 18 meses). 

O presidente uruguaio, Yamandú Orsi, na rolda de prensa na que anunciou a rescisión do contrato con Cardama © Gobierno de Uruguay

O atraso na entrega dun aval (debía estar en 45 días e chegou en once meses) avivaron as sospeitas e a ruptura precipitouse ao comprobar a ilegalidade dunha garantía achegada por unha empresa británica inexistente

Cando finalmente chegou o obrigado aval, este foi achegado pola empresa Eurocommerce, cunha suposta sede en Londres, que en realidade correspondía a unha inmobiliaria. “Hai indicios fortes de que esta empresa é unha empresa de papel e de que estaríamos ante unha fraude ante o Estado uruguaio", sinalou un representante do goberno sudamericano, que lembrou que a compañía británica apenas tivera actividade nos anos anteriores e que se atopa en liquidación dende o mes de agosto.

Esta constatación precipitou a decisión do Goberno uruguaio, pero xa no mes de abril catro militares -un antigo xefe da Armada, dous contraalmirantes e un capitán de navío- foron arrestados por, supostamente, incorrer en irregularidades nas xestións realizados con Cardama. Ademais, xa no seu momento, o encargo realizado a Cardama xerou polémica no país austral, debido ao carácter limitado da oferta, cun prezo moi inferior ao proposto por estaleiros de diversos países, que foron descartados. Dende a oposición, o Frente Amplio opuxérase ao contrato. 

A empresa galega nega que existise fraude e considérase igualmente "vítima" do sucedido, ofrecéndose a dar outra garantía de 4,2 millóns de euros a Uruguai para evitar a ruptura do contrato

Segundo publicou a prensa uruguaia no seu momento, a oferta mellor avaliada polas comisións técnicas foi a de a empresa chinesa CSTC, iso si, cun custo moi superior, case o dobre que a opción presentada por Cardama. Porén, aparentemente a presión dos Estados Unidos fixo que se descartase a oferta chinesa, segundo publicou El Observador. Cando se reabriu o proceso, este realizouse con moitas menos garantías, resolvéndose de forma acelerada e sen os trámites habituais para este tipo de licitacións.

Pola súa banda, a empresa galega nega que existise fraude e considérase igualmente "vítima" do sucedido, sinalando Mario Cardama -director do estaleiro- que houbo "erros administrativos". Para a empresa viguesa, a decisión do goberno uruguaio “non se axusta ao principio de boa fe contractual”. Ademais, critica que tivo coñecemento da rescisión a través da prensa, “sen que mediase unha comunicación ou intercambio previo entre as partes”.

A empresa, que recibira xa 26 millóns de euros para iniciar a construción das patrulleiras, afirma que o 90% desa cantidade está xa comprometida nos pagamentos á industria auxiliar e na compra de materiais e que "o 60% do aceiro do primeiro barco xa está listo". A compañía sinala que manterá "o ritmo previsto de obra e a adquisición de materiais conforme ao contrato". O primeiro dos barcos debía ser entregado xa este verán.

Cardama ofrécese a dar outra garantía de 4,2 millóns de euros a Uruguai para evitar a ruptura do contrato pois non entende que o acordo se rescinda "por erros administrativos nun aval”. En declaracións á prensa, MArio Cardama sinalou que a "exerceremos o noso dereito a defendernos" e que "o dano que están causando ao estaleiro é enorme". 

Vista aérea das instalacións dos estaleiros de Cardama no Porto de Vigo © Cardama

 O Goberno uruguaio, que xa anunciou que iniciará unha demanda xudicial contra Cardama, levou xa o asunto á Fiscalía do país para a investigación dunha operación que pode ter maiores consecuencias

Este mércores Uruguai comunicou a Cardama o inicio do proceso de mediación para iniciar as accións recollidas no contrato de cara a un "eventual resarcimento". O Goberno uruguaio, que xa anunciou que iniciará unha demanda xudicial contra Cardama, levou xa o asunto á Fiscalía do país para a investigación dunha operación que pode ter maiores consecuencias. Tamén denunciará a Eurocommerce ante a xustiza británica. Ante a ilegalidade do aval presentado, a clave do asunto radica no coñecemento previo de Cardama destas irregularidades, o que convertería unha mala praxe nun intento de estafa.

Ademais do evidente "dano reputacional" a Cardama, o caso podería ter consecuencias negativas para o conxunto do sector naval galego, de cara a futuros concursos internacionais para facerse con contratos de construción de buques.

Traballos de reparación nun barco nos estaleiros Cardama © Cardama

En Uruguai, ademais do proceso xudicial en marcha, a polémica do encargo a Cardama converteuse xa nunha batalla política entre o actual goberno de esquerdas do Frente Amplio e o anterior executivo, sostido por unha coalición conservadora

"Resulta evidente que estamos fronte a unha situación moi grave que vai requirir unha investigación en profundidade para ver se desta manobra aparentemente fraudulenta hai complicidade por parte de funcionarios públicos que actuaron e non resgardaron a defensa do Estado fronte a un contrato millonario", sinalou o presidente Yamandú Orsi.

En Uruguai, ademais do proceso xudicial en marcha, a polémica do encargo a Cardama converteuse xa nunha batalla política entre o actual goberno de esquerdas do Frente Amplio e o anterior executivo, sostido por unha coalición conservadora. O ex-presidente Luis Lacalle Pou -responsable último do encargo- sinalou que a rescisión do contrato responde a unha “operación política". Lacalle Pou afirmou que “este Goberno está máis dedicado a destruír o que atopou que a construír". “Cada día hai indicios máis fortes de que existiu un engano ou unha posta en escena” sobre a obrigada garantía, "un elemento imprescidible" para que o contrato exista, sinala o Goberno uruguaio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.